O xurado valora especialmente “a súa valentía e a súa voz libre e documentada, para comentar a realidade socio-política cunha visión crítica”
A Asociación de Xornalistas de Galicia (APG) decidiu, por unanimidade, conceder o IX Premio José Luis Alvite de columnismo de opinión, ao analista, comentarista político e catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Roberto Blanco Valdés. O xurado, formado pola directiva da APG, destacou “a súa valentía, así como a súa voz libre e documentada, para comentar a realidade socio-política cunha visión crítica, comprometida co pluralismo, a liberdade e a democracia”. O gañador recibirá o galardón nun acto que terá lugar o 7 de maio, ás 19:30 horas, na sede de Afundación en Santiago de Compostela (Casa do Pozo).

Ademais da súa actividade académica, Blanco Valdés vén desenvolvendo desde hai anos unha activa labor xornalística como analista político no xornal La Voz de Galicia, desde a súa columna “O ollo público”, e como comentarista en diferentes medios de comunicación, como Televisión de Galicia (TVG), Radio Galega (RG) ou Radio Voz. É tamén autor dunha vintena de libros sobre constitucionalismo, historia e teoría política, federalismo e organización territorial, xunto a máis de 200 traballos e ensaios, publicados en libros colectivos e revistas especializadas como Claves de Razón Práctica, O Noticieiro das Ideas, Revista de Libros ou Letras Libres.
Conferenciante e profesor visitante en varias universidades de diferentes países, así como en foros institucionais europeos e españois, Blanco Valdés foi merecedor doutros moitos galardóns, entre eles, o III Premio de Investigación Andalucía-América -que lle concedeu a Xunta de Andalucía en 1990- ou o Premio Juan Fernández Latorre de xornalismo escrito, no ano 2001.
O Premio José Luis Alvite de columnismo da APG 2024, naceu en A Estrada (Pontevedra) en 1957. É fillo do avogado galeguista, deputado provincial e alcalde de A Estrada, Mario Blanco Fuentes, e sobriño-neto do insigne xornalista e escritor galego Roberto Blanco Torres, a quen se dedicou o Día das Letras Galegas en 1999.