A APG presenta un amplo e detallado estudo sobre a innovación na comunicación en Galicia apgadmin Decembro 6, 2025

A APG presenta un amplo e detallado estudo sobre a innovación na comunicación en Galicia

A Asociación de Xornalistas de Galicia (APG) presentará o décimo número da súa revista dixital “Comunica o vindeiro martes 9 de decembro ás 13:00 horas na sala Quintana do Hotel Oca Puerta del Camino, en Santiago de Compostela. Esta edición leva por título: “O estado da innovación na comunicación en Galicia”, e foi elaborada en colaboración coa Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Banco Sabadell.

O acto estará encabezado polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos, o director institucional territorial noroeste do Banco Sabadell, Adolfo García-Ciaño, a presidenta da APG, María Méndez, e o catedrático de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e director do informe, Francisco Campos Freire.

O estudo é unha radiografía diacrónica sobre a innovación dos distintos medios de comunicación (prensa escrita, en papel e dixital; radio/audio; e televisión), así como outras técnicas e expresións como a ficción cinematográfica e a dobraxe, o teatro, a música, a publicidade, a comunicación institucional e empresarial, a comunicación política, a fotografía, o deseño gráfico ou a sinalización urbana.

Os vinte capítulos da obra están elaborados por vinte e cinco xornalistas e académicos especializados en cada unha das áreas de comunicación, combinando empresas con ampla experiencia profesional con novos comunicadores. Tamén inclúe unha enquisa sobre o estado actual da innovación en diferentes medios e en diferentes áreas e técnicas de comunicación. Na coordinación do informe tamén traballaron as profesoras da USC Tania Fernández Lombao e Marta Rodríguez Castro.