A exposición fotográfica “A Galicia inédita” aterra en Pontevedra da man da Deputación apgadmin Xuño 3, 2024

A exposición fotográfica “A Galicia inédita” aterra en Pontevedra da man da Deputación

O seu presidente, Luis López, convidou no acto de inauguración da mostra no vestíbulo do Pazo Provincial a visitala para descubrir “o magnífico labor” dos fotoxornalistas galegos

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez, inaugurou esta mañá, no hall da sede da institución provincial, a exposición “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, organizada pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG) e o Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia.

López Diéguez, ao que acompañaron no acto María Méndez, presidenta da APG, e Fernando Blanco, comisario da mostra e portavoz dos fotoxornalistas, destacou “o magnífico labor” dos fotógrafos de prensa da provincia e de toda Galicia, así como “a excelente calidade” do seu traballo. “Sodes artistas da cámara”, díxolle o presidente a algúns dos autores das instantáneas que acudiron á inauguración, “o fotógrafo debe ter a ollada e, ao mesmo tempo, saber onde ollar”.

O titular da Deputación chegou afirmar que “se somos unha provincia que é envexa a nivel mundial, gran parte do mérito o teñen os medios gráficos por proxectar esa imaxe da provincia”. “Cando me propuxeron acoller esta mostra”, engadiu López, “aceptei sen pensalo, non só porque a miña profesión frustrada é a de fotógrafo, non só porque o magnífico labor que está a realizxar a Asociación de Periodistas de Galicia o merecía, non só pola excelente calidade destas 73 instantáneas… aceptei porque queriamos ter aos gráficos todos xuntos e por fin poder dicir: o cazador, cazado; y que desta volta sexades vós os fotografados”. “Abrir a Deputación a estas exposicións é un dos obxectivos que temos, porque é facer que a Deputación se achegue á xente”, concluiu.

Pola súa banda, María Méndez afirmou que o obxectivo desta mostra “é dar a coñecer á sociedade unha pequena mostra do quefacer e do talento dos nosos fotógrafos de prensa e xornalistas”, aínda que dende o comezo do proxecto e da primeira inauguración en Santiago xa había “unha vocación de itinerancia para facer chegar esas imaxes e eses textos que as acompañan dos xornalistas, ao conxunto dos galegos”.

A presidenta da APG agradeceu ao presidente da Deputación que abrira as portas da súa institución a esta iniciativa, como primeira parada do percorrido pola nosa comunidade, que permitirá aos pontevedreses viaxar polas paisaxes, personaxes e acontecementos aos que nos levan estas 73 instantáneas, aderezadas polas súas correspondentes achegas literarias e xornalísticas”.

Fernando Blanco, o comisario da mostra, tamén deu as gracias ao presidente da Deputación “por darnos a visibilidade necesaria”, dixo, “para que a xente visite a exposición”, así como á APG, “tanto pola súa aportación loxística, como polos textos que acompañan ás nosas fotografías”. Non quixo esquecer tampouco aos seus compañeiros, “que coa súa xenerosidade fixeron posible”, engadiu, “o fito histórico de xuntar a 73 profesionais do fotoxornalismo, dos 100 que traballamos en Galicia”. “Procuramos unha ollada distinta”, rematou, “porque temos que competir coa inmediatez das redes sociais”. “Agardamos que disfrutedes das fotografías, como nós as disfrutamos facéndoas”.

“A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego” estará aberta ao público, con acceso libre, ata o próximo 28 de xuño, no hall do Pazo da Deputación de Pontevedra, de luns a venres, en horario de 9,00 a 20,00h.