A Asociación de Periodistas de Galicia, en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, levará a cabo o próximo 28 de novembro, no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, a sexta edición do seu Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero, que este ano levará por título: “Comunicar sobre violencia de xénero, unha necesidade para erradicala”.
O evento reunirá a un bo número de destacados expertos e especialistas na materia, responsables da Administración galega en materia de igualdade e loita contra a violencia de xénero, ademais da participación -implicando á comunidade universitaria como en anteriores edicións- de profesores e alumnos da Facultade de Ciencias da Comunicación do campus compostelán.
A xornada comezará ás 10.00 horas coa inauguración oficial, á que seguirá unha conferencia inaugural sobre outras formas de comunicarse nos medios e redes; dúas mesas de debate sobre prexuízos e comunicación da violencia de xénero, e sobre redes sociais e novas canles en relación co acoso e a violencia de xénero. A continuación, nunha entrevista ao panel, abordarase a cuestión da mellora da cobertura informativa en relación á violencia de xénero. E a xornada rematará cunha exposición sobre a xestión da violencia dende a Administración autonómica e coa súa clausura.
Todas as mesas, paneis e conferencias do Congreso irán seguidas de coloquios abertos ás preguntas do público asistente, cuxo acceso ao auditorio no que terá lugar o Congreso é libre e de balde.