Presentación do nº8 da revista da APG “Comunica” apgadmin Febreiro 15, 2024

Presentación do nº8 da revista da APG “Comunica”

Segundo observan os participantes na publicación, “os xornalistas teñen que mellorar a súa formación para asumir os desafíos da intelixencia artificial”

A intelixencia artificial está a experimentar un crecemento exponencial, tamén no mundo da comunicación, e os avances suceden a unha gran velocidade. Por iso, gran parte dos 25 expertos que participan no oitavo número (primeiro en formato dixital) da revista “Comunica” da Asociación de Xornalistas de Galicia (APG), coinciden en sinalar que é necesaria unha mellora da formación dos profesionais da información en canto a programación e datos, ao tempo que deben poñer en valor as técnicas xornalísticas e buscar en todo momento un uso responsable das novas ferramentas da IA.
A APG presentou hoxe (7 de novembro de 2023) “Comunica” nun almorzo informativo que tivo lugar no hotel Puerta do Camiño de Santiago de Compostela, coa participación da súa presidenta, María Méndez; o coordinador de “Comunica” e membro do Consello Directivo da APG, Octavio Rodríguez Nieto; e dous dos expertos que reflexionan sobre a IA na publicación: o catedrático de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Xosé López García; e o decano e profesor da Facultade de Enxeñaría e Tecnoloxía Empresarial da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), Eladio Dapena González.
María Méndez agradeceu “o enorme coraxe dos ilustres compañeiros, colegas, profesores, científicos, académicos, técnicos e profesionais que neste número de Comunica nósofanos a súa particular mirada en torno a esta área, dunha forma práctica, sinxela e didáctica”. “Unhas lecturas”, afirmou, “que estamos seguros de que espertarán o interese da profesión, pero tamén do resto da sociedade”.
“Comunica regresa despois dalgún tempo”, engadiu, “como plataforma para a análise das consecuencias que pode ter para o noso sector esta nacente ferramenta da IA, como un espazo de debate sobre as enormes incógnitas, pero tamén sobre as imprevisibles oportunidades que a súa aplicación vai xerar no noso campo laboral e social”. “Non queremos, nin debemos quedarnos á marxe da súa implementación, que podería supoñer unha auténtica revolución na nosa profesión, polo que esta publicación permitiranos dispoñer dun punto de partida sobre o que podemos construír argumentos que reflictan a nosa implicación absoluta co devir do xornalismo”.

“Contar o que pasa e realizar análises profundas”
Pola súa banda, Xosé López asegurou que o máis importante ante os novos retos é “contar cunha estratexia detallada para empregar a IA”, o que segundo el non significa que os xornalistas non teñamos que dar pasos cara adiante, entre os que citou, en primeiro lugar, “adquirir coñecementos en programación para poder falar de ti a ti cos equipos profesionais de diferentes disciplinas que hoxe teñen un papel central na nova conformación e funcionamento das redaccións da era dixital”.
En segundo lugar, afirmou López, os xornalistas “debemos apostar forte por aproveitar as nosas fortalezas, aplicando as nosas técnicas profesionais para dispoñer de boa información sobre estes procesos e centrarnos no que sabemos facer ben: contar historias, explicarlle á xente o que pasa, con técnicas actuais”. E en terceiro e último lugar, lembrou que “a análise profunda, con datos obtidos con IA ou sen IA, fundamentados e razoados, corresponde aos xornalistas”. É dicir que, para López, “non podemos pechar os ollos ante esta nova realidade, pero temos que cultivar o xornalismo de calidade xa que, con ou sen intelixencia artificial, no xornalismo, o básico permanece”.


Uso responsable e beneficioso para a sociedade global
Por último, Eladio Dapena, indicou que, “ante os desafíos e oportunidades sen precedentes que supón para a sociedade global a intelixencia artificial, é crucial comprender, tanto o seu desenvolvemento tecnolóxico, como o nivel de conciencia que teñen as persoas sobre a súa existencia”. “En calquera caso”, engadiu, “aínda falta un bo tempo para que estes sistemas consigan alcanzar o nivel da intelixencia humana, polo que, por agora, son dependentes dos datos que se usan para o seu adestramento, cuxa selección pode comprometer a súa transparencia con riscos significativos de prexuízos, discriminación, dilemas éticos, inxustizas, seguridade…”.
Dapena incide na “clasificación da intelixencia artificial desde a perspectiva de quen a utiliza, de forma directa ou indirecta”. Segundo el, iso conséguese “a través dun exercicio crítico e subxectivo, que ten lugar no momento tecnolóxico que está vivindo a sociedade actual”, ao tempo que advirte “dos riscos que supón o uso desinformado da IA”. E afirma que “a IA require unha comunicación efectiva e unha comprensión xeneralizada para o seu uso responsable e beneficioso para a sociedade global”. “A diversidade de perfís de usuarios e a necesidade de abordar a desinformación, plantexan desafíos importantes, que deben ser afrontados de forma inmediata e colaborativa pola sociedade no seu conxunto”, conclúe. “É fundamental fortalecer as habilidades e a comprensión dos que usan a IA, especialmente nos casos considerados como máis vulnerables”.

Ligazón de acceso a “Comunica”: https://acrobat.adobe.com/id/urn:aaid:sc:EU:2eee8406-d544-462b-b19c-4c100a52c233