O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou no acto que o galardoado “pertence a unha xeración de xornalistas á que lle debemos que Galicia coñeceuse a si mesma”
A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) entregou hoxe o Premio Diego Bernal 2023, que acada este ano a súa 28 edición, ao editor de Mundiario e do Anuario do Foro Económico de Galicia, o xornalista José Luis Gómez, concedido “pola súa competencia e compromiso co xornalismo, que quedaron plasmados ao longo de catro décadas de intensa actividade”. A entrega correu a cargo do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que destacou que o traballo dos xornalistas “contribúe a fomentar o sentimento de unión e comunidade entre a poboación”, xunto coa presidenta da APG, María Méndez. O galardoado recolleu o Diego Bernal 2023 coa demanda de que os medios “sexan plurais e veraces”.
Os retos do xornalismo foron o fío condutor do acto, no que a presidenta da APG apuntou que “se pode avanzar nos retos propostos, entre eles, visibilizar as limitacións que vén sorteando a profesión”. O encargado de realizar a laudatio foi o vicepresidente da APG, José Castro, quen definiu o xornalismo do premiado como “elegante, informativo e libre”, repasando os seus máis de catro décadas de exercicio profesional, así como os distintos cargos e responsabilidades que desempeñou ao longo desa ampla traxectoria.

“Hai xente que pensa que o que se di nas redes sociais ten entidade xornalística”
Durante o seu discurso de agradecemento pola concesión deste premio que recoñece a sua traxectoria xornalística, Gómez resaltou “a súa vinculación co premio e o xornalista que lle da nome (Diego Bernal)” e “a gran ilusión que supón un recoñecemento dos compañeiros”. Ademais, afirmou que a prensa de calidade en España caracterizouse “por ser plural e veraz, y por fixar posición so na súa sección de opinión”. “Trátase dunha cousa elemental, que agora parece que se esqueceu”.
Na era de internet, o premiado lamentou que os principais agregadores non estean baixo o control dos medios -“nin en España, nin nos Estados Unidos”-, e sinalou que os grandes operadores nese mundo e no das redes sociais -case todos norteamericanos e chinos-, canalizan os medios, pero non teñen unha verdadeira cultura xornalística.” “Hoxe en día”, emgadiu, “todo está moi desordenado… mesmo hai xente que pensa que o que se di nas redes tén entidade xornalística, sen darse conta de algo tan elemental como que, nas redes, case non se fai xornalismo e investigación, nin se xerarquiza, nin contrasta a información.”
“Un é froito dos que te rodean, compañeiros, amigos, familia… e confésome afortunado tras traballar con grandes xornalistas en Compostela, A Coruña, Vigo, Barcelona; tamén en Madrid e por toda España e Europa adiante”, sinalou igualmente Gómez, nun plano xa máis persoal. “Ogallá poidera mencionalos a todos hoxe, pero hai nomes que non podo esquecer; son os finados José Luis Alvite, Armando Fernández-Xesta, Juan Ramón Díaz, Antonio Franco y Anca, aos que debo sumar outros nomes importantes na miña traxectoria profesional: Rey Novoa, Emilio Rey, Luis Fernández, Ángel Expósito, Carsten Moser, Sánchez Izquierdo, Jacinto Rey e Óscar Outeiriño”, engadiu.

“Un xornalismo sen cancelas, que non renuncia nunca á súa galeguidade”
O titular do Goberno galego, que asistiu acompañado do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, resaltou a figura do homenaxeado que, destacou, pertence a unna xeración de xornalistas “á que lle debemos que Galicia se coñecera a si mesma”. José Luis Gómez foi testemuña das orixes do autogoberno galego e contribuiu, dende a súa profesión, á creación dunha comunidade e dun sentimento de pertencia, “na que tódala cidadanía galega síntese implicada”. O fixo, tal e como lembrou Alfonso Rueda, primeiro como testemuña das vicisitudes da primeira fase da autonomía e, despois, como divulgador da actualidade galega e como experto en economía. E sempre, como articulista recoñecido polo seu coñecemento da realidade da que se ocupa e das claves que manexa.
O mandatario galego subliñou tamén a traxectoria de Gómez como executivo e impulsor de novos medios de comunicación que botaron man das novas linguaxes e dos novos soportes xornalísticos. “Un xornalismo sen cancelas” pero que, a entender do presidente da Xunta, “non renuncia nunca á súa galeguidade”. Rueda felicitou ao homenaxeado e desexoulle novos éxitos na súa carreira xornalística, para “seguir aportando novos e acreditados puntos de vista sobre o devir diario e a súa repercusión na sociedade galega, dende a práctica dun xornalismo veraz e independente”.

“Amplo e fecundo labor nos medios en todos os seus formatos”
O acto, celebrado no hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela e presentado por Susana López Carbia, coincidiu -como xa é tradicional- coa celebración do patrón dos xornalistas, San Francisco de Sales. A presidenta da APG iniciou a súa alocución dando conta dos méritos do galardoado para a concesión deste recoñecemento. Entre outros, lembrou, o seu amplo e fecundo labor nos medios de comunicación en todos os seus formatos -radio, televisión, internet e, sobre todo, prensa escrita-“, e a súa “ampla traxectoria, marcada pola competencia, o compromiso co xornalismo, a solvencia e o rigor”.
Ademais, Méndez valorou a faceta de Gómez como articulista, comentarista de actualidade e analista político-económico, o que completa o seu amplo rexistro profesional e que lle convirte, por dereito propio, “nun dos profesionais de referencia e imprescindibles no xornalismo galego contemporáneo”.
