A Xunta Directiva da Asociación de Periodistas de Galicia (APG) acordou por unanimidade outorgar o Premio Diego Bernal 2024 a Aida Pena Meis, “en recoñecemento á súa traxectoria profesional durante catro décadas, nas que logrou gran notoriedade e popularidade como unha das voces máis sobresalientes da radio na nosa comunidade; primeiro como redactora, e durante máis de 20 anos, como directora de Informativos e Contidos de Radio Galicia-Cadea Ser”.
A Directiva da APG, constituída en xurado para a ocasión, subliña que Pena “é unha profesional rigorosa e comprometida co xornalismo, ademais dunha experimentada cronista da realidade política, económica, cultural e social de Galicia, e unha fina entrevistadora das personalidades de maior relevo da nosa sociedade”.
A Asociación de Periodistas de Galicia valora ademais que “o seu labor e o seu bó facer, sempre apegados á máis rabiosa actualidade, teñan sido merecedoras do respecto, tanto dos seus compañeiros, como da audiencia”. “A súa dedicación e entrega valéronlle, por exemplo, senllos premios Ondas, que recoñecen o traballo que realizou ao fronte do seu equipo para informar do sucedido na catástrofe do Prestige (2003), e os seus posteriores consecuencias, así como no accidente ferroviario de Angrois, unha década máis tarde”.
Nacida en Ferrol, iniciou a suá andadura laboral en Los 40 Principales e Ondas Galicia, na década de 1980. Entre 1987 e 1990 traballou na Cadena Cope, para convertirse a partir do 90 en redactora de información política en Radio Galicia-Cadena Ser. No ano 2000 foi nomeada directora de Informativos e Contidos desa mesma emisora, na que se xubilou en decembro de 2022, tras 40 anos de exercicio profesional. Ademais dos mencionados premios Ondas, nos anos 2003 e 2013, foi galardoada co Premio da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR), en 2022, polo seu labor divulgativa da situación das mulleres no rural, e no pasado mes de febreiro 2023, Radio Galicia outorgoulle o Premio Serenidade, como recoñecemento a toda a súa traxectoria xornalística.
Vixésimo novena edición do Diego Bernal
A entrega do premio terá lugar no próximo mes de xaneiro de 2024, coincidindo coa festividade de San Francisco de Sales, patrono dos xornalistas, no curso dun acto que se celebrará en Santiago de Compostela.
O galardón, que consiste nunha figura de artesanía tradicional de pratería de Compostela, foi creado en 1996 baixo a denominación inicial de Premio Anual APG, co obxectivo de distinguir a traxectoria profesional de xornalistas galegos que exercen ou exerceron en Galicia, ou fóra da nosa comunidade autónoma. Tra-lo pasamento de Diego Bernal, a APG acordou que o premio pasara a levar o seu nome, en homenaxe á súa memoria.