Julio Rodríguez reivindica ao recibir o Diego Bernal 2026 “un xornalismo de proximidade e elaborado con criterios profesionais” apgadmin Xaneiro 30, 2026

Julio Rodríguez reivindica ao recibir o Diego Bernal 2026 “un xornalismo de proximidade e elaborado con criterios profesionais”

oplus_0

O xornalista ourensán Julio Rodríguez González, director do xornal Atlántico Diario, recibiu hoxe de mans do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, e da presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, María Méndez González, o Premio Diego Bernal 2026, que recoñece a súa ampla traxectoria profesional.

A entrega do galardón tivo lugar no decurso dun xantar no Hotel Oca Puerta del Camino de Santiago de Compostela, ao que acudiron máis dun centenar de profesionais do xornalismo e a comunicación de toda Galicia, nun acto que conduciu a xornalista radiofónica e directiva da APG Paula Pájaro Rives e no que o catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago Xosé Soengas Pérez realizou a laudatio do premiado.

Na súa intervención, a presidenta da APG afirmou que o premio a Julio Rodríguez “vén darnos un exemplo de como o traballo a pé de obra, cun xornalismo de proximidade e unha prolífica traxectoria de catro décadas no oficio, son piares dun facer que é a mellor garantía para disfrutar da liberdade”.

Para María Méndez, a incorporación de Rodríguez á nómina de galardoados co Bernal é “un aldabonazo para todos aqueles que poidan ter a tentación de pensar ou sentir que esta profesión vive agora nunha encrucillada”. “Nada máis lonxe da realidade, porque malia os novos e intelixentes artificios, os xornalistas somos, e seremos, sempre esenciais”, concluiu.

Laudatio de Xosé Soengas

Pola súa banda, o autor da laudatio do premiado desfíxose en eloxios a Julio Rodríguez, a quen definiu como “un xornalista transversal” e de quen dixo que “é unha persoa con carácter, carisma, autoridade, sentido do humor, gran capacidade de traballo, rigor, cun liderado natural, visión innovadora, pragmatismo e capacidade resolutiva, pero ao mesmo tempo, cunha sensibilidade e unha capacidade de observación permanente que lle permite analizar os acontecementos máis imprevisibles de xeito certeiro”.

Xosé Soengas afirmou que “os entornos e as convivencias configuran as personalidades” e nese senso lembrou a época de finais dos oitenta -cando compartiu redacción en La Región con Rodríguez-. Segundo el, nesa etapa iniciouse “unha transformación sen precedentes pola informatización das redaccións” e foi “un momento sociolóxico especial por coincidir coa modernización da sociedade”, pero a mistura de xeracións de xornalistas resultou ser “algo moi positivo”, e as redaccións destacaban pola súa humanidade -“fronte as vivencias de hoxe co teletraballo”-, e pola súa liberdade, “o que caracterizou sempre a traxectoria profesional de Julio”.

“Esa liberdade tristemente non existe hoxe, nin nos medios, nin na sociedade, pois todo está tan regulado, tan normativizado, que case non se pode falar de nada sen que alguén se sinta ofendido”, concluiu. “Agora vivimos nunha sociedade enferma, onde cada día hai máis tabús e se inventan metáforas e eufemismos para evitar chamar as cousas polo seu nome, que é como mellor se entenden”.

Intervención de Julio Rodríguez

Na súa intervención, o galardoado expresou o seu agradecemento aos editores, directores, xefes e compañeiros que o acompañaron ao longo da súa vida profesional, así como á súa familia, á que quixo dedicar especialmente este premio.

Julio Rodríguez referiuse ao cambio tecnolóxico producido nos últimos anos: “Nada é igual, aínda que no fondo permanece a esencia de informar, polo que cambian as formas, pero non o obxectivo e a misión final”. Segundo el, “tras 40 anos de torbellino tecnolóxico ata chegar aos tempos da IA, os avances que foron vistos en moitos casos mesmo como unha ameza, axudaron de feito á supervivencia e mellora da propia profesión xornalística, sobre todo dende a aparición de internet nas redaccións”.

O Bernal 2026 abogou por un xornalismo de proximidade e “un xornalismo que elabora a información de verdade, cos criterios profesionais máis tradicionais e auténticos… o xornalismo de sempre, xa sexa a través do soporte que sexa”. “Contra todo, máis xornalismo, porque sen xornalismo non pode haber unha sociedade máis democrática e libre”, sentenciou.

Por último, demandou uns medios de comunicación sólidos, para o cal é necesario segundo el, “o respaldo e o apoio institucional para desenvolver e exercer con tódalas garantías o dereito dos cidadáns a unha información veraz e solvente, dentro dunha competencia lexítima no libre mercado”.

Biografía do premiado

Nacido en Quintela de Leirado (Ourense) no ano 1961, Julio Rodríguez é licenciado en Ciencias da Información, rama Xornalismo, pola Universidade de Navarra (1981-1986). A piques de cumprir corenta anos de exercicio profesional (o fará no ano 2026), iniciou a súa andaina xornalística en 1986 en La Región de Ourense, grupo no que desenvolveu a meirande parte da súa carreira.

Comezou como redactor e responsable de edición de La Región (1986-88), para convertirse logo en director adxunto do xornal Atlántico Diario de Vigo, cargo que ocupou entre 1988 e 1999. Entre ese último ano e 2002 foi subdirector de Informativos da Televisión de Galicia (TVG), canle na que posteriormente se convertiría en director de Informativos (2002-2005).

De volta á prensa escrita, Rodríguez pasou a exercer como director adxunto do xornal La Región (2005-2007), logo subdirector de Atlántico Diario (2007-2008) e, dende 2008 á actualidade -dende hai 17 anos-, director dese mesmo rotativo vigués. Durante distintas etapas colaborador e participante en espazos de debate sobre asuntos de actualidade na Radio Galega e na Televisión de Galicia, foi ademais membro da Comisión Permanente do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia.

Trixésimo primeira edición do Diego Bernal

A APG fai coincidir o acto de entrega do Premio Diego Bernal coa festividade de San Francisco de Sales, patrono dos xornalistas, neste caso, celebrada o pasado 24 de xaneiro. O galardón, que consiste nunha figura de artesanía tradicional de pratería de Compostela, foi creado en 1996 baixo a denominación inicial de Premio Anual APG, co obxectivo de distinguir a traxectoria profesional de xornalistas galegos que exercen ou exerceron en Galicia ou fóra da nosa comunidade. Tralo pasamento de Diego Bernal, a APG acordou que o premio pasara a levar o seu nome, como homenaxe á súa memoria.

Os galardoados co Premio Diego Bernal nas trinta edicións anteriores foron Augusto Assía (1996), Pedro de Llano (1997), Feliciano Barrera (1998), Camilo José Cela (1999), Manuel Fernández Areal (2000), o Colectivo de Periodistas Vascos (2001), Santiago Rey Fernández-Latorre (2002), José Manuel Rey Novoa (2003), Juan Ramón Díaz García (2004), Alfonso Sánchez Izquierdo (2005), Ángel Botana (2006), Blanca García Montenegro (2007), Gerardo González Martín (2008), Perfecto Conde Muruais (2009), Manuel Martín Ferrand (2010), Pepe Domingo Castaño (2011), Pilar Cernuda (2012), Germán Castro Tomé (2013), José Luis Alvite (2014), Lois Caeiro (2015), Fernando Ónega (2016), Fernando Salgado (2017), Bieito Rubido (2018), Xosé Luis Vilela (2019), Francisco Campos (2020), Arturo Maneiro (2021), Carmen Merelas (2022), José Luis Gómez (2023), Aída Pena (2024) e Xosé de Cora (2025).