A galardoada afirmou que, “cada vez que hai algún acontecemento extraordinario, aumenta a audiencia da radio, o que indica que a xente busca fontes fiables”
A xornalista radiofónica Aida Pena Meis recibiu hoxe, das mans do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, e da presidenta da Asociación de Xornalistas de Galicia, María Méndez González, a peza artesá de prataría compostelá que a acredita como gañadora do Premio Diego Bernal 2024, que a APG lle concedeu por unanimidade e que alcanza así a súa vixésimo novena edición.
A entrega do galardón tivo lugar o pasado 23 de xaneiro, no transcurso dun almorzo no hotel Puerta do Camiño de Santiago de Compostela ao que acudiron máis dun cento de profesionais do xornalismo de toda Galicia, nun acto que conduciu a xornalista de radio Paula Páxaro e no que Mario Moreno, delegado de Prisa Media en Galicia e director autonómico de Radio Galicia-Cadena Ser, realizou a laudatio da premiada.
Na súa alocución, o presidente da Xunta subliñou a trascendencia de contar cunha prensa libre, para salvagardar a veracidade do sistema democrático. Eloxio a figura da homenaxeada, resaltando que, “durante a súa extensa traxectoria, Aida Pena non só practicou a honestidade no exercicio da súa profesión, senón que tamén deixou un legado inestimable para as xeracións vindeiras”. Rueda destacou ademais que “os informativos e crónicas de Aida Pena forman parte da historia recente de Galicia, unha comunidade”, afirmou, “con historias significativas por compartir”. E recoñeceu tamén “os desafíos e ameazas que a profesión xornalística enfrontou nos últimos anos”, a pesar do cal resaltou “a nobreza do xornalismo” e abogou por “continuar considerando aos medios de comunicación como puntos de encontro fundamentais para proporcionar información de calidade”. Por iso, concluíu, “é necesario contar con profesionais de alto calibre, capaces de relatar os feitos con credibilidade”.
A presidenta da APG, María Méndez, que felicitou á premiada e agradeceu ao presidente da Xunta a súa “implicación con este amplo colectivo e con esta festa do xornalismo”, quixo destacar que, “desde hai 29 anos, a APG propúxose poñer en valor a traxectoria dun dos nosos, pero tamén destacar a labor incansable do conxunto do sector, que non goza hoxe dos seus mellores momentos”.
“Así que temos que interpelar ás nosas capacidades”, engadiu Méndez, “para facer valer a importancia do noso oficio, ante todas as instancias e sexan cales sexan as circunstancias que rijan o noso entorno”. “E por suposto, temos que ser capaces de aunar as nosas vontades para, desde a comprensión e a tolerancia, afastarnos de calquera tentación sectaria que puidese debilitar o protagonismo que debe ter, sobre calquera outra cousa, a nosa profesión”, concluíu.
Laudatio da galardoada
Pola súa banda, Mario Moreno asegurou que Aida Pena “sempre foi un exemplo de honestidade aos oíntes, aos seus compañeiros e a ela mesma, sendo consciente do labor social e público da radio, así como do seu papel, xa sexa como responsable dunha información, como dun informativo”.
O delegado de Prisa Media en Galicia considera que a galardoada co Bernal 2024 foi “consciente de que a axenda política nunca pode mediatizar a axenda pública, polo que sempre estivo atenta para non comprar o marco que se quere vender ao cidadán, senón ofrecer ao oínte o que de verdade lle atinxe”.
“Aida Pena sempre tivo”, afirmou ademais, “a profesionalidade e traballou duro para desenmascarar as denuncias sen datos e detectar o tóxico nas declaracións, evitando así ser un instrumento de intereses espurios, para ser altavoz dos oíntes”.
Intervención de Aida Pena
A premiada expuxo a vinculación da súa carreira á radio, “un medio que goza dunha enorme credibilidade e que por máis que algúns agoireiros non deixen de prever o seu declive, cada EGM demostra que está moi vivo”, subliñando a importancia do medio pois, “cada vez que hai algún acontecemento extraordinario, aumenta a audiencia da radio, o que indica que a xente busca fontes fiables”.
Non quixo pasar por alto Aida Pena os esforzos que vén realizando a radio, “como o resto de medios, para adaptarse ás diferentes etapas”. Unha tarefa que cualificou como “ben realizada, ao saber asumir por exemplo o auxe dos podcasts, sendo agora en moitos casos estes un produto radiofónico máis”.
A galardoada co Bernal 2024 desglosou ademais os cambios asumidos polos medios nos últimos anos “nas súas estruturas, na estratexia comunicativa ou na forma na que nos diriximos aos oíntes”, facendo fincapé na chegada de medios dixitais cunha maior incidencia na prensa escrita”.
“Cada momento ten o seu afán, os seus propios retos, aínda que hai algún que se mantén; por exemplo, a precariedade na profesión que segue sendo moi elevada”, sinalou Pena, quen referiu a necesidade de analizar as consecuencias que terá a intelixencia artificial, “que pode ocasionar”, augurou, “un viraxe en como o xornalismo debe afrontar o futuro, así como na necesidade de incorporar máis mulleres a postos directivos”.
Ao seu xuízo, “agora o xornalismo debe poñer de relevo a súa utilidade, a súa vocación de servizo público”, argumentando que estamos nunha etapa complicada na que “os bulos, as falsedades, as chamadas fake news poden acabar por contaminar todo”. “Creo que son os medios acreditados os que deben facer fronte a esta situación”, concluíu.