A importancia e o futuro do turismo na comunidade, a debate nunha xornada organizada pola APG apgadmin mayo 8, 2025

A importancia e o futuro do turismo na comunidade, a debate nunha xornada organizada pola APG

O director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), María Méndez, inaugurarán o martes, 13 de maio, ás 10,00h, no hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela, a Xornada Turismo en Galicia, que debatirá sobre a trascendencia dese sector para a Economía da nosa comunidade autónoma, así como sobre os seus retos no futuro, a curto, medio e longo prazo, e a repercusión mediática das principais cuestións que xiran arredor desa actividade.

O encontro, que se desenvolverá ata as 14,00h, arrancará cun coloquio-entrevista sobre o turismo como unha oportunidade e a xestión futura do éxito turístico, no que participarán Juan Molas Marcellés, presidente da Mesa del Turismo de España, e Enrique Martínez Marín, presidente da Sociedad Mercantil Estatal para la Gestión de la Innovación y las Tecnologías Turísticas (SEGITTUR), co xornalista e membro da APG Alberto Barciela Castro como moderador.

A Xornada incluirá, ás 11,00h, o panel “Claves do éxito do turismo en Galicia. Presente y futuro. Influencia das taxas turísticas”, que contará coa intervención de representantes do empresariado e do sector turístico galego: José Francisco Real Castro, presidente da Confederación Galega de Empresarios de Hostalería e Turismo de Galicia e presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo; Cesáreo González Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia; José Antonio Liñares, socio-fundador da Asociación de Turismo e Hostalería Compostela e presidente de Compostela Boutique Hotels; e Dulcinea Aguín Pombo, presidenta da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (AVITURGA). O moderador será o director en Galicia de Esradio, Ignacio Balboa.

Ás 12,30h, Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober, e Telmo Martín González, alcalde de Sanxenxo, deixarán as súas reflexións no panel “Calidade e sostibilidade. Aposta das administracións locais polo turismo”, que conducirá o coordinador de Organización e Operacións da CRTVG e director do espazo da TVG Lambóns de viaxe, Carlos García-Verdugo Peralta. E ás 13,15h, chega a quenda dos profesionais da información co coloquio “A turismofobia e a súa amplificación nos medios de comunicación. Os famosos fodechinchos”, no que participarán Josep María Palau, director da revista Viajar (Prensa Ibérica); Tamara Montero, xornalista especializada do diario La Voz de Galicia; e Carlos Cuesta Calleja, vicepresidente da Federación de Periodistas de Turismo de España (FEPET). Nese caso, a condutora do debate será Raquel Tejero, delegada en Galicia do xornal dixital El Debate.