O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos, o director institucional territorial noroeste do Banco Sabadell, Adolfo García-Ciaño, a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), María Méndez, e o catedrático de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e director do informe, Francisco Campos Freire, presentaron hoxe, no Hotel Oca Puerta del Camino, en Santiago de Compostela, o número dez da revista dixital da APG “Comunica”, que nesta edición leva por título: “O estado da innovación na comunicación en Galicia”.
O estudo, elaborado pola APG en colaboración coa Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago e o Banco Sabadell, é unha radiografía diacrónica que analiza o percorrido histórico de innovación e os retos de futuro dos medios de comunicación galegos (prensa escrita, en papel e dixital; radio/audio; e televisión), pero tamén doutras técnicas ou expresións comunicativas como a ficción cinematográfica e a dobraxe, o teatro, a música, a publicidade, a comunicación institucional e empresarial, a comunicación política, a fotografía, o deseño gráfico ou a sinalización urbana.
Segundo María Méndez, “este proxecto naceu co único obxectivo de amosar ao mundo que a historia e o futuro da comunicación en Galicia están sementados da implementación de novas ideas… nunha permanente e denodada adaptación ás novas formas de comunicar, que lles levaron a seguir erixíndose como referentes e que agora requiren un maior respaldo das políticas públicas”.
Francisco Campos salientou o peso que teñen as industrias culturais, da comunicación e as TIC en Galicia: “Representan máis do 2% do PIB da nosa economía, con máis de 1.500 millóns de euros de facturación en 2024 e 10.291 empresas, porcentaxes semellantes á media da Unión Europea”.
Principais conclusións do informe
O informe, estruturado en vinte capítulos e que contou coa colaboración das profesoras da USC Tania Fernández Lombao e Marta Rodríguez Castro e o asesoramento do xornalista Alberto Barciela, inclúe artigos de 25 destacados académicos e profesionais e unha enquisa sobre a situación actual da innovación nos diferentes ámbitos comunicativos. O traballo refírese aos “dous grandes retos disruptivos que actualmente marcan os procesos tecnolóxicos e sociais: a transición dixital e o aproveitamento da revolución da intelixencia artificial”.
Ante eles, o director do estudo destaca algunhas ideas como “planificar un mapeo intenso e extenso da estrutura económica e produtiva das ICC ou das IC5 (industrias culturais, de comunicación, de coñecemento, de contidos, creativas e dixitais) para coñecer as perspectivas futuras a 10 ou 25 anos vista, fronte á diversidade, diverxencia e carencia de datos de investigación actuais en Galicia sobre este sector”. “Esta proposta concrétase”, afirmou Campos “na necesidade de elaborar, de xeito participativo, un mapa estratéxico da Galicia Calidade creativa 2025-2050”.
Pide ademais maiores esforzos de integración, compatibilidade, interoperatividade e alfabetización dos servizos públicos para garantir o acceso universal (especialmente para os grupos sociais de maior idade) no contexto de transición tecnolóxica; xerar dinámicas que propicien a alta estima social e económica das empresas emerxentes das TIC; impulsar as oportunidades creativas e de emprendemento emerxente que existen nas actividades audiovisuais, musicais, artísticas e expresivas; ou afrontar as dificultades e acometer os axustes necesarios para afrontar a transición en marcha nas actividades tradicionais das industrias culturais e creativas (ICC).
Outras conclusións do informe recollido no número dez da revista “Comunica” son: Evitar que as políticas institucionais públicas sexan alleas ás oportunidades de renovación das industrias culturais e creativas tradicionais – tanto no que se refire ás organizacións empresariais, coma aos seus profesionais-, pola importancia económica e simbólica que ten a comunicación, mesmo tamén para a existencia de Galicia. E propón promover novas dinámicas de emprendemento e sinerxias de interacción entre profesionais e colectivas, de formación, cocreación, alfabetización e colaboración en rede, para apoiar a creatividade e a innovación nas ICC.
Xunto a iso, o estudo demanda “revisar e actualizar as políticas relacionadas coas industrias ICC e con eses fitos da transición dixital e a IA, como marca a renovación da Lei 1/2025, do 14 de marzo, de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia (CSAG) para a sociedade dixital”.
Aposta por impulsar o potencial simbólico da comunicación para estimular e promocionar a innovación como reto estratéxico de Galicia para as próximas décadas; seguir amparando e proxectando “as dúas marcas territoriais de maior éxito e consenso xeral (Galicia Calidade e Xacobeo)”; e preservar o significado da diplomacia cultural, “enraizado na identidade galega e que serviu e serve para proxectar a razón de ser un país que autoestima o sentido dunha Galicia calidade”.
Pero ademais, o informe estima necesario aumentar e mellorar información das artes plásticas, escénicas e outras actividades das ICC nos medios de comunicación; recuperar políticas institucionais de anos atrás (como a Fotobienal, entre outras), para as actividades artísticas fotográficas; propiciar “a integración audaz e intelixente da IA no ecosistema de comunicación e cultural galegos, mediante estratexias público-privadas”; ou reanimar, renovar e ampliar a idea organizativa dos clústers, para a súa adaptación a redes creativas e de investigación máis flexibles, informais, innovadoras e globais.
Outra das recomendacións que recolle o traballo é “estudar a viabilidade de crear un fondo de capital-risco cultural e mediático (Galicia Tech-Culture), como vehículo financeiro para apoiar a empresas consolidadas e startups (empresas emerxentes) das ICC que apliquen IA, blockchain ou XR (realidade estendida)”, co obxectivo de mellorar a súa produtividade”.
Tamén, impulsar un programa de inmersión en IA para profesionais das ICC; adaptar os sistemas de formación (básico, medio, profesional e universitario) ás necesidades que a dixitalización e a cuarta revolución industrial están empezando a deixar nas IC5 en Galicia; coordinar a colaboración institucional público-privada para recuperar e dixitalizar arquivos de radio/audio, texto, imaxes e recursos de ICC con xestión de data mediante IA para a súa explotación e/ou accesibilidade; promover a colaboración público-privada “para a plataformización de contidos e servizos OTT de institucións, empresas e entidades de ICC, mediante estratexias integradas para multiplicar a presencia e visibilidade nas redes sociais dixitais”; e articular a promoción de alianzas estratéxicas para impulsar un ecosistema galego (I+D+IG+IA) do coñecemento para a intelixencia artificial.
Accede ao informe completo “O estado da innovación na comunicación en Galicia”, a través da seguinte ligazón: