O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, María Méndez, o fotoxornalista lugués Pepe Álvez, e o comisario da mostra, Fernando Blanco, inauguraron este mediodía, na Praza de San Marcos, a exposición “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, organizada pola APG e polo Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia.
O presidente da Deputación luguesa, José Tomé, incidiu en que para el “é un gran pracer inaugurar esta mostra que nos ofrece perspectivas novas e únicas sobre a realidade galega”. “Quero felicitar”, engadiu, “á Asociación de Periodistas de Galicia por esta iniciativa e agradecer aos fotoxornalistas o seu magnífico traballo porque, eles que a diario nos presentan as imaxes que contextualizan a actualidade, desta volta deciden centrarse naquelas cuestións que pasan máis inadvertidas, naquilo que merece ser captado e apreciado”.
Tomé subliñou que a mostra “é un chamdo a deter o noso vertixinoso consumo de imaxes e a recuperar a capacidade de mirar e reflexionar”. O presidente da Deputación puxo o foco en que “esta exposición é unha reivindicación da pluralidade, da convivencia e da diversidade, amosándonos as diferentes formas de ser galegos e galegas, ou de estar en Galicia”. Así mesmo, valorou dun xeito positivo que a mostra chegue a Lugo no mes das festas do San Froilán, “un tempo de sentir a comunidade, de compartir e de romper coa rutina”. “A Galicia inédita”, concluiu, “convídanos a mirarnos sen prexuízos, con retranca, e a recoñecer o valor do noso pasado, presente e futuro como galegos, reafirmando a importancia de cultivar unha sociedade crítica e tolerante”.
Na inauguración, a presidenta da APG, María Méndez, afirmou que a exposición chega a Lugo “co mesmo afán que lle levou a iniciarse en Santiago de Compostela hai cinco meses, levar a cada recuncho da nosa comunidade unha mostra do quefacer e do sentir dos nosos xornalistas e gráficos, malia que desta volta, lonxe do papel ou das pantallas, as súaslas, sus obras gráficas e literarias quixeron baixar a pé de rúa con escenas inéditas para azuzar a nosa curiosidade, e con outras que, non por coñecidas, deixan de guiarnos cara á fantasía”.
A presidenta da APG agradeceu ao presidente da Deputacióna súa “hospitalidade” coa obra de xornalistas e fotoxornalistas, convidando a lugueses e visitantes a “realizar unha parada neste espazo fortificado que nos cederon e no que estamos seguros de que as musas lles axudarán a recalar en lugares, acontecementos e personaxes que percorren a nosa xeografía máis persoal”. “Co bo ánimo que nos infunde esta inmersión nas súas festas grandes de San Froilán, confiamos en obter unha maior complicidade e comprensión cara á nosa tarefa informativa”, concluiu.
Pola súa banda, Pepe Álvez fixo un percorrido pola evolución do sector da prensa gráfica en Galicia, dende os seus comezos hai uns corenta anos, ata hoxe: “a verdade é que se ten avanzado moito, xa que daquela se lle daba unha importancia relativa á parte gráfica, era algo secundario e mesmo nas asociacións de Prensa nin sequera admitían aos fotógrafos, mentres que agora os medios son conscientes de que as imaxes son fundamentais para a información… malia que todavía queda moito camiño por percorrer”.
O decano dos fotógrafos de Lugo valorou especialmente “o mérito destes novos profesionais que se puxeron dacordo para crear un Colectivo Profesional en Galicia e que queren constituírse en Asociación, porque é francamente complexo conseguir reunir, como xa ten acadado tamén esta exposición, a profesionais que en moitos casos traballan pola súa conta”.
E o comisario da mostra, Fernando Blanco, agradeceu “a xenerosidade dos seus compañeiros, os fotógrafos que fixeron posible o fito de xuntar a 73 dos algo máis de 100 profesionais gráficos que traballan neste momento na prensa galega, así como aos xornalistas polos textos que acompañan ás imaxes”. “Debido ao seu éxito, o que comezou sendo unha única mostra en Santiago, vai chegando pouco a pouco a tódalas grandes cidades de Galicia, polo que agardamos que tamén o público de Lugo goce tanto das fotografías, como nós gozamos facéndoas”, concluiu Blanco.
A exposición, que xa acadara case 12.000 visitas en Santiago de Compostela, e un notable éxito tamén nas cidades de Pontevedra, Ourense, A Coruña e Ferrol, aterra na capital da muralla romana onde, por mor do apoio da Deputación provincial, o público poderá gozar na rúa ata o 10 de novembro as súas 73 imaxes. Trátase de obras asinadas por outros tantos fotoxornalistas que traballan en Galicia, acompañadas por textos elaborados por xornalistas que tamén desenvolven o seu labor na nosa comunidade autónoma.