A presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), María Méndez González, e a conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Fabiola García Martínez, presentaron esta mañá, no Cacao Restaurante, en Santiago de Compostela, unha nova edición da campaña #IgualdadeFollowers, destinada a promover a igualdade entre a mocidade galega a través de vídeos de influencer galegos que conteñen claves e mensaxes e que serán difundidos a través das redes sociais.
No acto de presentación desta cadea de followers participaron e interviron tres dos creadores de contido que protagonizan a campaña: Nuska Chousa, que difunde temas relacionados co rural; Sabela Cereijo, cantante e compositora; e María Mera, actriz e presentadora. Xunto a eles participaron en #IgualdadeFollowers Desirée Vila, atleta paralímpica, e Pablo Meixe, cómico, mimo e clown.

María Méndez, que agradeceu a colaboración de Igualdade da Xunta e a implicación dos medios de comunicación, lembrou que esta campaña “foi precursora en territorio nacional en canto á difusión a través das redes sociais de mensaxes para concienciar sobre a igualdade de xénero á mocidade”.
A presidenta da APG explicou que se elixiron como canle as redes porque para chegar ás mozas e mozos “tíñamos que facelo cos seus propios códigos e mediante as plataformas coas que se veñen comunicando e informando”. “Só nese espazo, e con creadores de contidos cos que se sinten identificados, poden chegar a asumir a importancia que ten acadar a plena igualdade de dereitos e oportunidades”.

Pola súa banda, Fabiola García incidiu na importancia que teñen as redes como altofalante se o seu uso é adecuado, xa que, “de non ser así”, dixo, “pódese causar un dano inmenso”. Por iso sinalou que, un dos retos de futuro é, precisamente, combater as violencias e os delitos que se comenten na esfera dixital, algo que “desde a Xunta de Galicia nos preocupa e polo que creamos a primeira Lei de Violencia e Acoso Dixital”. Trátase, segundo explicou, dunha norma pioneira en elaboración, que sentará as bases para poder tipificar os delitos cometidos na internet e que teñen como potenciais vítimas “ás rapazas, adolescentes e mulleres”.
Ademais, a conselleira de Política Social e Igualdade lembrou a importancia de impulsar accións e medidas destinadas ao ámbito dixital e construír unha comunidade na que dar visibilidade aos referentes femininos. Nese sentido, subliñou o papel que desenvolven as e os participantes da campaña #IgualdadeFollowers que, desde os seus respectivos ámbitos, defenden a importancia de que as mulleres sigan conquistando espazos tradicionalmente masculinizados e demostrando que o xénero non é unha barreira.

Nuska Chousa, que pediu continuidade neste tipo de iniciativas, afirmou que “o título de influencer non é algo que se busque, pero témolo, e as redes sociais son un altofalante tremendo e a fonte de información principal dos rapaces”. Por iso, engadiu, os influencer “temos o deber de colaborar e aportar o noso graniño de area”.
Sabela Cereijo sinalou que, “lamentablemente, hai certos discursos que están calando cada vez máis na xente nova e hai que combatelos onde están tendo máis presenza”. “Levo máis de vinte anos dedicándome ao audiovisual e teño vivido pequenos micromachismos, como por exemplo que, despois de realizar o meu traballo, sempre buscaban a un home para pagarlle”. Dirixíndose aos numerosos mozos presentes no acto, pediulles que “non consintan agora ese tipo de cousas”.
E María Mera, que como Chousa e Cereijo agradeceu a posibilidade de participar nesta campaña, comprometeuse a “seguir aportando todo o que poida e avanzando día a día na loita pola igualdade de xénero no seu eido profesional”.
No acto de presentación, que rematou cun cóctel para tódolos asistentes -moitos deles, mozos e mozas de distintas idades-, emitiuse un vídeo de resumo desta quinta edición da campaña #IgualdadeFollowers.
