Informe de iCMedia Galicia: os adolescentes, enganchados ás plataformas dixitais ozonoadmin Marzo 21, 2023

Informe de iCMedia Galicia: os adolescentes, enganchados ás plataformas dixitais

A metade dos adolescentes galegos están subscritos a tres ou máis plataformas dixitais

Na última década produciuse toda unha revolución na forma de acceder aos contidos audiovisuais. Aos cambios nas audiencias, cada vez máis personalizadas, sumáronse importantes avances na tecnoloxía que empregan os medios de comunicación. As plataformas dixitais están en pleno auxe –malia algúns retrocesos– gracias ao fenómeno das series de televisión, e as redes sociais racharon a fronteira dos medios tradicionais e ofrecen cada vez máis contidos audiovisuais.

Un informe elaborado por iCmedia Galicia constata eses cambios no consumo audiovisual en Galicia. Así, máis da metade dos adolescentes consultados (53,4%) están subscritos ou teñen acceso a tres ou máis plataformas dixitais. Pola contra, o 36,2% dos maiores de 60 anos non está subscrito a ningunha. O informe ten como base unha sondaxe realizada ao longo do último ano e medio.

Os maiores consumidores de series de televisión son as mozas de entre 12 e 16 anos: unha de cada tres (34,6%) dedícalle máis de dúas horas diarias, e un 17,3%, máis de tres horas. O 9,2% dos adolescentes fai unha maratón de series (ver tres ou máis capítulos seguidos) varias veces á semana. Son as mulleres as máis asiduas a esta práctica: o 16,3% fronte ao 3,2% dos mozos.

Son algúns dos datos recollidos no informe Consumo Audiovisual en Galicia 2023, presentado en Santiago de Compostela. No acto, que tivo lugar na RSEAPS, interviron María Méndez, presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia; José Ángel Otero, presidente de iCmedia Galicia, e Claudio Sánchez, crítico de cine e tv.

Da sondaxe, realizada entre 700 persoas de diversas idades, despréndese que un de cada cinco adolescentes galegos (20,7%) cré que ningunha das series xuvenís de moda reflicte como son eles. Máis da metade dos enquisados (58,5%) sinala que non sabe cal desas series define mellor aos mozos actuais. Mentres a maioría dos enquisados din que o principal motivo para ver unha serie determinada son as recomendacións de familiares ou amigos, os adolescentes sinalan que sobre todo o fan tras descubrila directamente na plataforma (46,4%).

Canto ás plataformas dixitais, a preferida dos galegos é Netflix, á que están subscritos ou comparten conta case 7 de cada 10 enquisados (67,8%), seguida de Amazon Prime (53,1%) e Movistar + (28,1%). O 17,4% non está abonado a ningunha.

As mozas de entre 12 e 16 anos son quen máis tempo dedican a ver contidos audiovisuais: o 34,2% delas pasa ante as pantallas máis de tres horas ao día, dez puntos máis que os mozos desas mesmas idades (24,2%). A ese tempo habería que engadirlle o que dedican ás redes sociais, pois, como sinala o informe de iCmedia, o consumo audiovisual está cada vez máis ligado ás redes sociais e ás plataformas que comparten imaxes. Nese senso, case 4 de cada 10 mozos de 17 a 25 anos (38,7%) dedica máis de tres horas ao día ás redes sociais. No outro extremo, a porcentaxe entre os maiores de 60 baixa ao 1,2%.

O informe inclúe achegas de expertos en comunicación audiovisual sobre os cambios que se están a producir neste eido, marcados por unha crecente dixitalización e unha diversificación das audiencias.