O alcalde de Vigo, Abel Caballero, a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, María Méndez, e o comisario da mostra, Fernando Blanco -acompañados pola fotógrafa viguesa Mercedes Moralejo-, inauguraron este mediodía na Casa das Artes da cidade olívica a exposición “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, organizada pola APG e polo Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia.

O alcalde quixo incidir na visión do fotografiado, afirmando que “unha boa foto require sobre todo un bó fotógrafo e niso”, remarcou, “en Galicia estamos excepcionalmente ben e, en Vigo, superlativos e superlativas, xa que hai uns profesionais absolutamente magníficos… seguramente retribuídos por debaixo da súa calidade e da súa capacidade, pero en calquera caso, nunha mostra de excelencia certamente única”.
Caballero sinalou que “a vida dunha foto, na modernidade (nos medios dixitais) é dunha hora ou dúas horas, pero logo as vemos ao día seguinte na prensa en papel”. “Se teño que destacar algo na forma de transmisión”, engadiu, “é o titular e a foto, o resto está ben, pero vós, os fotógrafos, coa vosa capacidade, dades unha visión moi importante”. “Calquera pode sacar unha fotografía hoxe en día coas novas tecnoloxías, pero nesta exposición hai fotos que parecen auténticos cadros, e iso só o pode facer un fotógrafo ou unha fotógrafa”, concluiu.

María Méndez, que agradeceu ao alcalde e ao Concello de Vigo a súa implicación con este proxecto, afirmou que “é un orgullo para a Asociación de Periodistas de Galicia e tamén para o Colectivo de Fotoxornalistas, dispoñer deste universo de creación para poderlles amosar o mellor do noso facer fotográfico e xornalístico”.
Para a presidenta da APG esta é “unha ollada introspectiva, pouco frecuente, da profesión”, e por iso está segura de que “a contemplación dos lugares, personaxes e acontecementos da nosa terra permitiralles ir máis aló da mera recreación e o gozo estético”. “Queremos”, rematou, “que ademais poidan escudriñar o inédito da nosa fantasía, que se abandonen no gozo de observar e ler estas imaxes e lendas que lles acompañarán durante un mes, e que se confabulen coa nosa profesión”.

O comisario da mostra, Fernando Blanco, deu unha vez máis as gracias aos seus compañeiros fotógrafos, “que fixeron posible desenvolver esta exposición que, ademais de exhibir un ápice do noso intenso labor diario e reunir a gran parte dos profesionais que traballan en Galicia, refórzanos como colectivo e axuda a sentar as bases da futura asociación que agrupará aos gráficos galegos”.
Blanco tamén valorou como moi positiva a participación na exposición dos xornalistas, “nesta ocasión, ilustrando eles cos seus textos as nosas obras”, e enxalzou así mesmo o feito de que a mostra teña chegado xa ás sete principais capitais galegas. “Como sempre”, concluiu, “agardamos que tamén os vigueses gocen tanto das fotografías, como nós gozamos facéndoas”.

Por último, Mercedes Moralejo afirmou que “neste mundo frenético no vivimos, no que facer unha fotografía está ao alcance de calquera, os que por vocación eliximos gañarnos a vida contando historias, temos, a través desta exposición, a oportunidade e o privilexio de amosarvos a nosa ollada diferente, a nosa Galicia inédita”.
“Cada fotografía aquí exposta”, engadiu Moralejo, “é unha testemuña da dedicación, a paixón e o compromiso dos profesionais que moitas veces poñen en risco a súa seguridade persoal para contar o que está pasando, coa maior veracidade posible”.

“A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego” permanecerá aberta ao público na Casa das Artes de Vigo, con entrada libre, ata o próximo 28 de febreiro, en horario de 18,00h a 21,00h, de luns a venres; de 12,00h a 14,00h e de 18,00h a 21,00h, os sábados; e de 12,00h a 14,00h, os domingos e festivos.

REPERCUSIÓN MEDIÁTICA: