Xornada “A comunicación dun Xacobeo universal”: “Recuperar a esencia e afrontar os retos da modernidade” apgadmin Xuño 18, 2026

Xornada “A comunicación dun Xacobeo universal”: “Recuperar a esencia e afrontar os retos da modernidade”

A Asociación de Periodistas de Galicia desenvolveu ao longo desta mañá, no hotel Oca Puerta del Camino de Santiago de Compostela, a Xornada “A comunicación dun Xacobeo universal. Medios e redes sociais, canles fundamentais para a súa proxección”, que inaugurou o comisario do Ano Santo Xacobeo da Xunta de Galicia, Marcos Gómez Román, acompañado pola presidenta da APG, María Méndez González                                              

O comisario do Ano Santo Xacobeo, nun dos seus primeiros actos tras asumir o cargo, felicitou á Asociación de Periodistas de Galicia por esta iniciativa e chamou a atención sobre “a irrupción das redes sociais e a intelixencia artificial, que mudaron a comunicación tal e como a coñeciamos”. Ademais, Gómez manifestou a súa vontade de que o Xacobeo 2027 sexa un evento universal, “que proxecte o Galicia Calidade fóra das nosas fronteras”.

Pola súa banda, a presidenta da APG afirmou que “os profesionais da comunicación aspiramos a participar de maneira proactiva no deseño e desenvolvemento do Xacobeo”. “Ante todo é preciso recoñecer”, indicou Méndez, “que os nosos soportes tradicionais, pero tamén os que irrumpiron a través das novas plataformas, resultan decisivos á hora de dar a coñecer e animar aos públicos de todo o mundo a vivir esta experiencia”. E aposta por “tratar de analizar fórmulas e procesos acordes aos novos formatos da comunicación e, con iso, lograr chegar a audiencias máis amplas”.

O Camiño como maneira de conectar co mundo

No primeiro coloquio da Xornada, “Compartir experiencias para divulgar as rutas que levan ao Xacobeo”, participaron o xornalista, xefe da sección Hard News de El HuffPost España, Javier Escartín Gómez; e a influencer e guía turística Anaís Constenla (@nosomosssnadie).

Anaís Constenla definiuse como apaixoada do Camiño de Santiago, que percorreu 14 veces, mailia que o gran cambio produciuse recentemente cando se lle ocorreu subir uns vídeos da súa última ruta e descobreu, para a súa sorpresa, que se fixeron virais. “A xente nas redes cré que o Camiño cambioume a vida xusto agora, e teñen razón, cambiouma, pero non nesta última viaxe, senón na primeira, hai xa 24 anos”, suliñou.

Nese senso, a influencer sinalou que, unha vez que descobreu o Camiño, “xa non houbo volta atrás”. “Converteuse no meu refuxio”, engadiu, “ese lugar sagrado ao que acudo cada vez que necesito pausar o ritmo acelerado da vida, camiñar polas paisaxes de España, escoitar á natureza, conectar con outros peregrinos e lugareños, e sentir a enerxía dos millóns de persoas que deixaron a súa pegada alí antes ca eu…”. “Esa é, sen dúbida, a miña verdadeira maneira de conectar co mundo”, sentenciou.

A esencia descoñecida do Camiño, malia as redes sociais

Javier Escartín chamou a atención sobre o “drástico cambio” na forma de comunicar que se produciu nos últimos anos, de tal xeito que “o pulo das redes sociais e a linguaxe abreviada, directa e con punch, rachou o pacto natural que o xornalista e o medio estableceran, mesmo despois da revolución dixital”. “Agora predomina”, dixo, “o vídeo curto, o formato 4:3 e o zoom, e ata as emocións exprésanse con emojis e memes”.

Con todo, segundo Escartín, “a tradición do Camiño de Santiago non choca necesariamente con esas novas formas de comunicación, senón que estas permiten ao xornalista contar a experiencia como peregrino dun xeito máis accesible a unhas novas xeracións que só consomen este tipo de contidos”; “iso si”, dixo, “sen caer na obviedade, no estereotipo e no superficial, porque o Camiño nin é previsible, nin é tópico”.

E mostrouse sorprendido de que “unha actividade tan popular e, case diría xa, de masas, e a pesar dos moitos reels e stories que casa día suben ás redes decenas de peregrinos, siga sendo na súa esencia unha gran descoñecida para moitos”. “O labor do xornalista, como a que eu intentei facer no programa de televisión Diario de un peregrino”, concluiu, “foi contar esa peregrinaxe a Santiago que non se ve en instagram ou tik tok, falando das tradicións que envolven o Camiño, dos seus misterios, dos personaxes singulares que o percorren e daqueles que ligaron a súa vida para sempre a esa atracción inexplicable que é botarse a andar”.

Unha experiencia que trascende ao relixioso

A seguir, o panel “Influencia do Xacobeo na proxección cultural, económica e social de Galicia” contou coa intervención de Ignacio Capeáns Garrido, director de Onda Cero Galicia; Carmen Uz Pérez, xornalista de El Progreso e presidenta da Asociación de Xornalistas de Lugo; e Alberto Barciela Castro, comunicador, escritor, poeta, empresario e unha das persoas que contribuíron á posta en marcha do Xacobeo.

Ignacio Capeáns lembrou que a marca Xacobeo non só promociona o Camiño, senón que axuda a construír unha identidade contemporánea de Galicia cara dentro e cara fóra, integrando elementos tradicionais -relixiosidade, paisaxe ou hospitalidade-, con narrativas actuais, como cultura, creatividade ou innovación.

Segundo el, ademais do apoio económico institucional, a iniciativa privada está sendo fundamental para artellar unha experiencia que xera riqueza no territorio, e especialmente no rural, reactivando a súa economía e abrindo oportunidades onde antes non as había. “O Camiño é hoxe”, engadiu, “o que o camiñante quere que sexa, trascendendo ao estritamente relixioso e pasando a ser unha experiencia cultural, deportiva, espiritual ou soamente vacacional”. “Ollando cara ao futuro, é importante que todas elas sigan convivindo de xeito armónico”.

A procura da excelencia, a cohesión territorial e a profesionalización

Nese debate, Alberto Barciela reivindicou a xustiza histórica sobre a orixe do Xacobeo moderno, suliñando que o seu éxito como fenómeno universal, “foi o resultado dunha visión política audaz -a de Manuel Fraga-, que debemos reler e honrar para non desvirtuar o prestixio da nosa marca global”. Nese senso, lembrou como “aquel equipo,

que tamén alumeou “Galicia Calidade” e puxo en marcha a Escola Superior de Hostalaría, logrou transformar un sector que representaba apenas o 2% do PIB, no robusto 12% que define a nosa economía turística actual”.

Para Barciela, é necesario cambiar o paradigma, cara á excelencia e a cohesión territorial, propoñendo “un modelo baseado na unidade de acción e a lealdade institucional”. Defendeu que a colaboración constante coa Igrexa, o sector privado e tódalas Administracións -locais, nacionais e internacionais-, “sexa o alicerce que blinde a dimensión espiritual do feito Xacobeo”. E apelou así mesmo a “unha rigorosa profesionalización, ligada ao talento das nosas escolas superiores, para converter este fenómeno nun motor que vertebre toda Galicia, dende o interior ata a costa, proxectándoa como un referente inigualable de cultura, calidade e hospitalidade para o século XXI”.

O papel determinante da Xunta, dos colectivos do Camiño e dos xornalistas

Por último, Carmen Uz explicou que o Camiño, que naceu como un itinerario espiritual, é agora un fenómeno máis poliédrico, “sen o que Galicia non se entendería hoxe a ningún nivel, nin económico, nin social, nin cultural”. Ademais, salientou o seu papel como contrapeso da despoboación e do envellecemento: “Permitiu que moitas poboacións se mantivesen e crecesen, co que iso implica en canto a rehabilitación, conservación do territorio e o enriquecemento social e cultural… cantos peregrinos non quedan cativados e acaban elixindo Galicia para facer as súas vidas ou abrir negocios?”.

Uz destacou fitos clave para o Camiño, como a declaración do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade ou o Xacobeo do 93, “que foi un antes e un despois”. Xunto a iso, suliñou “o papel obviamente determinante” da Administración autonómica, pero tamén “o traballo xeralmente bastante silencioso de múltiples colectivos e entes, sen os que o Camiño non sería o mesmo: as asociacións de amigos do Camiño, a Asociación de Municipios do Camiño, a Oficina Móbil de Atención ao Peregrino, os albergues, os hospitaleiros, Cruz Bermella, etc”.

Remarcou ademais o labor dos xornalistas, “non só á hora de valorizar e divulgar, senón tamén, de sinalar o que hai que mellorar ou os desafíos aos que se enfrontan as rutas xacobeas e esta cidade (Santiago)”. E quixo por último lembrar que a Asociación da Prensa de Lugo a que representa, forma parte da Liga de Asociacións do Camiño de Santiago Francés, “que ten máis dunha década e reúne a máis de 500 xornalistas, aínda que hai outros colectivos que levan moito máis tempo traballando, como a Asociación de Periodistas do Camiño de Santiago”.

O podcast como “ferramenta ideal” para comunicar sobre o Camiño

Tras unha pausa, comezou o coloquio “Novos soportes para un Xacobeo de futuro”, con David Mulé Rebecchi, xornalista, colaborador de varios medios de comunicación e creador do podcast “El Peregrino”; e Carmen Pérez Flores, directora de Galicia Press y Catalunya Press, especialista en comunicación política, económica e responsabilidade social corporativa.

Nese punto, David Mulé sinalou que “os pelegríns son a alma do Camiño de Santiago e quen manteñen viva unha tradición centenaria, que transforma aos que o percorren”. Segundo el, “o éxito crecente do Camiño, xera oportunidades para os territorios, pero tamén esixe un equilibrio entre promoción, sostibilidade e autenticidade”.

Dende o seu punto de vista, moitos caminantes afirman que a experiencia muda a súa forma de ver a vida gracias ao esforzo, a convivencia e a reflexión. “Nese contexto”, afirmou tamén, “o podcast convírtese nunha ferramenta ideal para contar historias e

compartir testemuños, xa que o seu formato cercano permite difundir de maneira única o valor cultural, turístico e humano do Camiño”

A convivencia entre xeracións, motor do Camiño

Carmen Pérez cré que “para que o Xacobeo sexa un éxito de país, en liña coa aposta da Xunta de Galicia, o obxectivo non debe ser modernizar o Camiño para os mozos, nin conservalo exclusivamente para os maiores, posto que o Camiño é o mesmo para todos, aínda que a experiencia se adapte a cada persoa”.

“A historia pon os alicerces e a alma”, dixo tamén, “mentres que a modernidade aporta as ferramentas para que ninguén se quede atrás -nin por idade, nin por falta de información-“. “A convivencia entre xeracións é o verdadeiro motor que garante que o Camiño de Santiago siga sendo, século tras século, un reflexo vivo da sociedade en toda a súa diversidade, e adpatada aos tempos”.

“A maxia e a forza do Camiño son os seus valores”

Pechou a Xornada o panel “Arte, espiritualidade, historia: claves para internacionalizar a marca Xacobeo”, coa participación de Francisco Contreras Gil, xornalista de Onda Cero e ABC/ABC Viajar, documentalista, escritor e reporteiro, autor da “Guía mágica del Camino de Santiago” e creador do podcast “Días Extraños”; e Pilar Falcón Osorio, xornalista, presidenta do Club de Periodistas Gallegos en Madrid, autora de “Un camino de cine xacobeo” e académica da Academia Xacobea.

Francisco Contreras falou dende a súa experiencia “tras 19 Camiños de longo percorrido dende Saint Jean Pie Port-Roncesvalles e Xaca, durante 22 anos, tanto como peregrino, como hospitaleiro e xornalista, coidando e dando a coñecer os valores da ruta”. E por iso afirma que “o Camiño é moito máis que paisaxes e natureza, gastronomía e facer kilómetros cunha mochila ás costas (que tamén); é unha experiencia vital, humana, espiritual e relixiosa única, persoal e intransferible”. “Todos facemos o mesmo Camiño, pero cadanseu fai o seu Camiño”, engadiu.

Para Contreras, a maxia e forza do Camiño son os seus valores: “Iso é o que fai que sexa máxico e que sexa a ruta relixiosa, histórica, artística e espiritual máis importante do mundo en pleno século XXI”.

“Fomentar a sensibilidade sobre o Camiño dos directores e actores de cine”

Pilar Falcón centrou a súa intervención no cine, “como reflexo da expansión comunicativa do Camiño” e salientando que é necesario “fomentar esa sensibilidade nos novos directores e actores”. “Eles crearán a ligazón que se necesita para derrubar os muros que hoxe pechan a expansión dunha información da calidade sobre o Camiño de Santiago”, sinalou.

Segundo ela, “non hai que esquecer o plano postal, pero o foco ten que abrirse aos novos escenarios: A fantasía e a literatura seguen agardando, e aí, o guión de Otero Pedrayo agarda ver a luz na pantalla”. E tampouco quixo esquecer “a necesidade de crear unha filmoteca xacobea, como obriga co Camiño de Santiago”.

Os coloquios e paneis desta xornada -que incluiron en tódolos casos debates posteriores ás intervencións dos ponentes, abertos ás preguntas dos asistentes-, foron conducidos e moderados por Raquel Tejero San Vicente, delegada en Galicia de El Debate; Ignacio Carballo González, delegado en Santiago de La Voz de Galicia; Fernando González Macías, xornalista e columnista; e Antía Araújo, presentadora de Informativos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG).