A mostra, que inaugurou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e que estivo aberta ao público durante algo máis dun mes na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, contou co apoio da Consellería de Cultura e da USC
Máis de 11.000 persoas visitaron a exposición fotográfica “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, organizada pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG) e o Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia -coa colaboración da Consellería de Cultura y da USC-, e que foi inaugurada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o pasado 15 de abril, na Igrexa da Universidade de Santiago, na capital galega.
Rueda estivo acompañado na apertura da mostra pola vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Pilar Muria, pola presidenta da APG, María Méndez, polo voceiro do Colectivo de Fotoxornalistas de Galicia, Miguel Riopa, e polo comisario da mostra, Fernando Blanco. Eles foron os que guiaron ao presidente Rueda durante a súa visita á exposición, que reúne 73 fotografías -inéditas ou publicadas- doutros tantos reporteiros gráficos que traballan en Galicia, acompañadas por lendas de tipo literario, elaboradas por xornalistas que tamén desenvolven o seu labor na comunidade autónoma.
Os fotógrafos, “retratados” polo presidente
O presidente da Xunta, que se mostrou moi interesado por moitas das fotografías expostas e dedicou máis dunha hora á visita, protagonizou ademais un divertido momento ao tomar unha cámara e fotografar ás decenas de reporteiros gráficos presentes na inauguración. Rueda, que chegou mesmo a fincar o xeonllo na histórica pedra da igrexa, chanceou colocando aos fotógrafos antes de retratarlles, como fan eles habitualmente coas autoridades e políticos.
“A Galicia inédita” xurdiu precisamente dos encontros que mantiveron previamente a Asociación de Xornalistas e o Colectivo de Fotoxornalistas, co obxectivo común de poñer en valor e facer visible o traballo dos reporteiros gráficos en Galicia, sen perder o nexo de unión cos profesionais que ilustran os seus textos coas imaxes que toman os primeiros.
Lenda xeral da exposición, xunto ao seu autor, Alfredo Conde
A presidenta da APG, María Méndez, subliñou “que se trata da primeira iniciativa destas características, que alcanzou un gran éxito de convocatoria, e agradeceu o extraordinario esforzo realizado, tanto por parte dos fotógrafos, como dos xornalistas, para lograr en moi pouco tempo unha fantástica representación da obra da maior parte dos profesionais gráficos da comunidade, uns de medios de comunicación e, outros, freelance, aderezada por atractivas e evocadoras lendas escritas por xornalistas”.
Para o portavoz do Colectivo de Fotoxornalistas, Miguel Riopa, “esta é unha ocasión magnífica para darlle un pouco de lustre ao quefacer duns profesionais, non sempre valorados na súa xusta medida, e que moitas veces son vítimas do intrusismo profesional”. “Espero que a nosa exposición”, engadiu, “sirva tamén para recuperar a importancia que deben ter as imaxes nos medios de comunicación e, por tanto, o peso que teñen que ter os fotoxornalistas nas redaccións”.
En canto ás fotografías que se expoñen na mostra, as imaxes van máis aló da capacidade creativa dos seus autores e da instantánea de actualidade, con obras que plasman moi diferentes aspectos da nosa realidade social, económica e política, desde a vertente máis dura ou crúa (incendios forestais, narcotráfico, conflitos laborais…), ata as manifestacións artísticas, culturais e festivas galegas; incluíndo tamén un bo número de imaxes de enorme beleza paisaxística ou que profundan na xeografía humana da comunidade.
Tras a súa estadía e exposición en Santiago de Compostela, “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego” iniciou un período de itinerancia por toda Galicia, co obxectivo de intentar achegar as fotografías e os textos que amosa ao maior número posible de cidadáns no conxunto da comunidade autónoma.