“A Galicia inédita” chega ao Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol apgadmin Setembro 7, 2024

“A Galicia inédita” chega ao Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros Barros, a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, María Méndez, e o comisario da mostra, Fernando Blanco -acompañados polo fotógrafo ferrolán Kiko Delgado-, inauguraron este mediodía no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol a exposición “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, organizada pola APG e polo Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia.

O rexedor ferrolán destacou que esta mostra “é unha oportunidade única de ver a nosa terra desde unha perspectiva dobre, que conxuga a información e a arte” e puxo ademais en valor o labor dos fotoxornalistas que asinan as imaxes expostas, que segundo Rey Varela, “foron quen de plasmar os diferentes ámbitos que compoñen a sociedade galega”. A todos eles trasladoulles a súa felicitación por “chegar con fotografías máis aló de onde o fan as palabras”, con especial mención a Kiko Delgado, Jorge Meis, Ángel Manso e Gabriel Tizón, profesionais ferroláns cuxo traballo forma parte da mostra.

O alcalde concluiu a súa intervención agradecendo á Asociación de Periodistas de Galicia, ao Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia e ao comisario da exposición, Fernando Blanco, o seu labor.

A delegada territorial da Xunta afirmou no acto que con esta mostra “temos a oportunidade de ver unha Galicia diferente, unha Galicia que nos sorprende e nos interpela”. “É unha homenaxe”, sinalou ademais, “a esa capacidade dos fotoxornalistas de contar, non só os feitos, senón tamén de ofrecernos novas perspectivas, novos ángulos e, en definitiva, novas formas de entender quen somos e cara onde imos.”

Aneiros Barros lembrou que a mostra serve “para render homenaxe ao labor de tantos e tantas fotógrafos de prensa que, a miúdo en condicións difíciles, permitíronnos coñecer máis de nós mesmos; pero tamén, é unha chamada para apreciar o fotoxornalismo como unha ferramenta imprescindible para a democracia e o diálogo social”.

Para María Méndez, “nunca serán suficientes as iniciativas que nos permitan poñer en valor o noso quefacer, tantas veces obviado e, outras tantas, incomprendido”. “Esta”, engadiu, “non é só unha expresión do que vemos facendo e podemos facer, senón tamén, a palmaria demostración de que, combinando esforzos, lograremos visibilizar a nosa tarefa, co que iso conleva de proposta para mellorala”.

A presidenta da APG manifestou “o seu profundo agradecemento para o alcalde, José Manuel Rey, cuxo entusiasmo e interese amosado á hora de solicitarlle o apoio da institución que preside, foi encomiable”. Ademais, Méndez valorou a colaboración demostrada polo concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far, e polo director do Centro Cultural Torrente Ballester, Xosé Liñares, así como a presenza no acto inaugural da presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz.

O comisario da mostra, Fernando Blanco, que ao igual que Méndez deu as gracias ao rexedor e ao Concello ferroláns polo seu apoio, salientou “o esforzo realizado polo seu colectivo de fotoxornalistas e pola APG para levar a bo porto este proxecto que, dende a etapa inicial en Santiago de Compostela, vai chegando pouco a pouco con éxito ás principais cidades galegas; como neste caso, a Ferrol”.

“Foi a xenerosidade dos meus compañeiros”, sinalou tamén Blanco, “a que permitiu acadar o fito histórico de xuntar a 73 profesionais do fotoxornalismo -dos algo máis de 100 que traballan neste momento en Galicia-, co inestimable complemento dos textos dos xornalistas que acompañan a cada imaxe”. “Buscamos unha ollada distinta”, rematou, “porque hoxe temos que competir coa inmediatez das redes sociais… agardamos que gocedes tanto das fotografías, como nós gozamos facéndoas”.

Por último, Kiko Delgado afirmou, tras agradecer ao alcalde que “non dubidara nin un momento en traer a nosa obra a Ferrol”, que esta exposición “é o punto de partida dun grupo grande e heteroxéneo, ao que une unha profesión que é a fotografía; conformado por agora por máis de cen, pero que en breve será unha asociación como tal, formalmente constituída”.

“Nacemos”, engadiu, “non só para xuntarnos e expoñer unhas fotos, senón que tamén o noso labor será traballar por dignificar unha profesión cada vez máis desgastada, comunicar as nosas necesidades e os nosos acertos, formar aos que estamos e aos que virán, e lembrar ás institución o importante do noso labor e o noso cometido na sociedade como informadores gráficos, cronistas da vida diaria dos nosos pobos, notarios das cousas que pasan, boas e malas, e garantes da realidade”.

“A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, que acadou case 12.000 visitas na capital galega e foi vista tamén por milleiros de persoas en Ourense, en Pontevedra e na Coruña, estará aberta ao público no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, con entrada libre, ata o 29 de setembro, en horario de 11,00h a 14,00h e de 19,00h a 21,00h, de martes a sábado; e de 11,00h a 14,00h, os domingos.