“A Galicia inédita” desembarca en Ourense co respaldo da súa Deputación apgadmin Xullo 8, 2024

“A Galicia inédita” desembarca en Ourense co respaldo da súa Deputación

Foto: Alberte Pazos

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor Pérez, a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), María Méndez, e o comisario da mostra, Fernando Blanco, inauguraron este mediodía, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, a exposición fotográfica “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, organizada pola APG e polo Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia.

Foto: Alberte Pazos

O titular da institución provincial afirmou que “estamos hoxe ante unha mostra sen precedentes en Galicia, xa que reúne a gran parte dos fotoxornalistas en activo de toda Galicia, e a outros tantos xornalistas, por suposto cun protagonismo destacado para aqueles que captan cos seus obxectivos o que pasa cada día en Ourense”.

“Recibimos con gran satisfacción esta exposición, que plasma á perfección aquela idea inicial da Asociación de Periodistas de Galicia e do Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia, e que hoxe é unha realidade que os ourensáns podemos admirar durante todo o mes de xullo”, engadiu Menor.

Foto: Alberte Pazos

Pola súa banda, María Méndez subliñou que “esta exposición é a mellor mostra de que, cando a profesión, esta profesión, llo propón, é capaz de xuntar o mellor da nosa tarefa creativa”. “Unha proposta”, explicou, “tan só motivada polo interese de dar a coñecer parte da obra dos autores desas pezas gráficas e literarias que ilustran a nosa vida cotiá a través dos medios de comunicación, que moitas veces se perde na rutina da actualidade; pero que hoxe, nestas límpidas paredes, queremos facer eterna”.

A presidenta da APG agradeceu ao presidente da Deputación que abrira as portas da súa institución e do Centro Marcos Valcárcel a esta iniciativa, o que “permitirá aos ourensáns viaxar polas paisaxes, personaxes e acontecementos aos que nos levan estas 73 magníficas instantáneas, aderezadas polas aportacións literarias dos xornalistas”.

Foto: Alberte Pazos

O comisario da mostra, Fernando Blanco, salientou o esforzo realizado, tanto polo seu colectivo de fotoxornalistas, como pola APG, para levar a bo porto este proxecto que agora se achega ás principais cidades de Galicia, agradecendo especialmente á Deputación de Ourense o seu apoio para que os habitantes desa cidade e desa provincia poidan agora gozar da mostra.

“Gracias á xenerosidade dos meus compañeiros”, afirmou tamén Blanco, “acadouse o fito histórico de xuntar a 73 profesionais do fotoxornalismo, dos 100 que traballan neste momento en Galicia, co inestimable reforzo dos textos dos xornalistas que acompañan ás obras”. “Buscamos unha ollada distinta”, concluiu, “porque temos que competir coa inmediatez das redes sociais… agardamos que gocedes tanto das fotografías, como nós gozamos facéndoas”.

Foto: Alberte Pazos

“A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, que acadou máis de 11.000 visitas en Santiago e un notable éxito tamén na súa recente estadía en Pontevedra, estará aberta ao público no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense ata o próximo 4 de agosto, en horario de 11,00 a 14,00h e de 17,00 a 21,00h de luns a venres; e de 11,00 a 14,00h, os sábados, domingos e festivos, así como os días 1, 2, 3 e 4 de agosto.

Foto: Alberte Pazos

Coincidindo coa apertura da exposición en Ourense, presentouse a publicación “A Galicia inédita”, que reúne o conxunto das fotografías e lendas da mostra. Con introdución do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e prologado polo Premio Nacional de Literatura Alfredo Conde, foi promovida pola APG e polo Colectivo de Fotoxornalistas, contando co patrocinio da Xunta de Galicia.