Placas en honra de Bernal e Alvite na súa cidade apgadmin Marzo 23, 2023

Placas en honra de Bernal e Alvite na súa cidade

A APG homenaxea a José Luis Alvite e a Diego Bernal coa colocación de senllas placas nas casas nas que naceron, en Santiago de Compostela

Os xornalistas Diego Bernal e José Luis Alvite, ambos xa finados, recibiron unha homenaxe en Santiago de Compostela, a cidade que os viu nacer e onde se colocaron senllas placas nas casas nas que viñeron a este mundo. A iniciativa foi impulsada pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG), presidida por María Méndez.

“A APG culminou hoxe un antigo anhelo: colocar nas rúas compostelás placas en honra dos nosos queridos colegas Diego Bernal e José Luis Alvite. Gracias á nosa presidenta, María Méndez, polo seu tesón, ao Concello de Santiago e ás familias dos dous grandes xornalistas”, sinalou a Asociación de Periodistas de Galicia nun comunicado. A placa conmemorativa de Diego Bernal López está situada no número 70 da rúa do Vilar. Alí interviron María Méndez González, presidenta da APG; Nieves Bernal Modia, filla de Diego Bernal; e Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde do Concello de Santiago de Compostela. A comitiva oficial trasladouse posteriormente ao arco da praza de Mazarelos, onde tivo lugar o acto de descubrimento da placa conmemorativa en recordo de José Luis Rey-Alvite Martínez e onde interviron María Méndez; David Rey-Alvite Simón -fillo de José Luis Alvite-; e Xosé A. Sánchez Bugallo.