O acto de entrega tivo que atrasarse uns meses por causa dos efectos da pandemia do Covid
Siro López recibiu hoxe o Premio José Luis Alvite, concedido pola Asociación de Xornalistas de Galicia (APG), “como recoñecemento á súa traxectoria profesional como ensaísta, humorista gráfico, caricaturista e articulista, dende a que creou escola e unha lexión de seguidores”.
O acto de entrega do galardón, celebrado na sede da ONCE na Coruña, estivo encabezado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e pola flamante presidenta da APG, María Méndez, e contou ademais coa asistencia, entre outros, do presidente da Deputación provincial da Coruña, Valentín González Formoso.
Manolo Rodríguez, vicepresidente da APG, realizou a laudatio do premiado.

Núñez Feijóo afirmou que os galegos do futuro terán na obra de Siro unha guía fiel para entender a Galicia que esperta á democracia e ao autogoberno. “É inmortal”, sentenciou, engadindo que a través do humor, galegos de épocas distantes poden encontrarse e compartir unha maneira de ver a vida, que se transmite de xeración en xeración.

A presidenta da APG, María Méndez, pola súa banda, destacou o significado do acto “medido polas circunstancias, pero co mesmo agarimo posto, que en anteriores edicións”
No seu discurso de agradecemento, Siro López explicou as razóns da ilusión que sente ao recibir esta distinción “por ser un premio que me conceden os colegas xornalistas, sen optar a el, sen competir con ninguén, sen concursos”. Destacou tamén o feito de que se lle concede por unha actividade profesional que ata 2017 foi secundaria na súa carreira, xa que “antes fixera caricatura política, caricatura persoal, humor gráfico e sempre ou debuxo fora o máis importante. Agora non. En “Puntadas sen fío”, o importante é o texto, e o secundario é o debuxo”. E finalizou falando da estreita relación que tivo con Alvite, “meu querido amigo e admiradísimo colega”, dixo, con quen traballou en equipo facendo a última páxina de Diario 16, entre 1996 e 1998. Despois, virían outras colaboracións. “Esta distinción foi creada para lembrar o mestre José Luis Alvite, columnista que asinou moitos artigos nas páxinas do Correo”.
