José Luis Gómez, premio Diego Bernal 2023 ozonoadmin Xullo 14, 2022

José Luis Gómez, premio Diego Bernal 2023

A APG concede a José Luis Gómez o premio Diego Bernal 2023

A Xunta Directiva da Asociación de Periodistas de Galicia (APG) acordou por unanimidade outorgar o Premio Diego Bernal do ano 2023 a José Luis Gómez Gómez, editor de Mundiario, “por considerar que a súa acreditada traxectoria profesional reúne con fartura os requisitos e o espírito do galardón, instituído en lembranza do desaparecido e sempre lembrado xornalista compostelán”.

A Directiva da APG, constituída en xurado para a ocasión, subliña “o amplo e fecundo labor do galardoado nos medios de comunicación en todos os seus formatos: radio, televisión, internet e, sobre todo, na prensa escrita”. Ademais, estima que “a súa competencia e compromiso co xornalismo quedaron plasmados ao longo de catro décadas de intensa actividade, destacando en todas elas pola súa solvencia e rigor”.

A Asociación de Periodistas de Galicia valora tamén que “una a todas esas facetas a de articulista, comentarista de actualidade, ademais de analista político e económico, área esta última sobre a que escribiu libros e pronunciou numerosas conferencias”. O xurado conclúe que “José Luis Gómez é, por dereito propio, un dos profesionais imprescindibles no xornalismo galego contemporáneo”.

Dilatada e variada traxectoria profesional

Nado en Brión (A Coruña), en 1958, José Luis Gómez é xornalista. Foi redactor, xefe de sección, redactor-xefe e director de La Voz de Galicia. Tamén ocupou o cargo de director editorial do Grupo Voz, onde traballou en total entre 1982 e 1999. Nese último ano incorporouse ao Grupo Zeta como director editorial da División de Prensa Diaria, para logo convertirse en director de Coordinación de Publicacións e de Comunicación, posto que desempeñou ata 2003.

Entre 2003 e 2004 desenvolveu o proxecto do diario Xornal de Galicia que, tras ser suspendido, retomou en 2008 como director-fundador, posto que desempeñou ata 2011. Nesa mesma etapa, entre 2005 e 2008, foi director da revista Capital, o que compatibilizou coa dirección da revista Forum. Dende 2013 é editor de Mundiario, medio do que tamén foi fundador.

Gómez foi ademais xefe de Economía, xefe de área do Anuario e coordinador do suplemento Economía y Finanzas de La Voz de Galicia, así como conselleiro dese xornal, de La Voz de Baleares, de Atlas Galicia, de Xornal Galinet e de Xornal de Galicia. Tamén traballou como redactor e xefe de área en El Correo Gallego, correspondente en Galicia da axencia de noticias Colpisa e doutros medios. Colaborou en diversas revistas, cadeas de radio e televisión como a Cadena Ser, RNE, Radio Voz, Telecinco, TVG, TVE, Veo, Intereconomía, Localia…

En Telecinco foi tertuliano durante máis de dez anos do programa La Mirada Crítica e columnista dos xornais El País, El Periódico de Catalunya e Diario 16, e da axencia de noticias Europa Press (2004-2019).

Coordinou o primeiro Manual Básico de Ecomomía en Galego e é autor de varios libros, entre eles, Cómo salir de esta (Actualia Editorial, 2013), Como salir de esta II (Mundiediciones, 2021), A vueltas con España (Temas de Hoy, Madrid, 2005), Galicia ante la CEE (Biblioteca Galega, 1983), e José Luis Méndez (Biblioteca Galega, 1994). Así mesmo, coordinou os libros Estrategias para Galicia e Estrategias para España.

O Premio Bernal da APG 2023 dirixiu tamén un curso da Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) sobre o sector da Comunicación en 1998, foi profesor do Máster en Xornalismo da Universidade da Coruña e membro da Comisión de Medios de Comunicación da Fundación de Ayuda contra la Drogadicción (2002-2003). Pronunciou numerosas conferencias e ten unha ampla experiencia como moderador de debates.

José Luis Gómez recibiu diversos galardóns, entre eles, o Premio Galicia de Xornalismo.

Vixésimo oitava edición do Diego Bernal

A entrega do premio terá lugar no mes de xaneiro de 2023, coincidindo coa festividade de San Francisco de Sales, patrono dos xornalistas, no curso dun acto que se celebrará en Santiago de Compostela.

O galardón, que consiste nunha figura de artesanía tradicional de pratería de Compostela, foi creado en 1996 baixo a denominación inicial de Premio Anual APG, co obxectivo de distinguir a traxectoria profesional de xornalistas galegos que exercen ou exerceron en Galicia, ou fóra da nosa comunidade autónoma. Tra-lo pasamento de Diego Bernal, a APG acordou que o premio pasara a levar o seu nome, en homenaxe á súa lembranza.