Próxima estación: o arco da vella das intelixencias

Xosé López GarcíaCatedrático de Xornalismo na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do grupo de investigación Novos Medios
A intelixencia artificial, termo xa acuñado no ano 1956, chegou para quedar. Hai tempo que diferentes aplicacións de IA teñen un protagonismo importante en distintos sectores, incluído o da industria da comunicación. O que acontece é que o lanzamento de ChatGPT en novembro de 2022 chamou a atención pola súa capacidade para dar respostas bastante axustadas, no marco das súas limitacións. Este sistema de procesamento da linguaxe natural, chamado generative pre-trained transformer (GPT) e deñado por OpenAI, alimentou o debate e sacou á luz a súa importancia nos sectores produtivos. Distintas estimacións de expertos falan de que, no 2025, a IA será responsable de crear arredor dun nove por cento dos novos empregos.
Non cabe dúbida, en todo caso, de que a competencia das máquinas para demostrar capacidades humanas é un dos sectores tecnolóxicos que se desenvolve moi rapidamente. Por exemplo, no campo da comunicación, xa permite que os robots desenvolvan tarefas repetitivas e rutineiras e fai posible a optimización de moitos procesos dunha maneira automática e sen intervención humana directa. Está, polo tanto, no sector, pois as industrias xa aplican ferramentas nos diferentes procesos —tamén na produción de pezas informativas, nalgúns casos— e cada día vai afectar máis aos xornalistas.
Como ten amplas posibilidades e entraña tamén riscos, dende o mundo xornalístico non podemos mirar para o outro lado, porque esta historia ten que ver con nós. Algúns dos problemas ou dificultades que temos na elaboración de pezas poderá resolvelos a IA, pero outros non. É dicir, parodiando o refrán, con IA ou sen IA, non todos os nosos problemas actuais teñen un remedio rápido. Por iso hai varias cuestións que son básicas e que os xornalistas non podemos esquecer neste escenario.
Certamente, o máis importante é ter unha estratexia para empregar a IA. Aplicar a intelixencia artificial en moitos procesos informativos require un plan moi detallado e uns protocolos compartidos polos equipos de redacción. Pero iso non implica que os xornalistas pensemos que non debemos dar pasos cara a adiante. Quizá, por iso, o primeiro paso consiste en adquirir coñecementos de programación para poder falar “de ti a ti” cos equipos de profesionais de diferentes disciplinas (enxeñeiros informáticos, enxeñeiros de sistemas, especialistas en big data, enxeñeiros de machine learning…), que hoxe teñen un papel central na nova conformación e funcionamento das redaccións da era dixital. A maioría dos procesos que aplican a IA baséanse, con frecuencia, na colaboración entre varios expertos da industria. Temos que traballar con eles, sen dúbida, pero desempeñando o noso papel neses equipos.
Superada esta proba, hai un segundo cometido: aproveitar as nosas fortalezas como xornalistas, aplicar as nosas técnicas profesionais para dispoñer de boa información sobre estes procesos e centrarnos no que sabemos facer ben, é dicir, en contar historias (explicarlle á xente o que lle pasa á xente) con técnicas actuais. Nesta dimensión somos fortes e, aínda que debemos mellorar, temos que apostar decididamente polo que poden achegar os elementos do xornalismo.
A análise profunda, con datos conseguidos con IA ou sen IA, fundamentados e razoados, corresponde aos xornalistas. O talento para contar historias orixinais con valor engadido —lonxe, polo tanto, de modelos “replicantes”— permanece na man dos xornalistas. Aproveitemos as nosas fortalezas, coñezamos as doutros perfís profesionais que tamén están —ou se incorporarán— aos medios e cultivemos o periodismo de calidade.
Neste século de máquinas intelixentes de cores —a estación na que estamos entrando—, non van desaparecer nin o xornalismo nin os debates que o acompañan dende hai décadas e que agora se repiten nuns tempos complexos e convulsos. Como periodistas, con máis ou menos anos, só nos queda mellorar a nosa formación —tamén en programación e IA, en alta tecnoloxía actual— e aproveitar as nosas fortalezas —a esencia da nosa profesión, os elementos do xornalismo—.
No periodismo, con intelixencia artificial ou sen ela, o básico permanece, pero non podemos pechar os ollos ante os cambios e o impacto da tecnoloxía nos procesos comunicativos. Sexamos plenamente conscientes de que a IA vai con nós ao desafío máis inmediato, á próxima estación das máquinas de múltiples cores —todo un arco da vella das intelixencias—. Mais asumamos que nós seguiremos sendo xornalistas.