A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) estreou a súa páxina web no noso idioma, facéndoo coincidir coa celebración do Día das Letras Galegas 2024 (17 de maio), que este ano rendeu homenaxe á narradora, poeta, ensaísta, filóloga e violinista da xeración dos noventa Luisa Villalta Gómez (A Coruña 1957-2004).
A APG quixo desa forma dar resposta á súa vocación de promover o emprego do idioma galego, tanto falado, como escrito, entre os profesionais e os medios de comunicación da nosa comunidade. “Era necesario que fixésemos este esforzo para dar un paso adiante cara ao fomento do uso da nosa lingua e todos na APG coincidimos en que a data máis adecuada para a súa presentación en sociedade era este 17 de maio”, explicou a súa presidenta María Méndez.
Para saudar á nova web en galego da APG, a Asociación loceu nesta ciberpáxina un cartel que inclía unha lenda da homenaxeada desta edición do Día das Letras Galegas e dous vídeos de benvida; un, do investigador, profesor e crítico literario Armando Requeixo, e o outro, da xornalista, escritora e membro do Consello Asesor da APG María Xosé Porteiro.
Na súa benvida, Requeixo salientou que, “se hai un sinal que define o ADN da Asociación de Periodistas de Galicia ese é, sen dúbida, ó seu compromiso coa nosa lingua, por iso nesta renovada web que agora estrea ten lugar senlleiro, e esa é unha nova que causa ledicia e que confirma o compromiso da Asociación coa nosa cultura e coa súa historia”.
Pola súa banda, María Xosé Porteiro lembrou no seu vídeo unha cita de Álvaro Cunqueiro, ao que cualificou como “o mestre maior das xentes que dedicamos a vida e os soños a informar”, nunha homenaxe que recibira no ano 1980: “eu quixer, e quero, que a fala galega dure e continúe, porque a duración da fala, é a única posibilidade de que nós duremos como pobo”. Segundo Porteiro, coa expresión dese desexo, “Cunqueiro marcounos un camiño a seguir expresando ese desexo, que pasou a formar parte dos anceios do noso pobo”.
Nesa liña, a escritora e xornalista, chegou afirmar que, se quixesen facer un eloxio dela despois de morta, a súa lápida podería dicir: “aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis… a por outras mil”.
A nova páxina web en galego inclúe tódolos contidos que se refiren á intensa actividade que desenvolve a APG para a formación, dignificación, debate e desenvolvemento da profesión xornalística e da comunicación en Galicia, e contou para o seu desenvolvemento coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.