O xornalista lugués José de Cora recibe o Premio Diego Bernal 2025 da APG de mans do presidente da Xunta apgadmin Xaneiro 31, 2025

O xornalista lugués José de Cora recibe o Premio Diego Bernal 2025 da APG de mans do presidente da Xunta

O xornalista lugués José de Cora Paradela, vicepresidente e conselleiro editorial de El Progreso, recibiu hoxe, de mans do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, e da presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), María Méndez, a peza artesá de pratería compostelá que o acredita como gañador do Premio Diego Bernal 2025, que a APG concedeulle por unanimidade nesta trixésima edición do galardón.

A entrega do premio tivo lugar no decurso dun xantar no hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela, ao que acudiron máis dun centenar de profesionais do xornalismo e a comunicación de toda Galicia, nun acto que conduciu a xornalista radiofónica e directiva da APG Paula Pájaro e no que o xornalista Perfecto Conde realizou a laudatio do galardoado.

O presidente da Xunta enxalzou o traballo realizado por De Cora, de quen dixo que “ten dúas materias primas: as palabras e Galicia”. “Quen hoxe recibe o Premio Diego Bernal sigue fielmente ese principio”, engadiu Rueda, “facendo difusa a fronteira que (en teoría) separa xornalismo e literatura”. “Forma parte desa tradición galega de xornalistas que foron grandes escritores, e de escritores que foron excelentes xornalistas; Álvaro Cunqueiro desde logo, pero tamén Valle Inclán, Julio Camba, Wenceslao Fernández Flórez ou Carlos Casares… Transitar da realidade á ficción non é doado, pero eles o fan, e así enriquecen a nosa cultura”.

Para o titular do Goberno galego, “cada cambio cultural ou tecnolóxico parece traer consigo unha chea de dúbidas sobre o papel dos medios de comunicación”, pero “malia todos os laios e vaticinios, o xornalismo que vós representades”, afirmou, “está vivo”. Segundo el, “a razón desa resistencia do xornalismo está na súa necesidade, que non cobren as novas redes sociais (un periódico, unha emisora de radio ou unha televisión tamén son redes sociais, porque ao redor deles establécese unha comunidade de emisores e receptores de noticias, unida por fortes lazos)”.

“Non renego das novas redes que comunican”, dixo tamén, “pero preocúpanme as que incomunican, e o antídoto contra os medios de incomunicación que polarizan, son os medios de comunicación capaces de aglutinar a un pobo dende o pluralismo”. “A construción da Galicia democrática e autonómica débelle moito a este tipo de xornalismo comprometido coa verdade e cos galegos do que é un gran exponente José de Cora… Súmome á admiración que senten por ti os compañeiros de profesión e de aventura, e grazas pola túa marabillosa aportación a esta Galicia que se comunica e que comunica”, rematou.

A presidenta da APG, María Méndez, asegurou que o premiado nesta edición do Bernal “demóstranos coa súa vitalidade que sempre hai unha liña por escribir, unha historia por contar, un trance que superar, e que esa constancia e bo facer, así como a procura incesante da verdade, a defensa da liberdade de expresión e o compromiso coa nosa sociedade, fanlle merecedor deste recoñecemento que leva o nome doutro dos grandes da profesión… Principios que seguiremos defendendo para o seu avance e desenvolvemento”.

Méndez subliñou o fito de que o Diego Bernal acade este ano a súa trixésima edición, ao tempo que sinalou que á APG quédalle moito por facer na súa tarefa asociativa, “porque é ben certo que necesitamos incorporar savia nova a esta gran casa profesional, e niso estamos, non sen grandes esforzos, teimando en convencer aos máis novos de que os sacrificios que se realicen en aras de conquistar melloras para a profesión, pagan a pena”. “O noso desexo é atraelos para sumar, para enriquecer o noso quefacer, pero sen desdeñar da historia e dos seus protagonistas (que nos permitiron acadar, por exemplo, estas tres décadas dun premio tan prestixioso como este), xa que o papel do xornalista faise agora máis esencial que nunca e porque non é momento de desvalorizar ou marxinar ningún talento profesional”.

Laudatio de Perfecto Conde

Pola súa banda, o autor da laudatio do premiado, Perfecto Conde, afirmou que De Cora “é moito máis que un xornalista, pero antes de nada, un xornalista”. “Cada vez que lle pinchan unha vea para facer unha analítica de sangue, as enfermeiras perciben o cheiro da tinta dos obradoiros gráficos e os seus ollos énchense de titulares”, salientou. E lembrou que, cando xa era director de El Progreso, “chamáballe máis o reporteirismo, porque o fillo pequeño de don Puro Cora, todo un personaxe no Lugo dos anos corenta, cincuenta e sesenta, sempre levou na súa alma o espírito dun Hemingway sen escopeta, nin elefantes que abater”.

Perfecto Conde, que compartiu con De Cora moitas experiencias profesionais e persoais, lembrou tamén que o premiado asinou o seu primeiro texto xornalístico con 17 anos “e ata agora, leva escritas máis de 15.000 pezas deste xénero” e que aos 24, publicou o seu primeiro libro, e é autor de 65, “se contamos tamén os que aparece como coautor”, de novela, entrevistas, ensaio… “case de todo”. “De Cora non é dos que din que estiveron en tódolos sitios do mundo, pero foi o primeiro xornalista que chegou á igrexa dos xesuitas da madrileña rúa de Claudio Coello, cando mataron a Carrero Blanco; daquela traballaba na central da Agencia EFE, que estaba preto de alí, no número 5 da rúa Ayala”.

Intervención de José de Cora

Na súa intervención, o galardoado asegurou: “Representar ao xornalismo galego é un orgullo que intentarei levar con soltura e sen agonías por tan alta honra, porque o certo é que, queridos compañeiros, facédesme sentir o peso, se non da púrpura, si da pluma”. E lembrou a Diego Bernal, a quen coñeceu cando lle cubriu unhas vacacións como redactor da delegación en Santiago da Agencia EFE e con quen -malia que Bernal era dez anos maior ca el- uniulle unha amizade que durou ata a morte do xornalista compostelán, “acrecentada pola orixe lucense da súa muller, a profesora Nieves Modia”. “A bonhomía de Diego”, engadiu, “o seu sentido do humor e o don natural de atopar as novas, ou tropezar con elas, fan que este premio que recibo hoxe sexa especialmente entrañable para min”.

De Cora tamén falou da situación actual do xornalismo. “Todo é xornalismo se se conta ben,” indicou. “Nos últimos anos, coñecemos o maior número de cambios e os máis transcendentais, mudanzas que foron tantas e tan eficaces, que acabamos por mover o taboleiro sen saber moi ben como será a información de mañá”. E rematou: “Confío en que sempre haberá xornalismo, porque non existe intelixencia artificial que sexa quen de substituír ao home… Ao mellor pode facer o mesmo que calquera de nós, pero nunca satisfará as ganas de contar, de investigar, de coñecer e de transmitir que sentimos os profesionais”. “Non podería rematar estas palabras sen reivindicar a liberdade de prensa, sempre ameazada polos poderes”.

Biografía do premiado

Nacido en Lugo, en 1951, José de Cora foi redactor da Agencia EFE (1970-79) en Madrid e na súa delegación de Santiago, onde coincidiu durante varios meses con Diego Bernal.

Correspondente en Madrid de El Progreso, Ferrol-Diario, Región de Oviedo e La Voz de Avilés, foi tamén colaborador en Lui, Doblón, Tiempo, Galicia Internacional, Radio Lugo, Radio Nacional, Radio 80 e Onda Cero.

O premiado nesta edición co Bernal ocupou os postos de director da revista En Punta, redactor-xefe de El Indiscreto Semanal, director de El Progreso (1980-1994), director xeral do Grupo El Progreso (1994-2023) e, na actualidade, desempeña o posto de vicepresidente e conselleiro editorial de El Progreso, ademais de continuar co seu labor de columnista político. 

De Cora exerceu como profesor convidado na Facultade de Ciencias da Información (agora Facultade de Comunicación) da USC, foi presidente da Asociación da Prensa de Lugo e da Asociación Galega de Televisións Locais, cofundador e tesoureiro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e membro da Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual.

Precisamente polo que se refire á súa faceta audiovisual, a través de Lugopress, dirixiu varias series de televisión como “Vinte séculos de noivado” (2001), “Saúde, diñeiro e amor” (2002), “El Grial de Ancares” (2003), “Herexes” (2007), “Los secretos del gato” (2008), “Hitler, Garbo… e Araceli, calendario extravagante” (2011 e 2012) e “Vidas de pazo” (2013), así como a tv movie “O ladrón de reliquias” (2003). E foi coprodutor de “Sal gorda”, de Fernando Trueba; “O ano da carracha”, de Jorge Coira -que obtivo nove premios Mestre Mateo-; e “3:19”, de Dany Saadia.

De Cora é autor de máis dunha ducia de libros escritos en galego e case trinta en lingua castelá, ao que se suma a obra teatral “El bicéfalo”, que estreou no ano 2003, e foi merecedor, entre outros, do Premio Codorniz de Plata (2000), como humorista; José Luis Alvite da Asociación de Periodistas de Galicia (2018), como columnista; e Fernando Arenas Quintela (2019), pola súa obra “Ilustres asesinos y distinguidos cadáveres”.

Trixésima edición do Diego Bernal

O Premio Diego Bernal consiste nunha figura de artesanía tradicional de pratería de Compostela. Foi creado en 1996 baixo a denominación inicial de Premio Anual APG, co obxectivo de distinguir a traxectoria profesional de xornalistas galegos que exercen ou exerceron en Galicia ou fóra da nosa comunidade. Tralo pasamento de Diego Bernal, a APG acordou que o premio pasara a levar o seu nome, como homenaxe á súa memoria.

Nas vintenove edicións anteriores, os galardoados co Premio Diego Bernal foron Augusto Assía (1996), Pedro de Llano (1997), Feliciano Barrera (1998), Camilo José Cela (1999), Manuel Fernández Areal (2000), o Colectivo de Periodistas Vascos (2001), Santiago Rey Fernández-Latorre (2002), José Manuel Rey Novoa (2003), Juan Ramón Díaz García (2004), Alfonso Sánchez Izquierdo (2005), Ángel Botana (2006), Blanca García Montenegro (2007), Gerardo González Martín (2008), Perfecto Conde Muruais (2009), Manuel Martín Ferrand (2010), Pepe Domingo Castaño (2011), Pilar Cernuda (2012), Germán Castro Tomé (2013), José Luis Alvite (2014), Lois Caeiro (2015), Fernando Ónega (2016), Fernando Salgado (2017), Bieito Rubido (2018), Xosé Luis Vilela (2019), Francisco Campos (2020), Arturo Maneiro (2021), Carmen Merelas (2022), José Luis Gómez (2023) e Aída Pena (2024).