O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos, a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), María Méndez González, o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, e o fotógrafo e comisario da mostra, Fernando Blanco Rajo, inauguraron este mediodía, na Casa de Galicia en Madrid, a exposición de fotografías de prensa “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, organizada pola APG e polo Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia.

O conselleiro felicitou á organización desta exposición que, “despois de estar na nosa terra, chega agora a Madrid para amosar o gran trabajo dos profesionais do fotoxornalismo galego”. Así, gabou e agradeceu o labor “de todas esas persoas que nos axudan a coñecer e interpretar a realidade máis aló das palabras”, extendendo ese recoñecemento “a tódolos xornalistas que día a día infórmannos a través dos medios de comunicación e contribúen a construír a nosa memoria colectiva”.
López Campos apuntou que “esa ollada que os fotógrafos de prensa nos ofrecen a través das súas cámaras é tamén unha maneira de salvagardar a nosa historia, dando conta dos acontecementos e fitos importantes” y de aí, dixo, “exposicións como esta serven para poñer en valor o excelente traballo que se fai en Galicia nese sentido”.

Culminación dunha itinerancia por Galicia
Pola súa banda, María Méndez sinalou que “a exposición chega a Madrid como quen acada o Olimpo, ese lugar onde non só se refuxian os deuses, senón onde se dan cita as expresións artísticas máis importantes da historia”. “Unha itinerancia que partiu de Compostela e que, tras visitar as outras seis principais cidades galegas, culmina agora coa mesma emoción na capital do Reino”, engadiu.
A presidenta da APG agarda que a mostra reciba en Madrid “idéntico afecto e comprensión cara a tarefa que veñen desenvolvendo con denuedo os profesionais da comunicación” que, subliñou, “debe ser posta en valor”. Méndez González expresou o seu desexo de que a exposición “guíe tamén o interese dos seus visitantes cara unha terra e unhas xentes ás que, sabemos, profesan unha gran admiración”. “Seguro que, contemplando estas escenas, animaranse despois a disfrutalas de cerca, a vivilas… a sentilas”, concluiu.

“Unha disciplina esixente e de gran responsabilidade”
O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis Ramos, tras dar a benvida á exposición ao Palacio de Amezúa, “representación institucional da Xunta de Galicia en Madrid”, afirmou que “o fotoxornalismo é unha disciplina esixente que supón unha gran responsabilidade”.
“Hoxe”, engadiu, “nun mundo no que nos convenceron de que, cun dispositivo móbil no peto calquera é fotógrafo, calquera é operador de cámara e todos son xornalistas, quero reivindicar o voso, noso, traballo, que é imprescindible para preservar a democracia das grandes ameazas e para a nosa sociedade”. “Convídolles a gozar desta exposición, a deixarse levar polas imaxes que nos contan tanto e tan ben, e a lembrar que detrás de cada foto, hai unha historia, unha vivencia e un profesional”, rematou.

Facer visible a obra dos fotoxornalistas
E o comisario da exposición, Fernando Blanco, destacou “a importancia que ten para a profesión poder facer visible unha parte da obra dos fotoxornalistas galegos que, ademais de darnos a coñecer algo do seu intenso e urxente quefacer diario, achégannos tamén a todos eses lugares, personaxes, paisaxes e aconteceres que plasman a nosa visión da actualidade e da realidade social da Galicia dos últimos anos”.
“Quero subliñar que estas imaxes representan a unha elevada porcentaxe dos fotógrafos de prensa que están actualmente en activo na nosa comunidade, pero igualmente o feito de que as fotografías están aderezadas por textos e lendas elaboradas por xornalistas que tamén desenvolven o seu traballo en Galicia”, engadiu. “Agora só agardamos, que as persoas que veñan visitar esta Galicia inédita na casa de tódolos galegos en Madrid, gocen tanto das fotografías como nós gozamos facéndoas”.

“A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, que aterra na capital de España co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego, permanecerá aberta ao público na Casa de Galicia, con entrada libre, ata o próximo 28 de marzo, en horario de 10,00h a 14,00h e de 16,00h a 20,00h.
