Sánchez de Dios recibiu o Alvite 2022 en Pontevedra ozonoadmin Maio 3, 2022

Sánchez de Dios recibiu o Alvite 2022 en Pontevedra

Rueda destacou que o xornalismo de opinión permite aos cidadáns “facerse unha composición de lugar e crear unha opinión propia, o que lles axudará tamén a tomar decisións”

O xornalista pontevedrés Javier Sánchez de Dios recibiu hoxe o Premio José Luis Alvite de columnismo, que concede anualmente a Asociación de Periodistas de Galicia, nun acto celebrado no café Moderno de Pontevedra e que contou coa presenza, entre outros, do vicepresidente primeiro en funcións da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, da presidenta da APG, María Méndez, e do alcalde da capital do Lérez, Miguel Anxo Fernández Lores.

O vicepresidente do Goberno galego destacou a importancia que ten o xornalismo de opinión para a formación de cidadáns libres durante a entrega do sétimo Premio Alvite. Rueda, que acudiu ao acto acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, valorou que a entrega do premio coincida coa celebración do Día Mundial da Liberdade de Prensa. Ao seu entender, os xornalistas e o xornalismo de opinión xogan un papel fundamental na democracia como é o de “contextualizar e estruturar a información que lles chega aos cidadáns, para que poidan facerse unha composición de lugar e crear unha opinión propia, o que lles axudará tamén a tomar decisións”.

Rueda enxalzou o premio creado pola Asociación de Periodistas de Galicia pola mestría da persoa a quen homenaxea, o columnista José Luis Alvite, e pola profesionalidade da nómina de premiados á que agora se suma Sánchez de Dios. Do xornalista pontevedrés, destacou “a entrega coa que abordou toda unha carreira dedicada á información e á súa traxectoria ao servizo dos seus lectores e oíntes”.

A lectura da laudatio do premiado correu a cargo de Miguel Ángel Rodríguez, director do xornal Diario de Pontevedra.

Javier Sánchez de Dios afirmou que sente “honrado” de que sexan os seus propios compañeiros de profesión, que “defenden os intereses de Galicia,” os que lle atribúan o mérito de colaborar nesa tarefa. Por outra banda, engadiu que acepta o premio “coa emoción dun veterano que espera seguir na brecha ata que Deus o queira”.

A Asociación de Periodistas de Galicia acordou por unanimidade outorgar o Premio José Luis Alvite 2022 a Javier Sánchez de Dios, considerando que encarna perfectamente o espírito deste premio, por ser “un comunicador nato cunha longa e fecunda traxectoria na prensa escrita, con incursións na radio, que desempeñou o oficio dende distintos ángulos e vertentes: traballou a información ao pé da noticia como sagaz cronista, exerceu responsabilidades informativas dende as que deu mostras da súa capacidade para sacar o mellor de cada un dos redactores do seu equipo, e leva décadas exercendo como analista solvente, dotado de fina pluma para achegar claves da actualidade política, social e económica de Galicia”. “Neste sentido”, xustifica a APG, “os seus artigos diarios en Faro de Vigo constitúen unha referencia dentro do panorama mediático galego”.

O Premio José Luis Alvite chega así á súa sétima edición, referendando cada ano o seu propósito de manter viva a memoria do extraordinario creador compostelán que dá nome ao galardón. Exento de dotación económica e consistente nunha figura conmemorativa, foi creado en 2016 para distinguir a traxectoria de profesionais que xeran opinión.