A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) vén de iniciar os tranallos para a elaboración do informe Diagnóstico sobre a profesión xornalística en Galicia, un proxecto de investigación que ten como obxectivo coñecer e analizar a situación actual dos profesionais da información e da comunicación que desenvolven o seu labor na nosa comunidade, así como achegar a percepción que teñen sobre o seu sector.
O estudo basearase nos datos obtidos dunha ampla e profusa enquisa previa que se realizará entre os profesionais, baixo a dirección do catedrático de Xornalismo da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC Xosé López García. Coordinado polo directivo da APG, Virgilio Costas, os resultados e conclusións do informe daranse a coñecer na presentación do próximo número da revista Comunica que edita a APG, que contará coa presenza de destacados expertos no eido da comunicación.
A presidenta da APG, María Méndez, pide a todos os compañeiros e compañeiras dos distintos ámbitos da comunicación que se impliquen nesta enquisa, lembrando que os datos extraídos da mesma serán tratados en todo momento de forma anónima e coa única e exclusiva finalidade de desenvolvemento do estudo de investigación. “Este ambicioso proxecto”, di, “axudaranos a comprender o que está a suceder no noso sector, visibilizar a súa situación, comprender as diversas situacións laborais e profesionais existentes e tamén coñecer as nosas propias expectativas”.
A APG é unha asociación sen ánimo de lucro, que ten entre os seus obxectivos fundamentais reflexionar sobre os retos, desafíos e inquedanzas dos profesionais da información e da comunicación. O Informe que agora pon en marcha, conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e do Banco Sabadell.
PARA ACCEDER E COMPLETAR A ENQUISA, PINCHAR NA SEGUINTE LIGAZÓN:
https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSf_ODNq4be6GxfySsOsrqZpuNvzlOGIA2q3SMwjOv7Z_CE3pA/viewform