ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN DE PERIODISTAS DE GALICIA (APG) apgadmin febrero 14, 2024

ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN DE PERIODISTAS DE GALICIA (APG)

CAPÍTULO I
DA ASOCIACIÓN EN XERAL

Artigo 1

  1. A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) foi constituída en 1995, quedando inscritos os seus Estatutos no Rexistro de Asociacións do Ministerio do Interior co número 147094. No ano 2004 adaptáronse á normativa vixente en Galicia e, cos Estatutos modificados, formalizouse a súa inscrición no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia co número 2004/007443-1 (5C). O actual texto responde á modificación estatutaria levada a cabo cumprindo o punto a) do artigo 21, que outorga esta competencia á Asemblea Xeral extraordinaria, en sesión celebrada o 11 de setembro de 2020.
  2. A Asociación réxese polos presentes Estatutos, pola Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do dereito de asociacións e pola demais lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicable.

Artigo 2

O domicilio social da APG radica na cidade de Santiago de Compostela (A Coruña), na rúa Ruela da Muíña, 7 – CP 15703, e o seu enderezo electrónico é presidenta@periodistasdegalicia.es

Artigo 3

A Asociación, en función dos seus fins e do emprazamento do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial da comunidade autónoma de Galicia.

Artigo 4

  1. A Asociación constitúese por tempo indefinido e só se disolverá, conforme a estes Estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.
  2. A Asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e no resto do ordenamento xurídico.

Artigo 5

  1. Son fins principais da Asociación:
    a) Promoción e defensa do exercicio da profesión xornalística
    b) Estudos e investigacións sobre medios de comunicación
    c) Formación permanente de profesionais da comunicación
  2. Para levar a cabo os seus fins, a Asociación poderá desenvolver as seguintes actividades:
    a) Organización de seminarios sobre a comunicación, as empresas de comunicación e a calidade dos medios de comunicación
    b) Publicación de traballos de investigación sobre medios de comunicación
    c) Promoción de conferencias sobre comunicación
    d) Organización de foros de debate e estudos sobre medios informativos
    e) Convocatoria de premios a profesionais da comunicación polos seus méritos na defensa da profesión, así como dos valores sociais ou culturais que favorezan a convivencia e a solidariedade a través dos medios de comunicación
    Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os asociados nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

CAPÍTULO II
DOS ASOCIADOS

Artigo 6

  1. Poderán ser integrantes da Asociación todas aquelas persoas físicas, con plena capacidade de obrar, e as persoas xurídicas, tralo acordo do seu órgano competente, que non teñan débedas pendentes coa Asociación e que reúnan un dos seguintes requisitos:
    a) Ser licenciado en Ciencias da Comunicación
    b) Exercer como profesional nun medio de comunicación ou exercer como docente en materia de Comunicación
  2. Os acordos de admisión de asociados serán adoptados pola Xunta Directiva, unha vez recibida a petición por escrito da persoa que desexa ser admitida.

Artigo 7

Dentro da Asociación poderán existir as seguintes clases de asociados:
a) Fundadores: aquelas persoas que subscribiron a acta fundacional
b) Numerarios: aquelas persoas que ingresaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional
c) Honorarios: aquelas persoas que, a xuízo da Asemblea Xeral, axuden de xeito notable ao desenvolvemento dos fins da Asociación

Artigo 8

  1. A condición de asociado pérdese:
    a) Por vontade propia
    b) Por falta de pagamento de catro cotas

c) Por incumprimento das súas obrigas ou realización de accións que
prexudiquen gravemente aos intereses da Asociación, previo expediente disciplinario, con audiencia do interesado
d) Por pasamento da persoa física ou extinción da persoa xurídica

  1. A expulsión de asociados e asociadas nos supostos dos apartados b) e c) do parágrafo anterior, será acordada pola Xunta Directiva, logo da audiencia do interesado. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición ordinaria.

Artigo 9

Os asociados e asociadas teñen os seguintes dereitos:
a) Participar nas actividades da Asociación e nos órganos de goberno e representación, exercer o dereito de voto, así como asistir á Asemblea Xeral, dacordo cos Estatutos
b) Ser informado da composición dos órganos de goberno e representación da Asociación, do estado das súas contas e do desenvolvemento das súas actividades
c) Ser oído con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra el e ser informado dos feitos que dean lugar a esas medidas, debendo motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción
d) Impugnar os acordos dos órganos da Asociación que estime contrarios á lei ou aos Estatutos

Artigo 10

Son obrigas dos asociados:
a) Compartir as finalidades da Asociación e colaborar na súa consecución
b) Pagar as cotas que se establezan
c) Desempeñar os cargos para os que foron elixidos
d) Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da Asociación
e) Acatar o contido dos Estatutos
f) Ter unha boa conduta individual e cívica

CAPÍTULO III
DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN

Artigo 11

A dirección e administración da Asociación serán exercidas polo presidente, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

Artigo 12

  1. O presidente da Asociación será designado pola Asemblea Xeral entre os asociados e o seu mandato durará cinco anos. Será asistido nas súas funcións por un vicepresidente, que o substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.
  2. O presidente terá as seguintes atribucións:
    a) Representar á Asociación diante de calquera organismo público ou privado
    b) Convocar e presidir as sesións que celebre a Xunta Directiva; presidir as sesións da Asemblea Xeral; dirixir as deliberacións dunha e doutra, decidindo con voto de calidade, en caso de empate
    c) Executar os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral
    d) Ordenar os pagamentos acordados validamente
    e) Asinar as actas, certificados, pagamentos e outros documentos da Asociación, xunto co secretario ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento do que se trate

Artigo 13

  1. A Xunta Directiva estará integrada polo presidente, un vicepresidente, un secretario, un tesoureiro, tres vocais e os delegados da Asociación nomeados nas principais cidades galegas
  2. Para axilizar a toma de decisións e facilitar o mellor funcionamento da Asociación, constituirase unha comisión permanente -de carácter executivo-, integrada polo presidente, o secretario e un vocal designado polo presidente
  3. Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán desempeñados de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados os gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa Asociación. As persoas elixidas para estes cargos deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade levada a cabo pola Asociación
  4. A Asemblea Xeral será competente para elixir aos cargos da Xunta Directiva. A súa duración será por un período de cinco anos, aínda que poden ser obxecto de reelección indefinida
  5. Os cargos cesarán na súa función por:
    a) Pasamento da persoa física ou extinción da persoa xurídica
    b) Renuncia voluntaria
    c) Transcurso do prazo para o que foron elixidos
    d) Acordo de cesamento de toda a Xunta Directiva adoptado por tres cuartas partes dos asociados reunidos en Asemblea Xeral extraordinaria convocada a tal efecto

Artigo 14

A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:
a) Programar e dirixir as actividades asociativas
b) Levar a xestión administrativa e económica da Asociación
c) Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior
d) Convocar e fixar a data da Asemblea Xeral
e) Propoñer á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para os asociados
f) Designar as comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da Asociación
g) Ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral
h) Resolver sobre as solicitudes de ingreso de novos asociados
i) Propoñer o plan de actividades da Asociación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas

j) Resolver os procedementos disciplinarios que se instrúan
k) Nomear, de consideralo oportuno, a un presidente de honra da entidade
l) Aquelas que non veñan atribuídas expresamente a outro órgano da Asociación

Artigo 15

  1. A Xunta Directiva será convocada polo presidente, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes
  2. Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo necesaria a concorrencia, polo menos, da metade máis un dos seus membros e, en todo caso, do presidente ou vicepresidente e o secretario, ou persoa que o substitúa. O secretario, ou no seu defecto o vocal que o substitúa, levantará acta das sesións, que se transcribirán no libro de actas

Artigo 16

Os membros da Xunta Directiva presidirán as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de acadar delas as informacións necesarias. Formará parte das devanditas comisións o número de asociados que acorde a Directiva, a proposta dos seus respectivos presidentes.

Artigo 17

A Asemblea Xeral de asociados é o órgano de expresión da vontade da Asociación e estará formada por todos os seus integrantes. O presidente e o secretario da Asemblea serán o presidente e secretario da Xunta Directiva.

Artigo 18

A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ao ano, e con carácter extraordinario, cantas veces o acorde a Xunta Directiva ou o soliciten o dez por cento dos socios. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido ao presidente, autorizado coas sinaturas dos solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.

Artigo 19

A Asemblea Xeral ordinaria reunirase necesariamente no último trimestre do ano. Tanto a ordinaria, como a extraordinaria, serán convocadas con quince días de antelación por parte do presidente. En ambos os dous casos, a convocatoria realizarase mediante correo electrónico, a través da súa publicación na páxina web da APG e tamén nas redes sociais nas que estea presente a Asociación.

Artigo 20

Serán competencias da Asemblea Xeral ordinaria:
a) Aprobar o plan de actividades
b) Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior
c) Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio
d) Examinar e aprobar as cotas

Artigo 21

Serán competencias da Asemblea Xeral extraordinaria:
a) Modificar os Estatutos da Asociación
b) Elixir e cesar aos membros da Xunta Directiva
c) Aprobar a federación con outras asociacións
d) Autorizar o alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais
e) Acordar a disolución da Asociación
f) Designar aos liquidadores
g) Ratificar a expulsión de asociados e asociadas, a proposta da Xunta Directiva
h) Solicitar a declaración de utilidade pública da Asociación
i) Aprobar o regulamento de réxime interno da Asociación
j) As que sendo competencia da Asemblea ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan agardar á súa convocatoria sen grave prexuízo para a Asociación
k) Todas as competencias non conferidas expresamente á Asemblea Xeral ordinaria ou á Xunta Directiva

Artigo 22

A Asemblea Xeral quedará validamente constituída sempre que concorran a metade máis un dos asociados na primeira convocatoria, ou transcorrida media hora en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes, pero en todo caso, coa presenza do presidente ou vicepresidente e do secretario ou da persoa que o substitúa.

Artigo 23

Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos asistentes ou representados, agás os relativos aos apartados do a) ao g) do artigo 21, que requirirán maioría de dous terzos. A continuación levaranse os acordos ao libro de actas e asinará o presidente e o secretario da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada por maioría dos presentes.

Artigo 24

Os acordos adoptados conforme aos preceptos anteriores obrigarán a todos os asociados, mesmo aos non asistentes. As sesións abriranse cando así o determine o presidente. A seguir, o secretario procederá á lectura da acta da Asemblea anterior, que deberá ser aprobada. Posteriormente, o secretario procederá a presentar a orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta Directiva que lle corresponda, procedéndose ao debate e aprobación dos correspondentes acordos, nos termos contidos nestes Estatutos segundo a materia de que se trate.

Artigo 25

Os acordos que vaian contra estes Estatutos ou infrinxan os fins da Asociación poderán ser recorridos en reposición diante da Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdición ordinaria.

Artigo 26

  1. O secretario recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, xestionará o ficheiro e o libro rexistro de asociados, e terá ao seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidade. Correspóndelle así mesmo notificar as convocatorias e custodiar as actas e expedir certificacións destas, co visto e prace do presidente. O secretario tamén xestionará o inventario dos bens da Asociación nun libro establecido a tal efecto
  2. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade do secretario, o presidente designará entre os vocais a un deles para que desenvolva esa función

Artigo 27

  1. O tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación, dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o presidente, levará a contabilidade da Asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos asociativos, elaborará o borrador de orzamentos da Asociación, así como as contas de resultados e balances
  2. O tesoureiro ten a obriga de proceder ao peche do exercicio orzamentario antes do 15 de decembro, co fin de que as contas estean a disposición dos membros da Asociación nos quince días anteriores á celebración da Asemblea ordinaria

Artigo 28

Os vocais terán as seguintes atribucións:
a) Realizar programas e propostas na súa área de actuación
b) Desempeñar os traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva

Artigo 29

O Consello Asesor configúrase como un órgano consultivo e de asesoramento do presidente e da Xunta Directiva, e será constituído por profesionais con prestixio e de libre designación pola persoa que ocupe a Presidencia.

CAPÍTULO IV
RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 30

A Asociación dispón dun patrimonio de 100 euros. O peche do exercicio económico coincidirá co do ano natural.

Artigo 31

A Asociación funcionará en réxime de orzamento anual, con partidas diferenciadas de ingresos e gastos. O borrador de orzamento será elaborado polo tesoureiro, que deberá de telo preparado antes do 1 de xaneiro de cada ano, co fin de que poida ser aprobado na Asemblea Xeral ordinaria.

Artigo 32

A Asociación manterase mediante os seguintes recursos:
a) As cotas periódicas dos asociados
b) As cotas extraordinarias que propoña a Xunta directiva e sexan aprobadas pola Asemblea
c) As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares
d) Os ingresos que poida recibir polo desenvolvemento das actividades da Asociación
e) Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas

Artigo 33

A Asemblea Xeral ordinaria, a proposta da Xunta Directiva, aprobará tanto as cotas ordinarias como as extraordinarias, que non serán reintegrables en ningún caso. O recadado dedicarase a atender as necesidades da Asociación.

Artigo 34

Anualmente, con referencia ao ultimo día do exercicio económico, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria que deberá poñerse a disposición dos asociados nun prazo non inferior a quince días á data sinalada para a celebración da Asemblea Xeral ordinaria, que deberá aprobalas ou censuralas.

Artigo 35

Para a disposición de fondos das contas que a Asociación ten nas entidades bancarias será necesaria a sinatura conxunta do presidente e do tesoureiro.

Artigo 36

Como entidade sen ánimo de lucro, os recursos obtidos pola Asociación en ningún caso poderán ser distribuídos entre os asociados.

CAPÍTULO V
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO

Artigo 37

O regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas nos presentes Estatutos, como o procedemento de elección dos membros da Xunta Directiva e o procedemento disciplinario, non podendo en ningún caso ir en contra do estipulado neles. En todo caso o funcionamento interno da Asociación estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil.

CAPÍTULO VI
MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

Artigo 38

Os presentes Estatutos só poderán ser modificados por acordo da Asemblea Xeral extraordinaria convocada a tal efecto, adoptado por dúas terceiras partes dos asociados. A proposta de convocatoria deberá ir acompañada do texto que especifique as modificacións propostas.

Artigo 39

A Asociación disolverase voluntariamente por acordo dos asociados, adoptado por dúas terceiras partes dos asistentes á Asemblea Xeral extraordinaria, convocada a tal efecto.

Artigo 40

Acordada a disolución, a Asemblea Xeral extraordinaria designará tres asociados liquidadores, que xunto ao presidente e ao tesoureiro, procederán a efectuar a liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.

Artigo 41

O haber resultante unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra asociación non lucrativa e inscrita na comunidade autónoma de Galicia. O xustificante da doazón será presentado no rexistro de asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da Asociación.