A APG, na presentación do informe de iCmedia Galicia 2024 apgadmin Maio 24, 2024

A APG, na presentación do informe de iCmedia Galicia 2024

A metade dos mozos galegos recoñece que o uso de Internet lle causa problemas

O 47,2% dos mozos galegos afirma que tivo algún tipo de trastorno psicolóxico ou peores calificacións escolares por pasar moitas horas conectado a Internet. As actividades online ás que máis tempo dedican son, por esta orde, as redes sociais (78,3%), escoitar música (71,3%) e ver series ou vídeos (68,9%). Son algúns dos datos que recolle o informe “Jóvenes e Internet en Galicia 2024”, elaborado por iCmedia Galicia e que hoxe se presentou en Vigo. Outro dato de relevo da sondaxe é que máis da metade dos adolescentes (57,5%) accede a Internet sen ningún tipo de control ou restricción por parte dos seus pais.

Un de cada tres mozos galegos consultados (33,3%) admite que as horas que pasa na Rede lle ocasionan problemas de sono
Canto aos efectos das pantallas na súa conduta, un de cada tres mozos consultados (33,3%) admite que as horas que pasa na Rede lle ocasionan problemas de sono; un trastorno que se agrava entre as mozas de 17 a 25 anos, pois a metade delas afirma sufrir ese tipo de problemas. Outros síntomas que sofren os mozos galegos por pasar moitas horas en Internet son os cambios de humor, que afectan ao 15,5% dos enquisados, a ansiedade (11,2%) e mesmo os ataques de ira (10,7%). En menor medida sinalan que a adicción ás pantallas provócalles illamento social (7,4%) e ciberacoso ou acoso escolar (4,4%).
O informe “Jóvenes e Internet en Galicia 2024” recolle os datos dunha sondaxe realizada por iCmedia Galicia no que participaron 1.150 mozos e mozas de Galicia e analiza as respostas obtidas nas dúas franxas de idade: de 12 a 16 anos e de 17 a 25 anos, con particular atención aos adolescentes. Os datos foron dados a coñecer hoxe en Vigo, nun evento celebrado no salón de actos da Delegación da Xunta de Galicia, organizado en colaboración coa Asociación de Periodistas de Galicia (APG). Tras unhas verbas de benvida da delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, interviron María Méndez, presidenta da APG; José Ángel Otero, presidente de iCmedia Galicia; Montse Doval, profesora da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo; e a psicopedagoga Agnieszka Morawiecka.

O informe sinala que as horas que pasan conectados a Internet os mozos galegos lles afectan de xeito significativo no seu rendemento escolar. Así, o 17,9% dos enquisados recoñecen que sacan peores notas por ese motivo. Esta situación dase sobre todo entre os adolescentes, onde case un de cada cinco (19,2%) admite ter obtido peores calificacións.
O principal dispositivo para conectarse a Internet é o teléfono móbil (tipo smartphone), que utiliza habitualmente o 92,1% dos mozos. Entre os varóns, o segundo dispositivo máis usado é a videoconsola (37,8%), por diante mesmo do ordenador portátil (36,1%).
Redes sociais
Aínda que as redes sociais son a principal actividade en Internet -o 97,9% ten ao menos unha conta-, hai importantes diferencias entre homes e mulleres; así, entre os mozos a preferencia principal son os videoxogos (74,7%), mentres que quen máis mercan online son as mozas de 17 a 25 anos; case a metade delas o fai acotío.

O acceso dos menores a contidos pornográficos preocupa cada vez máis á sociedade polos efectos negativos que provoca no seu comportamento afectivo-sexual. Un de cada tres mozos (33,9%) entrou en páxinas web de contidos pornográficos, e un de cada cinco adolescentes varóns (20,4%) o fai “con frecuencia”.
Catro de cada dez (40,6%) dedican máis de tres horas diarias ás redes sociais, e un de cada dez admite que pasa nelas máis de 5 horas ao día. As redes máis empregadas son Instagram (54,4%), WhatsApp (50,5%) e TikTok (50,2%). Esta última é xa a rede máis utilizada polas mozas de 17 a 25 anos (63,6%). Facebook apenas a usa o 1,4% dos mozos galegos, porcentaxe que baixa ao 0,7% entre os adolescentes.
Canto ás plataformas audiovisuais, Netflix é a máis utilizada (64,3%); tras ela se sitúan Amazon Prime Video (54,3%) e Disney + (35%). Catro de cada dez enquisados (41,3%) está subscrito a tres ou máis plataformas distintas.

Para acceder ao informe completo de iCmedia Galicia 2024, pincha a seguinte ligazón:

https://periodistasdegalicia.es/wp-content/uploads/2024/05/JOVENES-E-INTERNET-2024-1.pdf