O Pazo da Deputación de Pontevedra exhibe ata novembro a segunda edición de “A Galicia inédita” apgadmin Setembro 24, 2026

O Pazo da Deputación de Pontevedra exhibe ata novembro a segunda edición de “A Galicia inédita”

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez, a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), María Méndez González, o directivo da Asociación Profesional de Fotoxornalistas de Galicia (APFG), Ramón Leiro, e o comisario da mostra, Fernando Blanco Rajo, inauguraron este mediodía no Pazo Provincial da Deputación pontevedresa a segunda edición da exposición fotográfica “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”.

No acto de apertura, Luis López expresou a súa satisfacción por acoller novamente no vestíbulo do Pazo Provincial unha nova edición desta exposición, “para amosar a creatividade, o talento e o compromiso co territorio dos fotoxornalistas galegos”, enxalzando a calidade e profundidade desta mostra, porque segundo o presidente, “un fotógrafo no só debe ter mirada, tamén debe saber cara onde mirar”.

López recoñeceu tamén que, “se Pontevedra é unha provincia admirada, parte dese mérito correspóndelle a eses profesionais capaces de capturar nunha imaxe toda a riqueza patrimonial das Rías baixas e de toda Galicia”. E reafirmou o compromiso do Goberno provincial coa cultura, pois “albergar exposicións como esta no Pazo Provincial é unha mostra do apoio ao fotoxornalismo local e, ao mesmo tempo, do compromiso con achegar a arte e a cultura á veciñanza”.

Pola súa banda, María Méndez quixo salientar que a Deputación de Pontevedra foi a primeira que acolleu a primeira edición desta exposición na súa itinerancia polas oito ciudades galegas e a capital de España. “Este ano”, engadiu, “cumprindo a nosa aspiración de entón, logramos executala con periodicidad bienal, e cun elenco de 184 autores (entre fotoxornalistas e xornalistas), na que xa supón a maior exhibición de talento colectivo desta profesión que se tivera dado en Galicia”.

Méndez expresou o seu desexo de que o percorrido por esta mostra “sexa unha aproximación ao enfoque artístico que moitos dos nosos comunicadores queren imprimir ás escenas inéditas e coñecidas, do noso contorno coñecido e inedito”. “Pero todas elas, imaxes que contan coa sinatura reivindicativa dunha actividade profesional que quere facerse ver, ler, querer e desfrutar”, rematou a presidenta da APG.

Ramón Leiro afirmou que, “nestes tempos tan convulsos, nos que a profesión se ve tan fortemente afectada na súa credibilidade (fálsese de fake news, imaxes xeradas por IA, etc.), dende a APFG queremos apostar e reivindicar a firma persoal, tanto do fotógrafo, como do redactor, como un garante de veracidade”. “Cada foto desta exposición”, engadiu, “leva a firma dun fotógrafo e un texto dun xornalista inspirado na imaxe… unha experiencia 100% real, 100% verdade”.

Para Leiro, nunca se produciron tantas imaxes como agora, e por iso “é máis necesario que nunca preguntarse quen as fai, con que criterio e con que responsabilidade”, porque segundo el, “o fotoxornalismo é máis que premer un botón: é mirada e compromiso, contar o que acontece con rigor, sensibilidade e honestidade, e é construír memoria colectiva”.

Por último, Fernando Blanco felicitou aos seus compañeiros fotoxornalistas e á APG por “permitirnos bater este ano una marca, cun total de 92 fotografías e igual número de textos de xornalistas”, o que no caso dos reporteiros gráficos, suliñou, “supón a participación de case tódolos profesionais en activo neste momento en Galicia”.

Blanco está convencido de que “a unión fai a forza para loitar contra as inxustizas laborais, o intrusismo no sector, a inmediatez das novas sen contrastar a través das redes sociais, as fake news e fotografías xeradas por IA”. E lembrou que “o xérmolo desta mostra deu o pulo definitivo á constitución da APFG,que agora xa conta cunha ampla representación e que supón tamén unha reivindicación da profesonalidade no sector e un pioneiro e brilante exemplo de esforzo colectivo, aberto ademais á ollada do conxunto da sociedade”.

Contido e obxectivo da exposición

As imaxes desta segunda edición de “A Galicia inédita” plasman todo tipo de acontecementos, lugares e personaxes, dende a vertente máis costumbrista ou rural, ata sucesos que marcaron a actualidade dos últimos tempos en Galicia, pasando por obras que reflicten aspectos relacionados cos principais sectores produtivos da comunidade, conflitos laborais, manifestacións artísticas, festivas e culturais, ou natureza e fenómenos atmosféricos e meteorolóxicos.

O obxectivo da mostra segue plenamente vixente: Poñer en valor o labor que desenvolven a diario os reporteiros gráficos de Galicia e dar a coñecer ao gran público unha representación da obra de cadanseu, que nalgúns casos son imaxes inéditas e, noutros, fotografías xa publicadas en medios de comunicación.

Con entrada gratuíta, “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego” estará aberta ao público no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra dende hoxe e ata o próximo 30 de outubro, de luns a venres, en horario de 9,00h a 20,00h.

Esta segunda edición da mostra, que iniciou a súa andaina no Pazo de Fonseca da USC, en Santiago de Compostela, e na Dársena da cidade da Coruña -en ambos casos con notable éxito de público-, recalará despois da cidade do Lérez no resto das principais capitais galegas.