Exposición de fotoxornalismo “A Galicia inédita” (16 abril-15 maio) apgadmin Abril 9, 2024

Exposición de fotoxornalismo “A Galicia inédita” (16 abril-15 maio)

O próximo 16 de abril abrirá ao público na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela a exposición “A Galicia inédita: Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, iniciativa da Asociación de Xornalistas de Galicia e do Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia, co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e da Universidade de Santiago (a través da súa Vicerreitoría de Cultura e Educación).

A mostra reunirá un total de 73 imaxes de outros tantos reporteiros gráficos que traballan na nosa comunidade autónoma, coa implicación ademais de ducias de xornalistas galegos que acompañan cada unha das obras cunha lenda de corte literario, interconectando dese xeito a ambos colectivos.

A exposición pretende poñer en valor e facer chegar ao gran público o labor que desenvolven os xornalistas de prensa -algúns deles con décadas de experiencia-, que aportan imaxes en algúns casos inéditas e, noutros, publicadas en medios impresos galegos.

A mostra será inaugurada o próximo luns, 15 de abril, cun acto que terá lugar na propia Igrexa da Universidade. “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego” estará aberta ao público nese inmoble, con acceso libre, entre o 16 de abril e o 15 de maio, de martes a sábado, en horario de 11,00h a 14,00h e de 17,00h a 20,30h.