II Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero da APG apgadmin Decembro 10, 2020

II Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero da APG

Irena Moozova (Directora de Igualdade da Dirección General de Justicia da Comisión Europea): “Haberá que agardar 60 anos por unha plena igualdade”

A directora de Igualdade da Dirección General de Justicia da Comisión Europea, Irena Moozova, pronosticou hoxe, na conferencia inaugural do Congreso “Medios de Comunicación en Tempos de COVID-19: Influencia da Pandemia na Igualdade e na Violencia de Xénero”, que “haebrá que agardar 60 anos para acadar unha plena igualdade,” un período que considera excesivo e inasumible, polo que a Comisión Europea dixo, “fai un chamamento aos ministerios de Igualdade dos estados membros para manter os compromisos financeiros na materia”. En opinión de Moozova, “a crise do Covid afecta de xeito desproporcionado ás mulleres polo que, máis que nunca, a igualdade de xénero suporá unha resposta máis xusta e efectiva”. Entre as consecuencias máis dramáticas, apuntou que o confinamento “rebelou que moitas mulleres están máis ameazadas no seu fogar”.

smart

No propósito común de eliminar estereotipos, Irena Moozova, chama á complicidade dos medios e denuncia os crecentes ataques aos que se ven sometidas moitas mulleres xornalistas en todo o mundo, en forma de acoso ou estigmatización “nunha proporción moito maior que os seus colegas homes”.

Pola súa banda, Rosa María Calaf, xornalista e excorrespondente internacional, empezou a súa conferencia afirmando que “a pandemia trastocou todo, facendo viral a vulnerabilidade, de forma que a pandemia enferma o corpo e os dereitos”, un contexto no que se evidencia o carácter esencial do xornalismo “para contribuír á igualdade e derrubar estereotipos pola súa capacidade de crear modelos sociais, estereotipos que obedecen a un modelo social androcéntrico, que ofrece una imaxe da muller como persoa de segunda categoría”.

Moi crítica coa cantidade de información que se produce, en moitas ocasións a costa da calidade, argumentou que a “avalancha de información nos despista e engánanos e, cando a información non é de calidade, estaremos entretidos, pero non informados”.

smart

Aínda que recoñece un avance da igualdade profesional das mulleres xornalistas, apunta un déficit de mulleres nos medios “tanto en opinión como en dirección” e subliñou a responsabilidade do xornalismo no uso da linguaxe, porque “as palabras non son inocentes, en ocasións agochan intención de manipulación de ideas” e coincidiu con Moozova en denunciar “a violencia verbal e física sobre as mulleres xornalistas, un problema serio sobre o que hai que tomar medidas”. Rematou cun chamamento á corresponsabilidade de toda a sociedade, “porque esta non é unha cuestión de mulleres; é cousa de todos”.

O Congreso, organizado pola APG coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, tivo lugar nol hotel Puerta del Camino, en Santiago de Compostela, en formato híbrido -presencial e online-, coa participación de máis de trinta xornalistas en distintos paneis de debate.

Durante os debates da sesión inicial houbo coincidencia en que o coronavirus é un monotema informativo, que arrasa con todo e que relega a atención informativa da igualdade e dos casos de violencia de xénero.

Nun dos paneis do Congreso expúxose tamén a necesidade de que os medios de comunicación e os xornalistas dispoñan dun código deontolóxico para orientarlles no seu labor en canto ao tratamento da perspectiva de xénero na elaboración das informacións.

A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández, alertou da necesidade de estar vixiantes para que as medidas derivadas da pandemia “non incrementen a vulnerabilidade das mulleres traballadoras e sexan un caldo de cultivo para a desigualdade e a violencia de xénero”. Fixo esa advertencia avalada polos datos estatísticos que puxo de relevo durante a súa intervención. Entre eles, a Valedora rebelou, por exemplo, que case o 70% dos contaxios de Covid no ámbito sociosanitario son mulleres, e alertou “do efecto perverso de situacións nas que as mulleres están confinadas nunhas paredes de cristal que as reducen ao seu papel como coidadoras”.

Pola súa banda, a presidenta do Observatorio contra la Violencia Doméstica y de Género, Ángeles Carmona, puxo en valor a contribución decisiva dos medios “que teñen que facer moi ben o seu labor para que as vítimas confíen en que van estar protexidas”. Con ese propósito, explicou que no labor de redacción hai que tomar conciencia de que son esenciais os titulares que se usan nas noticias de violencia de xénero, os contidos informativos ou a sección na que se publican, que non debe ser a de Sucesos. Apelou á sensibilidade de toda a sociedade para imaxinar “o escenario de medo que tiveron que ser moitos fogares durante o confinamento, tendo en conta que o 81% dos asasinatos prodúcense no domicilio”.

As denuncias baixaron nun 14,62% no primeiro trimestre deste ano con relación a 2019, pero subiron nun 61% as chamadas ao 016, un teléfono que é coñecido de forma xeralizada por toda a poboación gracias, en opinión de Carmona, “ao compromiso de tódolos medios por incluír ese número en tódalas informacións de violencia de xénero”.

O Congreso rematou coa intervención da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, que enumerou as medidas adoptadas pola Administración galega para facer fronte ás consecuencias do Covid-19 na perspectiva de xénero, e coa lectura das conclusións do Congreso, sendo clausurado pola conselleira de Emprego e Igualdade do Goberno galego, María Jesús Lorenzana.