María Méndez Gónzález foi reelixida como presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia (APG) para un novo período de cinco anos, na Asemblea Electoral do colectivo, que tivo lugar hoxe no Oca Hotel Puerta del Camino, en Santiago de Compostela.
Na súa intervención trala votación, Méndez agradeceu a todos “a súa implicación asociativa e a súa xenerosidade individual” e subliñou que encabezará unha Xunta Directiva que foi renovada para a nova etapa con “novos valores, profesionais moi recoñecidos e unha maior presenza feminina”, malia que tamén lrmbrou que houbo “algunhas mudanzas notables e incorporacións destacadas” no Consello Asesor.

A reelixida presidenta da APG afirmou que os membros deste colectivo “deben sentirse satisfeitos por ter aunado en múltiples iniciativas aos profesionais da comunicación en Galicia”, pero ao mesmo tempo advertiu de que “debemos ser e estar proactivos para contribuír a superar as múltiples arestas que afectan á nosa actividade”. “Hoxe, novas ferramentas como a IA, outras formas de comunicar e un contorno máis crispado, obrígannos, se compra, a un maior esforzo por promover iniciativas que nos permitan abordar xuntos e con garantías de éxito os novos desafíos”. “Para iso”, engadiu, “será necesario animar aos profesionais a sumarse a esta aposta colectiva”.

Con todo, Méndez tamén se refiriu á necesidade de “non abandonar a esencia dos nosos obxectivos como individuos implicados no benestar xeral: acadar a plena igualdade e combater a violencia de xénero; visualizarnos e dar a coñecer o noso quefacer en calquera das súas manifestacións; e reivindicar ata o esgotamento a necesidade de que a liberdade sexa a única que rexa os nosos contidos”.

A presidenta da APG pechou a súa alocución salientando que os obxectivos para o novo período son “seguir na senda de dignificar a nosa tarefa cos dous galardóns da Asociación xa consolidados -o Premio Diego Bernal e o José Luis Alvite-, así como promover e participar en todas aquelas propostas que, como grupo e como persoas, sirvan para reivindicar o noso labor”. E fixo unha mención de lembranza “ao querido e añorado expresidente de honra da APG Ángel Botana”, que finou recentamente.