A exposición “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, organizada pola APG e polo Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia, chega a Madrid despois de ter recalado xa nas sete principais cidades galegas. O próximo xoves 6 de marzo será inaugurada na Casa de Galicia da capital de España, no número 8 da rúa de Casado del Alisal, no Retiro, onde poderá visitarse dende un día antes, dende o mércores 5 de marzo.
A mostra achegará agora aos cidadáns de Madrid -grazas ao apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia- o mellor do fotoxornalismo e xornalismo galegos, a través das 73 imaxes que inclúe, obra doutros tantos reporteiros gráficos que traballan en Galicia, acompañadas por textos elaborados por xornalistas que tamén desenvolven o seu labor na comunidade galega.
“A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego” permanecerá exposta e estará aberta ao público na Casa de Galicia de Madrid, con entrada libre, ata o próximo 28 de marzo, en horario de 10,00h a 14,00h e de 16,00h a 20,00h.