A APG outorga a Ramón Pernas o premio José Luis Alvite 2023
A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) acordou por unanimidade outorgar o Premio José Luis Alvite 2023 a Ramón Pernas, considerando que “atesoura unha longa e brillante traxectoria como articulista e columnista, ademais de ter exercido durante décadas, con éxito, o oficio de xornalista nas súas máis diversas vertentes, incluídos varios cargos de responsabilidade en medios de comunicación, nos que tamén deu mostra da súa capacidade profesional. E todo iso, sen deixar de destacar, por suposto, as súas facetas editorial e creativa, que comprenden un laureado percorrido novelístico, o que reforza e avala o seu perfil como lúcido analista da realidade da nosa sociedade e convírtenlle nunha referencia inexcusable do panorama mediático galego”. Ramón Pernas, xornalista de vocación, naceu na localidade luguesa de Viveiro. É licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, onde tamén estudou Socioloxía. Entre outros postos destacados en publicacións, foi subdirector de Nueva Empresa e director de Actual. Tamén exerceu como columnista e crítico literario nas revistas Interviú e Tiempo, como columnista na axencia OTR Press e no xornal El Progreso de Lugo, ademais de ser guionista para o espazo de Televisión Española (TVE) “Si yo fuera presidente” e colaborador de diversos programas da pequena pantalla. Actualmente, escribe unha columna semanal no xornal La Voz de Galicia. O seu labor en medios de comunicación mereceu outros prestixiosos galardóns do xornalismo galego, como o Premio Nacional Julio Camba ou o Premio Puro Cora. Tamén foi presidente do Club de Periodistas Gallegos en Madrid.
Noutros ámbitos, o José Luis Alvite 2023 foi director editorial de Espasa Calpe durante dez anos, e director xeral e fundador de Ámbito Cultural de El Corte Inglés. Como novelista, é autor dunha ducia de títulos (Si tú me dices ven, a súa primeira novela, en 1996, Pabellón Azul, Paso a dous, Brumario, Libro de actas, Del viento y la memoria, En la luz inmóvil, Hotel Paradiso, O libro de Jonás, O libro dos adeuses).
Publicou unha antoloxía poética (Poesía (in)completa), o libro ilustrado Cien años de circo en España -con José Mario Armero- e participou en varias obras colectivas. A súa actividade como escritor valeulle numerosos galardóns literarios: Ateneo de Sevilla, Internacional de Novela Emilio Alarcos, Letras de Bretaña, Azorín de Novela e Café Varela, este último, ao conxunto da súa obra. Ademais, foi finalista do Premio Nacional de Literatura (coa súa obra “Paso a dos”). Xunto a iso, Pernas pronunciou numerosas conferencias, foi creador do Premio Primavera de Narrativa e participou como xurado en múltiples galardóns literarios. Parte da súa obra narrativa está traducida a outros idiomas, é medalla de ouro de El Heraldo de Vivero -o semanario local da súa localidade de nacemento-, e académico de número da Real y Pontificia Academia Auriense Mindoniense de San Rosendo.
“Un maravilloso presente de cumpleanos”
Ramón Pernas recibiu emocionado a nova da concesión do Premio José Luis Alvite 2023 por parte da APG, afirmando que a súa elección foi para el “un maravilloso presente de cumpleanos”, xa que ao día seguinte da comunicación do galardón celebraba o seu aniversario. O acto de entrega do José Luis Alvite terá lugar na localidade natal de Ramón Pernas, Viveiro, o próximo 3 de maio, coincidindo co Día Mundial da Liberdade de Prensa. Este galardón acada así a súa su oitava edición, referendando cada ano o seu propósito de manter viva a lembranza do extraordinario creador compostelán que lle dá nome. Exento de dotación económica e consistente nunha estatuíña conmemorativa, foi creado en 2016 para distinguir a traxectoria de profesionais que xeran opinión. Dende o seu nacemento foron galardoados Xosé Luis Barreiro Rivas (2016), Ánxel Vence Lois (2017), José de Cora Paradela (2018), Carlos Luís Rodríguez (2019), Siro López (2020), Marina Mayoral (2021) e Javier Sánchez de Dios (2022).