Pernas (Alvite 2023): «A liberdade de prensa, columna dorsal da democracia» ozonoadmin Maio 3, 2023

Pernas (Alvite 2023): «A liberdade de prensa, columna dorsal da democracia»

“Vertebrar a verdade, combater bulos e calumnias, fake news e manipulacións, fainos cada día máis críticos, máis independentes e máis libres”, afirmou no acto de entrega do galardón

O xornalista Ramón Pernas recibiu esta tarde, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, a súa localidade natal, o Premio José Luis Alvite 2023, que lle concedeu por unanimidade a asociación de Xornalistas de Galicia. O acto de entrega, que a APG fai coincidir cada ano co Día da Liberdade de Prensa, estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, e a presidenta da APG, María Méndez, María Méndez.

Tras recoller a escultura A deusa de Alvite que conmemora este galardón, obra do artista ourensán Acisclo Manzano, Pernas afirmou: “Recibir este galardón no meu pobo, en Viveiro, é como escribir o editorial do que foi a miña vida en primeira páxina”. “Cando aprendín a ler, aprendín a soñar e puiden ir lendo os meus soños cumpridos, moitos deles contados en columnas xornalísticas e nas páxinas das miñas novelas… continúo soñando”, engadiu no seu discurso de agradecemento.

O Premio Alvite 2023 sentenciou que “a columna dorsal da democracia é a liberdade de prensa”. E finalizou a súa alocución asegurando que “vertebrar a verdade, combater bulos e calumnias, fake news e manipulacións, fainos cada día máis críticos, máis independentes e máis libres”.

Pola súa banda, o conselleiro Román Rodríguez loou “o pensamento orixinal e a visión crítica dende a reflexión e a honestidade” que caracteriza a traxectoria profesional do comunicador e literato viveirense premiado, a quen tamén aproveitou para agradecer “o seu papel como embaixador cultural de Galicia no mundo”.

Rodríguez aludiu a que, “no contexto actual de eclosión e universalización da cultura, é imprescindible contar con xornalistas especializados, que estruturen e contextualicen a gran cantidade de datos e información, como o fai Ramón Pernas a través dos seus artigos nos medios de comunicación”. “Celebramos poder contar cunha xeración de profesionais da comunicación capaces de ofrecer diariamente un traballo que crea comunidade e que fortalece os vínculos entre tódolos galegos”, engadiu.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, afirmou na súa intervención que Pernas, ao que cualificou como “cronista da historia recente de Viveiro”, “axúdanos a coñecer a nosa vila cos seus textos” e sinalou que “el sempre está connosco co seu constante labor de promoción do seu Viveiro natal, continuando un traballo en prol da cultura, da dinamización e do asociacionismo da vila, que iniciou xa de neno”. “Sei que falo en nome de tódalas veciñas e veciños de Viveiro”, engadiu, “cando digo que estamos felices por acompañarche nun día tan especial para ti”. “Prémiase aquí o teu traballo como xornalista, como escritor e como crítico literario, o teu labor en tantas e tantas iniciativas que fixeches túas e axudaches a engrandecer”, terminou a rexedora viveirense.

A presidenta da APG, María Méndez, destacou a función social que ten a profesión de xornalista, ao tempo que fixo unha defensa da independencia e a liberdade de expresión necesarias para poder exercela. Cualificou a Pernas como “recoñecido profesional do columnismo e valor da nosa profesión”, que desenvolveu “unha mirada personalísima da súa contorna, poética e chea de optimismo, cunha inxente actividade literaria que tamén prestixia o seu facer como poeta e escritor”. “Que esta data”, concluiu Méndez, “encha as túas emocións e perdure sempre no teu recordo como a expresión da consideración dos xornalistas galegos cara á túa actividade creativa”.

Finalmente, o encargado de realizar a laudatio do premiado, o xornalista e directivo da APG Martín Fernández Vizoso, subliñou que Pernas “non se explica sen Viveiro”, cuxa cidade trasunto na súa obra é Vilaponte, “na que asentan”, dixo tamén Fernández Vizoso, “as historias humanas nas que sabe que está o mellor xornalismo e a mellor literatura”. “Pernas é”, engadiu, “un dos mellores escritores de Galicia e de España, que brilla con luz propia na historia da literatura e do xornalismo contemporáneos”. “É un xornalista e un escritor de raza. Unha referencia do mellor e máis íntegro xornalismo. Un modelo de galego, viveirense e universal”.

Unha longa e brillante traxectoria como articulista e columnista

A APG outorgou a Ramón Pernas o Premio José Luis Alvite 2023 no pasado mes de marzo, considerando que “atesoura unha longa e brillante traxectoria como articulista e columnista, ademais de ter exercido durante décadas, con éxito, o oficio de xornalista nas súas máis diversas vertentes, incluídos varios cargos de responsabilidade en medios de comunicación, nos que tamén deu mostra da súa capacidade profesional. E todo iso, sen deixar de destacar, por suposto, as súas facetas editorial e creativa, que comprenden un laureado percorrido novelístico, o que reforza e avala o seu perfil como lúcido analista da realidade da nosa sociedade e o converte nunha referencia inescusable do panorama mediático galego”.

O Premio José Luis Alvite alcanzou deste xeito a súa oitava edición, referendando cada ano o seu propósito de manter viva a memoria do extraordinario creador compostelán que lle dá nome. Exento de dotación económica, foi creado en 2016 para distinguir a traxectoria de profesionais que xeran opinión. Dende o seu nacemento foron galardoados Xosé Luis Barreiro Rivas (2016), Ánxel Vence Lois (2017), José de Cora Paradela (2018), Carlos Luís Rodríguez (2019), Siro López (2020), Marina Mayoral (2021) e Javier Sánchez de Dios (2022).