IV Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero da APG apgadmin Novembro 18, 2022

IV Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero da APG

María Fernanda Espinosa: “Estou convencida de que, se houbese máis mulleres na política internacional, habería menos guerras e sociedades máis pacíficas”

A expresidenta da Asamblea General da ONU María Fernanda Espinosa e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, inauguraron a primeira hora desta mañá, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago (USC), o IV Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero da APG.

Na apertura do evento, organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG) coa colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, tamén interviron a súa decana, Ana Isabel Rodríguez, e a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, María Méndez.

Na súa intervención, María Fernanda Espinosa mostrousese “convencida de que, se houbese máis mulleres na política internacional e ministras de Defensa, teríamos menos guerras e sociedades máis pacíficas”. “Hai 35 países en conflito no mundo”, engadiu, “e a voz das mulleres está ausente ou silenciada, como, por exemplo, nas negociacións para a paz en Ucrania ou nas conversacións en Afganistán cos talibáns”.

A ex presidenta da ONU lembrou que, segundo o Foro Económico Mundial, “agora serán necesarios 146 anos para acadar a igualdade de xénero plena, polo que se perderon 46 anos debido á pandemia, xa que as mulleres tiveron que estar na primeira liña desa loita… toda unha xeración de mulleres perdida”. “As mulleres estamos subrepresentadas en tódolos espazos de poder e, sobrerrepresentadas, en todos aqueles traballos de coidado da sociedade e peor remunerados”, afirmou.

Pola súa banda, a conselleira María Jesús Lorenzana indicou que, “tanto os medios de comunicación, como a sociedade e os gobernos, temos que buscar unha mensaxe única na procura da igualdade de xénero”. E destacou varias das actuacións do Executivo galego nesa materia, como o recente recoñecemento da explotación sexual como unha forma de violencia de xénero, o VIII Plan Estratéxico da Igualdade das Mulleres 2022-2027, que aprobaron este ano, o Plan Galego contra a Trata ou o III Programa de Muller e Ciencia, así como que a Xunta está a piques de aprobar o Plan Galego de Muller e Corresponsabilidade.

Lorenzana indicou que “necesitamos seguir traballando nesta liña, porque a violencia contra as mulleres só pode merecer o repudio da sociedade… esta loita é unha cuestión de Estado”. E subliñou o “importantísimo papel” que teñen os medios de comunicación, ao tempo que animou aos estudantes de Xornalismo -moitos deles, presentes no auditorio-, e chamou a atención sobre a necesidade de que conten cun pensamento crítico.

A experiencia das correspondentes de guerra
No IV Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero tamén participaron destacadas correspondentes de guerra: Mayte Carrasco, mellor correspondente no estranxeiro 2012 polo Club Internacional de Prensa (CIP), Marian Serén (RTVE), Leticia Álvarez (ex correspondente de Antena3-Onda Cero) e Sara Rincón (La Sexta).

Carrasco afirmou que “é necesario que nos chamen aos foros por expertas -por exemplo, eu, en xeopolítica e política árabe-, non por ser mulleres”. “Recibin múltiples premios, pero vostedes coñecen a Jon Sistiaga, e a min non, cando eu fun a Sistiaga de Afganistán”. “Nos conflitos hai que cambiar a narrativa da muller vítima e sofrinte, porque tamén hai mulleres que loitan e heroínas, pero están desaparecidas do relato xornalístico”.

Marian Serén, que relatou a súa experiencia nos países fronteirizos a Ucrania no comezo da invasión rusa, sinalou que “non debemos esquecer que as vítimas das guerras tamén teñen dereitos,” e engadiu que “non axuda nada que cada vez haxa máis medios nas guerras, máis obsesión polos directos e máis competencia”. “Os novos xornalistas deben plantexarse que tipo de xornalistas queren ser, deben procurar sempre a súa responsabilidade e a súa honestidade”.

Leticia Álvarez afirmou que “as mulleres non nacen vítimas pero, ademais, non so somos vítimas nos conflitos; por exemplo, a maternidade e a conciliación, paralízache e penaliza, sófrese moito”. “As mulleres que están na primeira liña durante as guerras, non están cando rematan, nin nos procesos de paz, nin nos de reconstrución”. “Os xornalistas deben realizar un labor nese sentido”.

Por último, Sara Rincón denunciou o “machismo e paternalismo cara ás mulleres, simplemente por acudir a unha zona de conflito e unha das principais misións do xornalista é empezar a poñerlle nome a todo iso; a min, por exemplo, pasoume por ser muller, nova e pequena de estatura”. “Eu aposto por un xornalismo transmedia porque nas redes sociais compren cousas que non compren na escaleta dun informativo de televisión, pero me adoitan chover críticas nas redes por cuestións unicamente estéticas, e non pola miña forma de exercer o xornalismo ou pola calidade da información”.

A xornada tamén incluiu dous paneis-coloquio, un de televisións e outro de medios dixitais, así como unha conferencia de María Ángeles Samperio, presidenta do Consejo de Género da Federación Internacional de Prensa (FIP).

Samperio fixo un percorrido histórico do papel das mulleres correspondentes de guerra e sinalou que “non é nada novo que as mulleres estean en zonas de conflito xa que, dende o principio amosaron interese, como as 200 mulleres de máis dunha ducia de países que viñeron a España a cubrir a Guerra Civil”. Samperio destacou o papel da Federación Internacional de Prensa (FIP) no apoio ás mulleres que exercen como conrrespondentes, pero tamén lembrou que “as mulleres se xogan a vida, non so nas frontes de guerra”.

O Congreso, que foi clausurado polo reitor da Universidade de Santiago, Antonio López Díaz, que indicou que “esta reflexión (o Congreso) aínda é necesaria, porque unha cousa é a igualdade formal e normativa, e outra, a real”, contou coa participación como moderadores e presentadores de varios profesores e alumnos da Facultade de Ciencias da Comunicación compostelá.