O escritor e articulista ourensán Alfredo Conde Cid recibiu de mans do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos, do alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e da presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, María Méndez González, a estatuiña “A deusa de Alvite” -obra de Acisclo Manzano-, que lle acredita como Premio José Luis Alvite 2026 de columnismo da APG.

No acto, que tivo lugar no Centro Social Polivalente de Brión, concello no que reside o galardoado, Conde ensalzou o traballo dos xornalustas aos que considera “os responsables que lle quedan á nosa sociedade para recibir información contrastada, correctora dos desvíos de opinión inducidos dende os gabinetes de prensa da sociedade, cando non dende os próximos a aqueles que dependen dos órganos de goberno, nas lindes da xustiza ou nos gabinetes do lexislativo”.
Por todo ilo, o premiado, que se mostrou moi agradecido por esta distinción e que lembrou a José Luis Alvite como “un dos grandes columnistas españois”, cré que os xornalistas son “o último bastión de defensa da liberdade de pensar e opinar”. Pero Conde tampuoco esqueceu o traballo dos cámaras e os fotógrafos de prensa, que “nos mostran”, engadiu, “a realidade que avala o texto redactado por ese xornalista que a contrasta coa ofrecida por aqueles que agachan os feitos ou os terxiversan”.

O encargado de realizar a laudatio de Conde foi o escritor, filólogo e crítico literario Armando Requeixo Cuba, que subliñou a importante produción literaria e xornalística do galardoado, así como algúns dos premios de maior relevo dos que foi merecedor. Considera este Alvite como “un acto de xustiza poética”, porque “é poñer en valor o camiño andado e as múltiples contribucións dun intelectual ao que moito lle debe Galicia, a súa cultura e a súa literatura”.
Requeixo quixo salientar tamén a faceta de Conde como divulgador do noso acervo: “Un dos nosos mellores embaixadores culturais e literarios do último medio século que, merced aos seus bos oficios, logrou que Galicia e a lingua galega se oise en universidades e foros intelectuais únicos, ou en lugares onde non se escoitara antes ou onde aínda hoxe é infrecuente que se saiba de nós, como Sidney, Praga, Xerusalem, Rabat, Melbourne, Osaka, Tokio, Toronto, San Petersburgo, Auckland, Estocolmo, Pekin ou Bergen, por citar só algúns”.

Pola súa banda, o alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, agradeceu a Alfredo Conde e á Asociación de Periodistas de Galicia que escolleran Brión para a entrega do Premio José Luis Alvite. “Sempre presumimos de que Brión é terra de arte e cultura, en primeiro lugar, pola nosa ampla programación cultural e iniciativas singulares como os Encontros coa Arte ou o Premio Laudamuco para textos teatrais; pero tamén podemos sacar peito por ser o municipio escollido para vivir por moitos escritores, pintores, escultores, músicos, fotógrafos… e tamén por moitos xornalistas”, apuntou o rexedor.
Lago puxo en valor ademais o “galeguismo de proximidade” e o “xornalismo comprometido coa terra” de Alfredo Conde, nuns tempos de globalización nos que os medios “se contentan con conseguir likes e chear as redes de contidos sen interese, de personaxes prescindibles e co único obxectivo de que o lector faga click na noticia”.

No evento, que a APG fai coincidir cada ano co Día Mundial da Liberdade de Prensa (3 de maio), a presidenta dese colectivo profesional, María Méndez González, reivindicou a liberdade de prensa que, segundo ela, “segue sendo, tal vez hoxe máis que nunca, un ben prezado que temos que seguir conquistando día a día, en tódalas frontes e ante o enorme ruido que xeran tantos e tantos conflitos no mundo”.
“Unha senda, a da liberdade”, afirmou tamén Méndez, “que guiou a pluma do noso premiado e polo cal hoxe queremos darlle a nosa noraboa”. “Sabemos que es o autor español máis laureado de tódolos tempos, pero nos consta que esta Deusa de Alvite que agora recibes, conmoveu esa profusa ollada que aplicas neses mares abertos da creatividade que tanto gustas sucar”.

Biografía do premiado
Conde Cid naceu en Allariz, Ourense (5 xaneiro 1945), no seo dunha familia galeguista de crase media. Estudou Náutica na Escola Superior da Coruña e Historia na Universidade de Santiago de Compostela. Traballou como mariño mercante e como profesor de Historia nun colexio privado. Foi deputado no Parlamento de Galicia como independente no grupo do PSdeG (1981-1993) e conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia encabezada polo socialista Fernando González Laxe (1987-1990).
Foi o primeiro vicepresidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e o primeiro presidente do Pen Club de Galicia (1990-1991), cargos dos que dimitiu tras organizar dous congresos internacionais de ambas as dúas entidades. Entre outros idiomas, as súas obras teñen sido traducidas ao inglés, italiano, chinés, portugués, francés ou ruso.

