A APG concede o seu XI Premio José Luis Alvite de columnismo a Alfredo Conde apgadmin Marzo 20, 2026

A APG concede o seu XI Premio José Luis Alvite de columnismo a Alfredo Conde

A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) decidiu por unanimidade conceder o Premio José Luis Alvite de columnismo de opinión 2026, que acada este ano a súa undécima edición, ao novelista, poeta e articulista ourensán Alfredo Conde Cid.

O xurado, formado pola Xunta Directiva da APG, valorou “a súa dilatada traxectoria no mundo literario e xornalístico -tanto en castelán, coma en galego-, ao longo de case seis décadas, o que lle valeu o recoñecemento xeral en Galicia, España e internacional, con premios e distincións de tanto relevo como o Nadal, o Nacional de Literatura, o Nacional de la Crítica ou o Ginzane-Cavour á mellor novela estranxeira editada en Italia en 1990”.

“As súas colaboracións en prensa escrita, publicadas na meirande parte das cabeceiras galegas”, segue o xurado, “fixéronse acredoras dos premios Julio Camba, Fernández Latorre, Cunqueiro e Puro Cora, ademais de recibir entre outras distincións a Medalla Castelao en 2016, e de ser nomeado doutor honoris causa pola Universidad de Melbourne (Australia), cabaleiro da Orden de las Artes y las Letras de Francia, e fillo predilecto da provincia de Ourense”.

A Xunta Directiva da APG considéralle “un excelente narrador nas súas obras literarias e nos seus artigos xornalísticos, que retratan con precisión xentes, feitos e tempos, nos que asimesmo vai deixando trazos e pegadas de si mesmo e das súas vivencias”. Tamén suliñan que, “ademais de escritor e creador vocacional, foi profesor de Historia, mariño mercante, activista cultural e social, deputado no Parlamento de Galicia, conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia ou membro do Consello de Administración da CRTVG”.

Biografía do premiado

Conde, que recibiu con grande alborozo e sorpresa a nova da concesión do Premio Alvite, naceu en Allariz, Ourense (5 xaneiro 1945), no seo dunha familia galeguista de crase media. Estudou Náutica na Escola Superior da Coruña e Historia na Universidade de Santiago de Compostela. Traballou como mariño mercante e como profesor de Historia nun colexio privado. Foi deputado no Parlamento de Galicia como independente no grupo do PSdeG (1981-1993) e conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia encabezada polo socialista Fernando González Laxe (1987-1990). Foi o primeiro vicepresidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e o primeiro presidente do Pen Club de Galicia (1990-1991), cargos dos que dimitiu tras organizar dous congresos internacionais de ambas as dúas entidades. Entre outros idiomas, as súas obras foron traducidas ao inglés, italiano, chinés, portugués, francés ou ruso. Alfredo Conde recibirá o XI Premio José Luis Alvite nun acto aberto ao público que terá lugar no próximo mes de maio, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Liberdade de Prensa.