O presidente da Xunta e a reitora da USC inauguraron a segunda edición de “A Galicia inédita” apgadmin Xuño 13, 2026

O presidente da Xunta e a reitora da USC inauguraron a segunda edición de “A Galicia inédita”

oplus_0

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a reitora da USC, Rosa Crujeiras, encabezaron hoxe, no Colexio de Fonseca da capital galega, o acto de inauguración da segunda edición da exposición “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, organizada pola Asociación Profesional de Fotoxornalistas de Galicia (APFG) e a Asociación de Periodistas de Galicia (APG).

O titular do Goberno galego afirmou que “o traballo que se reflicte nestas fotos é extraordinario” porque, dacordo coas súas palabras, “non é só técnico ou profesional, senón que ten tamén unha vertente artística que non sempre se valora, e porque a través das fotos comprendemos mellor, podemos empatizar máis, e entender a Galicia de moitas máis maneiras”.

Para Rueda, “estas 92 fotos que se expoñen son tamén outras tantas caras de Galicia e outras 92 miradas, moi humanas, sobre ela”. “Que afortunados somos”, enfatizou, “de vivir nunha terra tan rica, en beleza, matices, en creatividade… e que sorte vela a través dos vosos ollos”. “Estou seguro de que a exposición será un éxito, igual que o foi a edición pasada, porque cando as cousas están ben feitas, e con cariño, trunfan”, engadiu.

A reitora da USC salientou que esta segunda edición da mostra é “unha proposta singular, que establece un diálogo entre a forza da fotografía e a capacidade evocadora da palabra escrita”. “Xuntos”, sinalou, “constrúen un retrato colectivo dunha Galicia que ás veces permanece fóra dos focos máis habituais”.

Crujeiras afirmou tamén que esta “Galicia inédita” que hoxe se inaugura, “permítenos descubrir historias, emocións, paisaxes e realidades que forman parte da nosa identidade común, e serve tamén para recoñecer o enorme talento profesional que existe no noso país”. E definiu aos homes e mulleres que a fan posible como “actores fundamentais na difusión do acontecer cotián de Galicia” porque, segundo ela, “a través do seu traballo, documentan a historia que vivimos cada día e axúdannos a comprender mellor quen somos como sociedade, inmortalizan momentos únicos, e contribúen á proxección exterior da nosa terra, das súas iniciativas, da súa cultura e da súa diversidade”.

No acto de apertura oficial da mostra, que conta co apoio da Xunta de Galicia e da Universidade de Santiago, participaron tamén a presidenta da APG, María Méndez, o delegado en Santiago da APFG, Óscar Corral, e o comisario da mostra, Fernando Blanco.

A presidenta da APG agradeceu ao presidente da Xunta de Galicia e á reitora da USC o apoio prestado dende un primeiro momento para poder organizar esta segunda edición da exposición, “á que guía”, sinalou, “o propósito de reivindicar un labor fundamental para conformar opinión pero que, con todo, moitas veces dilúese na imperiosa actualidade na que se fragua”.

Méndez lembrou que esta mostra “naceu con vocación bienal e de itinerancia polas principais cidades e pobos galegos”, como fixera a súa primera edición que, tras permanecer tamén na casa da USC, percorreu oito ciudades galegas e Madrid, “con gran éxito de visitantes e recabando o apoio de Administracións locais e provinciais”.

Pola súa banda, o delegado da APFG salientou que nesta segunda edición da exposición participan “a inmensa maioría dos profesionais galegos da prensa gráfica”. Segundo el, “iso permite que desta volta se bata unha auténtica marca cun total de 92 imaxes, que son case vinte máis que hai dous anos”.

Corral, que reivindicou a profesionalidade no seu sector fronte ao intrusismo, remarcou o “pulo que esta mostra supuxo, dende a súa primeira edición, para a constitución da Asociación Profesional de Fotoxornalistas de Galicia, que agora xa é unha realidade”, así como “para acadar nela unha máis ampla representación do noso gremio”.

O comisario da exposición lembrou como se xestou este proxecto “que fundiu soños de fotoxornalistas e xornalistas galegos” e que, destacou tamén, “logrou rachar a negativa dinámica individualista que sempre marcou ao noso gremio, para convertirse nun pioneiro e brilante exemplo colectivo e, ademais, aberto á sociedade”.

Para Blanco, esta mostra colectiva é “unha variopinta representación do traballo de compañeiros de tódolos medios de comunicación e tódolos recunchos de Galicia, nun sector moitas veces dominado pola brutal competencia”. E rematou indicando que esta é unha exposición da que presumir así mesmo, porque “ten servido para sentar as bases e poñer en marcha a Asociación que agora reúne aos fotoxornalistas da nosa comunidade e que xa vela pola defensa dos seus dereitos e a dignidade profesional”.

“A Galicia inédita” reúne obras de profesionais do fotoxornalismo que desenvolven o seu quefacer en medios de comunicación de Galicia, complementadas cada unha delas con lendas de corte literario ou informativo, elaboradas por membros da APG e outros xornalistas que tamén traballan na nosa comunidade autónoma.

As imaxes captan todo tipo de acontecementos, lugares e personaxes, dende a vertente máis costumbrista ou rural, ata sucesos que marcaron a actualidade dos últimos tempos en Galicia, pasando por obras que reflicten aspectos relacionados cos principais sectores produtivos da comunidade, conflitos laborais, manifestacións artísticas, festivas e culturais, ou natureza e fenómenos atmosféricos e meteorolóxicos.

O obxectivo da mostra segue plenamente vixente: Poñer en valor o labor que desenvolven a diario os reporteiros gráficos de Galicia e dar a coñecer ao gran público unha representación da obra de cadanseu, que nalgúns casos son imaxes inéditas e, noutros, fotografías xa publicadas en medios de comunicación.

“A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego” estará aberta ao público no Colexio de Fonseca de Santiago (rúa do Franco, s/n), con acceso libre e gratuíto, ata o próximo 11 de xullo, de luns a sábado, en horario de 11,00h a 14,00h, e de 17,00h a 20,30h.