Intervención na Comisión para a Igualdade do Parlamento de Galicia apgadmin Marzo 29, 2023

Intervención na Comisión para a Igualdade do Parlamento de Galicia

Intervención da presidenta da APG, María Méndez, na Comisión non Permanente de Estudo para a Igualdade e para os Dereitos das Mulleres (29 de marzo de 2023):

“Ante todo quero expresarlles, en nome da Asociación de Xornalistas de Galicia, a nosa noraboa pola constitución neste Parlamento da Comisión de Igualdade e Dereitos das Mulleres. E agradecemos ao presidente da Cámara a súa invitación para intervir neste novo espazo de reflexión.

Que o máximo órgano de representación dos galegos poña en marcha un foro de debate como este, co excelso propósito de propor despois solucións aos problemas principais que atenden ás mulleres, tanto no ámbito laboral, como de discriminación e exclusión noutros planos da vida pública, merece un recoñecemento.

Porque aínda son moitos os retos aos que nos enfrontamos, desde todas as instancias, para lograr a plena igualdade de xénero. E máis, os desafíos que temos que superar, se queremos que sexa unha realidade sen ambaxes, en todos os ordes da nosa vida.

Pero sen dúbida, a súa visibilización e ter a firme crenza de que as desigualdades existen, xa supón un avance que, a bo seguro, nos obrigarán a articular os procesos necesarios desde todos os frentes institucionais (públicos e privados), e tamén sociais, para camiñar cara á meta de que o xénero deixe de supoñer un elemento para a discriminación.

Hoxe estou neste foro de debate e diálogo como xornalista e como representante dun bo número deles. E quizais por iso, podería considerarse como un exercicio arriscado por parte miña indicarlles o camiño que deben seguir na toma en consideración de iniciativas lexislativas, que poidan axudar a reducir as desigualdades de xénero.

Creo que a miña humilde achega a esta Comisión, máis aló de facer unha análise da coyuntura na que se atopan as nosas institucións e empresas xornalísticas en canto á cuestión de xénero, é tratar de achegarlles a miña visión como profesional do xornalismo e, por tanto, como espectadora privilexiada do que acontece no noso entorno social e económico.

Desde a nosa asociación, altamente implicada coa consecución da igualdade, vimos realizando nos últimos catro anos un Congreso de Medios de Comunicación e Igualdade. Esa iniciativa, desenvolvida coa colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, ten como propósito implicar aos profesionais e ás empresas nas que traballan, nese obxectivo.

Pode estar mal que eu o diga, pero ese foro supón unha ambiciosa convocatoria encamiñada non só a integrar a medios e xornalistas nesa loita (por certo, permítanmo recoñecer, cun respaldo pleno por parte súa), senón tamén a fixar unha mirada crítica sobre o que xa se está facendo a día de hoxe, en e desde os propios medios, en aras de avanzar cara a unha perspectiva igualitaria.

Non é descoñecido que, a pesar dos grandes pasos que xa demos, a desigualdade segue insistente, pois todas as enquisas continúan reflectindo unha importante fenda salarial por sexos. Ou porque o teito de cristal segue limitando, por non dicir estrangulando, as expectativas de moitas profesionais mulleres. De aí que a presenza feminina nos cadros directivos, conte con ratios aínda moi exiguos.

Pero comprenderán que non me corresponde a min falar en nome das empresas xornalísticas que, sexan tradicionais ou dixitais, son hoxe auténticos adalides da loita polo mantemento das súas estruturas e, xa é evidente, están esforzándose por desenvolver os códigos para situar os seus cadros humanos na perspectiva de xénero.

Onde si é preciso pararse, penso, é nalgunha das principais conclusións que botaron con máis frecuencia as diferentes edicións do noso Congreso de Medios e Igualdade, e que inspiraron despois importantes campañas para concienciar sobre a necesidade de crecer no campo da igualdade de xénero.

Podería afirmar sen ambaxes que, a nosa evidencia -reforzada por múltiples ponentes-, é que a educación en igualdade supón un dos primeiros e fundamentais eslabóns na cadea cara á plena equiparación de dereitos entre xéneros.

Así como xa está recoñecido o importante papel que desempeñan os medios de comunicación, á hora de concienciar sobre a necesidade de eliminar estereotipos que promoven a desigualdade, será preciso afondar na enorme repercusión que tería traballar no capítulo da educación.

Habrá que facelo desde as etapas educativas temperás, sen ter que esperar á adolescencia; e de forma transversal, en todas as asignaturas e espazos da escola. Como todos os expertos en pedagoxía recomiendan, “é necesario falar de aceptación das diferenzas, sen partir dunha situación de inferioridade por ser muller”.

Unha investigación publicada na revista Science, e na que foron obxecto de estudo máis de 400 nenos e nenas de entre cinco e sete anos, arroxa un resultado pouco alentador: as nenas créense menos intelixentes que os nenos nese tramo de idade.

Unha percepción que vai ter un notable impacto sobre as decisións que as rapazas adopten ao finalizar a súa educación elemental, e que explica en gran medida porque menos mulleres que homes escollen as disciplinas integradas nas áreas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).

Outro informe, elaborado por Adecco con 2.000 mozos de entre 4 e 16 anos, advírtenos de que o sexismo está presente tamén en idades moi temperás. Así, máis do 50% dos mozos consideran que as tarefas do fogar son responsabilidade das mulleres. Conclúe ademais ese estudo, que as profesións ás que aspiran os mozos seguen gardando estereotipos de xénero habituais.

As xornalistas evidenciaron tamén nos nosos congresos outra das grandes materias pendentes e que impiden en gran medida as expectativas de crecer das mulleres no campo profesional: a conciliación da vida familiar e laboral.

Non se trata dunha preocupación illada do noso entorno. A Unión Europea calcula que cada semana, como media, as mulleres dedican 22 horas non remuneradas ao coidado dos fillos, 12 máis que os homes. Ademais, as responsabilidades relativas ao coidado da familia son a causa da inactividade profesional do 20% das mulleres europeas, pero só do 2% no caso dos homes.

E xa está constatado que nunha mesma evolución da carreira laboral dun home e dunha muller, a desta pode verse estancada ou incluso que se produza unha baixada no momento de decidir ser nais; mentres que na do home, ata pode supoñer un factor de promoción.

Ademais, son necesarias iniciativas encamiñadas a concienciar aos homes para que eles tamén se acojan ás medidas de conciliación xa que, en moitas instancias, cando tales disposicións existen, son utilizadas nun gran porcentaxe por mulleres (en torno a un 46%, fronte a un 25% de homes).

Outro dos grandes obxectivos no que aínda teremos que perseverar no ámbito profesional feminino refírese á eliminación do chamado “teito de cristal”, máis presente que nunca no ámbito laboral e, de forma moi especial, nas posicións de liderado.

Esa barreira invisible, pero que estrangula as aspiracións femininas de crecer laboralmente, dificulta que as mulleres -a pesar de ter a mesma cualificación e méritos que os seus compañeiros-, poidan acceder aos postos de maior rango de poder.

España sitúase no sexto posto en igualdade de xénero de funcións directivas da Unión Europea, con só un 6% de mulleres en posición de dirección xeral (1). E nos medios de comunicación, tan só un 20% contan con postos de responsabilidade, e un 10% dirixen e lideran, segundo datos da Asociación Multisectorial de Mulleres Directivas e Empresarias (AMMDE).

Esas limitacións culturais e ocultas, que impiden ascender na escala laboral ás mulleres, xeran a chamada “fenda salarial de xénero”, que tamén orixina outros factores como a segregación sectorial, a proporción desigual do traballo remunerado e non remunerado, e a propia discriminación salarial.

Un recente estudo do sindicato UGT mostra que a diferenza na remuneración entre homes e mulleres en Galicia é do 19,1%, fronte a un 13% de media na Unión Europea. Iso vén a supoñer unha merma de case 5.000 euros ao ano, segundo a Enquisa Anual de Estrutura Salarial do Instituto Nacional de Estatística (INE) de 2020, último ano do que se manexan datos.

En termos comparativos, o salario medio das mulleres galegas situábase en 2020 en niveis semellantes aos que tiñan os homes no ano 2007/2008, polo que temos que falar dun pésimo saldo, cunha década de desigualdade salarial.

No que atinxe ao noso sector da información e a comunicación, e tendo en conta os datos da Axencia Tributaria, a fenda salarial alcanzou un 21,5% en 2021 (último ano do estudo anual da Federación de Asociacións de Xornalistas de España-FAPE).

A gran cuestión que debemos plantexar agora é como diminuír esa fenda. Quizais, as últimas iniciativas lexislativas poderían producir un avance para logralo, pero probablemente resulten insuficientes, debido ao enorme diferencial favorable aos homes, que se vén dando.

É verdade que aínda é necesario chegar a unha maior implicación de toda a sociedade nesa responsabilidade. Pero as formacións políticas deben ser capaces de representar a sensibilidade que crece día a día na opinión pública, e ter a capacidade e a altura de miras necesarias, para concitar acordos que nos permitan conseguir unha sociedade máis igualitaria en canto a xénero. Establecendo os mecanismos necesarios para axudar a erradicar, e non só a mitigar, os factores que aínda contribúen á desigualdade.

Fomentando liñas de axuda e abrindo novas posibilidades de conciliación entre o ámbito laboral, persoal e familiar. Ademais, actuando de forma proactiva, con normas que animen á promoción das mulleres para postos de responsabilidade, promovendo iniciativas encamiñadas a aumentar a formación das mulleres, e tratando de asegurar a correcta valoración económica dos seus postos de traballo.

Nese capítulo, échase en falta abordar o problema do reparto desigual dos traballos domésticos non remunerados e os relacionados cos coidados. Debemos ir máis aló da mera conciliación, fomentando a corresponsabilidade na esfera da vida privada e dos coidados. É plausible pensar que, dese xeito, as mulleres poderán ampliar a súa dispoñibilidade para a realización de traballos remunerados.

De feito, o “Informe Coidados sen Fenda”, realizado por CCOO, cuantifica nun millón e medio o número de mulleres que non buscan emprego en toda España, porque teñen que coidar a outros, e nun 75%, o das mulleres que acoden involuntariamente ao traballo a tempo parcial, para poder dedicarse aos coidados.

Esos cambios terán que afectar ao ámbito familiar, porque coidar a outros é un traballo, non só ten que ver coas relacións privadas. Quizais sería adecuado abordar as reformas necesarias nas normas laborais, para que se teñan en conta ese tipo de actividades.

A participación feminina no mercado laboral é o que precisamente vén lastrando a posición de España no indicador de igualdade no traballo, segundo o Instituto Europeo para a Igualdade de Xénero. As grandes diferenzas na taxa de emprego a tempo completo de homes e mulleres, e o número de anos que pasan uns e outros traballando, fan que España se sitúe no posto vintetrés nesa categoría.

Sobra dicir que a igualdade salarial entre mulleres e home supón unha manifestación do respecto dos dereitos das mulleres traballadoras, e o recoñecemento ao traballo que realizan.. E como dereito, terá que ser asumido máis pronto que tarde.

Sen esquecer que ter menos ingresos produce un impacto negativo que afecta a toda a vida laboral da muller, incluíndo á súa xubilación e ás pensións que van percibir. E pola contra, fomentar a súa participación na economía, pero en termos de igualdade, xera unha maior competencia no mercado, promove a creación de emprego, e por ende, un maior desenvolvemento social.

Este século XXI, debería ser o do avance definitivo no camiño da igualdade. Non facelo coa celeridade adecuada, suporía perder a maior das oportunidades para un desenvolvemento social e económico sostible para todos. Deséxolles que poidan ser protagonistas da súa consecución.