Mondoñedo acolleu a entrega do Premio Alvite 2021 a Marina Mayoral ozonoadmin Novembro 6, 2021

Mondoñedo acolleu a entrega do Premio Alvite 2021 a Marina Mayoral

“Sempre fun a escritora, a novelista ou a profesora de universidade, pero agora son os xornalistas os que me elixen como unha deles”, dixo a galardoada

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, acompañado pola presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, María Méndez, entregou a Marina Mayoral o Premio José Luis Alvite 2021, creado pola APG, no transcurso dun acto celebrado no auditorio Pascual Veiga, Mondoñedo, a localidade natal da escritora e xornalista galardoada.

O premio, que chegaba este ano á súa sexta edición, foi outorgado por unanimidade a Mayoral, catedrática emérita de Literatura Española, escritora e columnista de prensa, que publica habitualmente os seus artigos no xornal La Voz de Galicia. Mayoral tamén é académica de honra da Real Academia Galega desde o ano 2017 e os seus ensaios e novelas foron traducidos ao alemán, italiano, portugués, catalán, polaco, inglés e chinés.

Ademais, na súa obra sobresaen, indican os promotores do premio, “os seus contos, publicados nas mellores antoloxías en lingua española e noutras, en inglés e alemán”. A APG subliña que “entre o centenar de traballos de investigación realizados por Mayoral, destacan as obras sobre Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e a súa análise da poesía e prosa contemporáneas, así como os estudos sobre a problemática da escritura feminina ao longo da historia”.

O conselleiro de Cultura destacou a brillante traxectoria da premiada, como docente, escritora, académica e xornalista. “Temos a sorte de vivir nun país no que abunda o talento e as figuras que contribúen á nosa terra e cultura desde diferentes facetas, como é o caso da galardoada deste ano, unha muller pioneira e unha figura de referencia, que segue inspirando a novos xornalistas e aos novos talentos que empezan no mundo da escritura”, engadiu o conselleiro. Ademais, lembrou que o talento da premiada non se pode desligar da historia de Mondoñedo, unha localidade que destacou “por ver crecer a algúns dos principais nomes da cultura galega, como Álvaro Cunqueiro, Pascual Veiga, Leiras Pulpeiro ou a propia Mayoral”.

Pola súa banda, a presidenta da APG, María Méndez, agradeceu a Mayoral que aceptase “este pequeno pero sentido homenaxe”. Trátase dun “recoñecemento á túa prosa, tinguida sempre que podes da cor feminina e das inquedanzas das mulleres, das que es un referente literario”, declarou.

Durante a súa intervención no acto, o crítico literario e investigador Armando Requeixo apuntou que o premio recibido hoxe por Mayoral súmase a outros que xa colleitou ao longo da súa carreira, “tamén moi prestixiosos”, como o Losada Diéguez, o Fernández Latorre ou a Medalla Castelao, distincións todas que poñen de manifesto “a súa extraordinaria altura como creadora e intelectual”.

Na súa intervención, Marina Mayoral asegurou que este premio “é unha ledicia e un estímulo” nesta “última etapa” da súa vida. “Cando me deron a nova de que me concedían o premio de xornalismo José Luis Alvite, tiven a impresión de que o tempo se rebobinaba a toda velocidade, ata chegar á imaxe dunha nena de doce anos que dicía con gran seguridade: eu quero ser xornalista”, afirmou a premiada.

“Xa entón”, engadiu, “escribía poemas, contos e prosas variadas, que se parecían bastante ao que escribo na actualidade en La Voz de Galicia”. E asegurou que sempre foi “a escritora, a novelista ou a profesora de universidade”, pero agora son os xornalistas os que a elixen “como unha deles”. “O círculo pechouse. A nena que quería ser xornalista síntese agradecida e satisfeita”, concluiu.