A APG concede o Premio Diego Bernal 2027 ao xornalista e mestre de xornalistas Xosé López (Morgan) apgadmin Outubro 14, 2026

A APG concede o Premio Diego Bernal 2027 ao xornalista e mestre de xornalistas Xosé López (Morgan)

A Xunta Directiva da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), constituída como xurado para a ocasión, acordou por unanimidade outorgar o Premio Diego Bernal 2027 ao xornalista, doutor en Historia e catedrático emérito de Xornalismo da Universidade de Santiago (USC) Xosé López García (Morgan).

Para a concesión deste galardón valora “a súa dilatada traxectoria no mundo da comunicación ao longo de case cinco décadas, en practicamente tódalas súas vertentes, que o converten nun dos referentes máis solventes no coñecemento da profesión”.

O xurado destaca que López comezou traballando en diversos medios de prensa escrita, para incorporarse logo á docencia universitaria na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, onde se converteu en doutor e catedrático, “formando a xeracións de profesionais, etapa na que sobresae na solvencia do seu maxisterio”.

A APG salienta tamén que o premiado coordinou dende 1999 o grupo de investigación Novos medios, centrado no estudo dos soportes dixitais e impresos, impacto da tecnoloxía na comunicación e historia do xornalismo. “Liderou un amplo número de proxectos de investigación sobre medios nativos dixitais en España, ademáis de ser autor e coautor de publicacións sobre ciberperiodismo e de ter publicado máis de 150 artigos en reputadas revistas científicas”.

Asimesmo, o xurado valora “a proverbial humildade” coa que López se manexou sempre na súa condición de “traballador incansable como divulgador, a través da análise e proxección da comunicación no futuro coa incorporación das novas tecnoloxías e ferramentas”.

Unha longa traxectoria profesional non só na prensa escrita

Xosé López García (Lugo, 1956) é xornalista, catedrático emérito de Xornalismo no Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, e doutor en Historia. Entre 1994 e 2026 coordinou o grupo de investigación Novos Medios da USC, que estuda o impacto da tecnoloxía no xornalismo e nos procesos comunicativos, e que puxo en marcha varios produtos informativos na rede. As súas actuais liñas de investigación céntranse na cultura dixital, o xornalismo nos medios online e a historia da comunicación en Galicia.

Durante vinte anos exerceu o xornalismo en medios impresos galegos, entre eles “A Nosa Terra”, “El Ideal Gallego” e “La Voz de Galicia”, xornal este último onde dirixiu durante oito anos a súa delegación en Santiago de Compostela.

Neste terceiro milenio dirixiu varios proxectos de investigación acadados en convocatorias públicas como Converxencia dixital nos medios de comunicación; Arquitectura da interactividade xornalística en dispositivos múltiples: formatos de información, conversación e servizos; Usos e preferencias informativas no novo mapa de medios en España: modelos de xornalismo para dispositivos móviles; e Cibermedios nativos dixitais en España: formatos narrativos e estratexia móbil.

E entre as súas publicación destacan: Detrás da prensa popular; A prensa local e comarcal en Galicia; A reportaxe de prensa en Galicia; A prensa do terceiro milenio; Xornalismo de proximidade; Desafíos da comunicación local; A metamorfose do xornalismo; Ciberperiodismo na proximidade; ou Fortalezas do Ciberperiodismo. Tamén é coautor de varios capítulos de libros e de artigos científicos en distintas revistas de Europa e América, e dirixiu o informe Diágnostico sobre a profesión xornalística en Galicia, recollido na publicación da APG “Comunica” do ano 2024.

Trixésimo segunda edición do Diego Bernal

A entrega do Premio Diego Bernal 2027 a Xosé López terá lugar no próximo mes de xaneiro, coincidindo coa festividade de San Francisco de Sales -patrono dos xornalistas-, no decurso dun acto que terá lugar en Santiago de Compostela.

O galardón, que representa unha figura de artesanía tradicional de pratería de Compostela, foi creado en 1996 baixo a denominación inicial de Premio Anual APG, co obxectivo de distinguir a traxectoria profesional de xornalistas galegos que exercen ou exerceron en Galicia ou fóra da nosa comunidade. Tralo pasamento de Diego Bernal, a APG acordou que o premio pasara a levar o seu nome, como homenaxe á súa memoria.

Os galardoados co Premio Diego Bernal nas trinta e unha edicións anteriores foron Augusto Assía (1996), Pedro de Llano (1997), Feliciano Barrera (1998), Camilo José Cela (1999), Manuel Fernández Areal (2000), o Colectivo de Periodistas Vascos (2001), Santiago Rey Fernández-Latorre (2002), José Manuel Rey Novoa (2003), Juan Ramón Díaz García (2004), Alfonso Sánchez Izquierdo (2005), Ángel Botana (2006), Blanca García Montenegro (2007), Gerardo González Martín (2008), Perfecto Conde Muruais (2009), Manuel Martín Ferrand (2010), Pepe Domingo Castaño (2011), Pilar Cernuda (2012), Germán Castro Tomé (2013), José Luis Alvite (2014), Lois Caeiro (2015), Fernando Ónega (2016), Fernando Salgado (2017), Bieito Rubido (2018), Xosé Luis Vilela (2019), Francisco Campos (2020), Arturo Maneiro (2021), Carmen Merelas (2022), José Luis Gómez (2023), Aída Pena (2024), Xosé de Cora (2025) e Julio Rodríguez (2026).