A APG debatiu en Santiago sobre os retos e o futuro do turismo en Galicia apgadmin Maio 14, 2025

A APG debatiu en Santiago sobre os retos e o futuro do turismo en Galicia

O director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles Remy, e a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), María Méndez González, inauguraron hoxe no hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, a Xornada Turismo en Galicia, que debateu sobre a transcendencia dese sector para a economía da nosa comunidade, os seus retos de futuro e a repercusión mediática das principais cuestións que lle afectan.

Xosé Manuel Merelles destacou o peso e relevo que ten o sector turístico dentro do conxunto da economía galega, achegando varios datos do INE que o corroboran: en 2024, máis de 8 millóns de persoas aloxáronse en establecementos turísticos da comunidade, o número de noites rexistradas superou os 13,6 millóns, e os ingresos hoteleiros medraron nun 6,7% (máis de 431 millóns de euros procedentes do aloxamento). En canto ao emprego, resaltou o aumento do 3% das afiliacións á Seguridade Social, que rozaron as 86.000, “a cifra máis elevada da serie histórica”.    

“Estes indicadores”, engadiu Merelles, “falan dun traballo coidadoso e planificado, que aposta polo crecemento ordenado, que beneficie a territorios máis aló dos tradicionais eixos turísticos da comunidade e que incremente as visitas fóra da tempada alta”. Nesa liña, subraiou os máximos históricos acadados en 2024 en canto a número de noites en tempada media (5,3 millóns) e internacionalización (30% de demanda procedente doutros países).

Tamén adiantou que Exceltur prevé para 2025 un crecemento moderado -do 1,7%- da achega do sector turístico ao PIB galego. “Para acadar ese obxectivo”, afirmou, “dende a Axencia Turismo de Galicia estase a traballar nun Plan de Acción de Promoción, dotado con 13 millóns de euros, con 130 actuacións en distintos mercados nacionais e internacionais e que entronca coa Estratexia de Turismo de Galicia 2030 que define as liñas mestras do traballo”. “A iso súmase”, dixo Merellles, “o Plan Director do Camiño de Santiago, que está a marcar as pautas para lograr que o 2027 se convirta no mellor Xacobeo deste século”. E considerou o traballo xornalístico como “esencial para difundir os recursos e valores da nosa terra, e dar a coñecer esta oferta auténtica”.

Pola súa banda, María Méndez lembrou que o obxectivo desta Xornada era “reflexionar sobre a importancia deste sector na actividade económica, así como revisar os factores que poden incidir no seu desenvolvemento presente e futuro, sabendo ao mesmo tempo se o labor informativo que vén acompasando este fenómeno social e económico, reflicte unha realidade que nos concirne a todos”.

“De aí a presencia de representantes de tódolos sectores implicados, tamén o xornalístico, nun programa ambicioso nos seus obxectivos e que axuda a poñer en valor o que o turismo representa nas nosas vidas”, engadiu a presidenta da APG. E amosou a súa “consideración a tódolos participantes polas súas achegas e o seu esforzo”, así como o seu “agradecemento á Axencia Turismo de Galicia do Goberno galego, pola súa colaboración para o desenvolvemento da Xornada”.

Tra-la inauguración, o encontro comezou cun coloquio-entrevista sobre o turismo como oportunidade e a xestión futura do éxito turístico, protagonizado por Juan Molas Marcellés, presidente da Mesa del Turismo de España, e Enrique Martínez Marín, presidente da Sociedad Mercantil Estatal para la Gestión de la Innovación y las Tecnologías Turísticas (SEGITTUR), e moderado polo xornalista e membro da APG Alberto Barciela Castro.

Juan Molas afirmou que “é importante que os medios de comunicación se vinculen absolutamente cara informar aos cidadáns da necesidade absolutamente vital de que   o turismo é sen ningunha dúbida o primeiro sector social e económico de España, que aporta o 13,4% directo do PIB nacional e o 8%, indirecto, o que supón en total un 21%, pasando de tres millóns de empregos o ano pasado e 64.600 millóns de euros de saldo positivo na balanza de pagos”.

“Cando hai determinadas actuacións ou accións, ou algunhas manifestacións de xente que, politizada a meirande parte deles, se expresan en contra do turismo, habería que preguntarlles se cando van ao médico, ese médico non se paga entre outras cousas gracias á achega dese saldo positivo, ou as escolas gratuítas ou este estado de benestar que adquiriu España nos últimos vintecinco anos”. “Un dos obxectivos do Goberno de España, de Turespaña, do sector privado, das comunidades e dos concellos, por suposto, debe ser atraer turismo ás once comunidades que non están entre as seis primeiras en canto a turismo… a Mesa del Turismo de España xa se comprometeu nese sentido”.

Despois de resaltar o éxito histórico que supuxo e supón o Xacobeo, Molas referiuse ás asignaturas pendentes de Galicia en materia turística: “unha, a carencia de voós internacionais, que debe acadarse a través de acordos con compañías, o que ás veces comporta un peaxe; e outra, o gran número de apartamentos turísticos ilegais que existen en Galicia (hai máis de 14.900 anuncios), que en proporción é a comunidade con maior número delas”. E ao mesmo tempo, censurou a intención da vicepresidenta do Goberno Yolanda Díaz de establecer unha xornada laboral semanal de trinta e sete horas e media, “algo que”, segundo el, “será imposible cumprir no sector da hostalería”.

Enrique Martínez sinalou que “é necesario reenfocar o debate sobre o turismo para centrarse nas persoas que xestionan os destinos, nas empresas que xeran emprego, nas métricas comúns de sostibilidade, as vivendas de uso turístico, os problemas que poida haber nalgunhas cidades de perda de identidade, é dicir, pasar a ter un marco que nos permita deixar de falar de estacionalidade, de cantos veñen, de cantos cartos deixan…”.

Martínez destacou tamén o modelo de destino turístico intelixente, “que España está exportando neste momento, por exemplo a Iberoamérica, e que pon unha base tecnolóxica a tódolos destinos para que poidan xestionar as súas políticas turísticas”.

A Xornada incluiu tamén un panel sobre o presente e o futuro do éxito turístico galego e a influencia das taxas turísticas, con representantes do empresariado e as asociacións do sector na nosa comunidade: José Francisco Real Castro, presidente da Confederación Galega de Empresarios de Hostalería e Turismo de Galicia e presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo; Cesáreo González Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia; José Antonio Liñares, socio-fundador da Asociación de Turismo e Hostalería Compostela e presidente de Compostela Boutique Hotels; e Dulcinea Aguín Pombo, presidenta da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (AVITURGA), debate moderado polo director en Galicia de Esradio, Ignacio Balboa.

José Francisco Real manifestou o seu rexeitamento, e o do sector, a establecer taxas turísticas, “aínda que tamén pode ser unha boa fonte de ingresos para algúns concellos”, e malia que afirmou que en Galicia non existe a día de hoxe un problema xeral de masificación turística, “temos que trasladar o que está a suceder noutros territorios españois, para evitar que poida suceder aquí”. E en canto aos hoteis e as vivendas turísticas, cré que é bo que haxa competencia, pero “xogando coa mesma baralla”.

Cesáreo González cré que “Galicia está vivindo un momento moi doce, pero tamén preocupante polas taxas turísticas, que non son unha taxa senón un imposto revolucionario, polo tema das vivendas turísticas e porque somos un destino turístico que xoga en desvantaxe con outros de España debido ao déficit de conexións”. “O sector debería estar unido para trasladarlle esas cuestións ás administracións”.

José Antonio Liñares defendeu que a hostelería aporta felicidade aos clientes e un importante dinamismo económico á sociedade, polo que se mostra sorprendido de que “a xente utilice as mínimas palancas que aparezan” para arremeter contra o turismo. Igual que Real e González, Liñares mostrouse en contra das taxas turísticas, porque “poñen aranceis á hospitalidade” e porque, “como somos nós os que temos que cobralas e traballar polo tanto en certo modo para a administración local, deberían polo menos considerarnos para negociar a contía, a que se vai destinar, etc”.

E Dulcinea Aguín non está dacordo cos datos do Ministerio sobre o número de vivendas ilegais de uso turístico en Galicia. “Non nos coinciden as cifras, todo está rexistrado e é moi doado saber cales son legais e cales ilegais, e parécenos pouco serio que un Ministerio non se poña en contacto antes coa administración competente para comprobar eses datos”. “O que pasa”, dixo ademais, “é que estamos nun momento no que nós somos os culpables de tódolos males da vivienda no noso país”. Aguín recoñeceu que Galicia ten un problema de conexións aéreas e criticou duramente a eses concellos “que queren establecer restricións ás vivendas de uso turístico, como está promovendo a alcaldesa de Santiago, que o que están facendo é abrir as portas ao capital estranxeiro, co que ao final este sector estratéxico para Galicia vai estar en mans estranxeiras”.

Posteriormente, Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober, e Juan Deza Otero, concelleiro de Turismo de Sanxenxo, reflexionaron sobre a calidade e a sostibilidade turística e a aposta das administracións locais por ese sector, panel moderado polo coordinador de Organización e Operacións da CRTVG e director do espazo da TVG Lambóns de viaxe, Carlos García-Verdugo Peralta.

Luis Fernández sinalou que a “Ribeira Sacra está vivindo un momento moi doce dende que se declarou territorio BIC, co obxectivo final de acadar esa meta de ser declarada patrimonio da humanidade, e os concellos que como Sober formamos parte dela, estamos crecendo dende hai quince anos de xeito sostible, en parte tamén gracias a que o sector privado está apostando por un turismo de calidade”. Salientou o feito de que conseguirán que a rede de miradoiros do Sil obtivera a Q de calidade e a S de sostibilidade, “dúas marcas que estamos orgullosos de ter acadado”.

Juan Deza quixo subraiar que o turismo supón o 80% da actividade empresarial de Sanxenxo e remarcou que “o Concello está redobrando esforzos nos dous últimos anos para mellorar e modernizar o saneamento a través dun proxecto de 36 millóns de euros, pero tamén están levando a cabo outras iniciativas como as que se refíren á reciclaxe, á eliminación de duchas e papeleiras das praias…”. “Cando un concello é tan coñecido como Sanxenxo, a mellor estratexia é humanizar os espazos urbanos, construír novos equipamentos e infraestruturas, e protexer a paisaxe, o patrimonio e as nosas praias; e dicir, procurar a calidade e a sostibilidade para seguir manténdonos como líderes turísticos do norte de España”.

E pecharon a Xornada profesionais do xornalismo especializados en turismo, falando da turismofobia e a súa amplificación nos medios de comunicación, con mención especial para o fenómeno coñecido como fodechinchos. Nese panel participaron Josep María Palau, director da revista Viajar (Prensa Ibérica); Tamara Montero, xornalista do diario La Voz de Galicia; e Carlos Cuesta Calleja, vicepresidente da Federación de Periodistas y Escritores de Turismo de España (FEPET), con Raquel Tejero, delegada en Galicia do xornal dixital El Debate, como coordinadora do debate.

Josep María Palau referiuse á posible influencia positiva ou negativa dos influencer: “Nin unha cousa, nin a outra, xa que se pode conseguir un momento de grande visibilidade, pero hai que sabela xestionar e, polo tanto, hai que promocionar os destinos turísticos, pero con prudencia e dende un punto de vista sempre positivo”.

Tamara Montero afirmou que o debate sobre as taxas turísticas está enriba da mesa, pero “moitas veces se dá en termos de branco ou negro, estás connosco ou contra nós, sen profundir na materia: falar de políticas públicas, de planificación urbana, de modelos de turismo depredadores…, polo que fai falta menos emoción, e moita máis razón”. “Dende os medios de comunicación debemos propiciar as claves para comprender mellor o que está sucedendo e dar voz ás comunidades, á xente que nos visita… todos somos fodechinchos doutros, porque todos facemos turismo”. E finalmente, Carlos Cuesta sinalou que hai que “desterrar pouco a pouco a turismofobia, segundo el, unha palabra horrible, das mentes protestantes e antiglobalistas, encontrando medidas prácticas e equilibradas para evitar unha saturación que tanto dano fai ao espírito dos locais, dos nativos, dos lugareños”.

A Xornada Turismo en Galicia, que contou cunha nutrida participación de profesionais e expertos do sector, así como de público en xeral, incluiu coloquios abertos ás preguntas dos asistentes en cada un dos paneis e mesas de debate.

DOSSIER DE PRENSA XORNADA TURISMO EN GALICIA:

https://periodistasdegalicia.es/wp-content/uploads/2025/05/DOSSIER-PRENSA-JORNADA-TURISMO-EN-GALICIA-COMPRIMIDO.pdf