Relevo na APG. María Méndez, nova presidenta ozonoadmin Setembro 11, 2020

Relevo na APG. María Méndez, nova presidenta

María Méndez relevou a Arturo Maneiro na Presidencia da APG

A Asemblea da Asociación de Periodistas de Galicia aprobou a renovación da súa Directiva ao tomar posesión a nova Xunta, presidida por María Méndez, quen releva a Arturo Maneiro.
A nova Xunta Directiva está composta por:

  • María Méndez. Presidenta.
  • Pepe Castro. Vicepresidente.
  • Martín F. Vizoso. Tesoureiro.
  • Lalo Pavón. Secretario.

Vogais

  • Alfonso Riveiro.
  • Rosa Vilas.
  • Paula Pájaro.
  • Miguel Ángel Rodríguez.
  • Virgilio Costas.
  • Caetano Díaz Luisa Fernanda Torres. (Comunicación)

Delegacións

  • Octavio Rodríguez. (Pontevedra)
  • Juan José Feijoo. (Ourense)
  • Chus Castro. (A Coruña)

Satisfacción e agradecemento do presidente saínte
Arturo Maneiro manifestou a súa satisfacción por ser relevado na responsabilidade de presidir a APG despois de 25 anos impulsándoa, e o seu agradecemento á nova Directiva por facer o esforzo de continuar coa APG. Felicitou á nova presidenta por ter formado unha candidatura con tan bos profesionais, dos que dixo que agarda a mesma colaboración que tivera con el.
Animoulles a que a APG continúe sendo unha entidade profesional promotora e animadora de actividades que favorezan o exercicio da profesión xornalística. Felicitou aos directivos anteriores polo seu traballo durante os últimos anos e aos que van continuar na nova Directiva renovando o seu mandato. Arturo Maneiro tamén quixo agradecer a valiosa colaboración dos directivos que deixaran as súas funcións con anterioridade debido a diversos compromisos profesionais, Moncho Paz e Ana Roca.
María Méndez: chegar a bo porto.
Nas súas primeiras palabras no cargo, amosou a súa satisfacción por acadar o final do proceso: “Por fin temos chegado a porto. A un bo porto.” “A APG, cuxo rumbo nos veñen de encomendar dirixir, encóntranse como diría o meu amigo Pepe Castro, ben dotada para seguir a travesía”, proseguiu.
“E queremos facelo sen perder nin un ápice da súa esencia: un grupo de profesionais e amigos, dispostos a sumar e concitar encontros, nunha profesión que todos cremos necesita deste foro tan plural. Este foi o meu argumento para implicaros nesta tarefa, e suporá o horizonte que, agardo nunca perdamos de vista”.
“Gracias a todos, a cada un de vós, por sumarse a este tempo da APG, que confío nos reportará a todos grandes satisfaccións, pero tamén que servirá para que a nosa profesión, hoxe máis que nunca nunha encrucillada, poida facerse ver con todas as suas aristas”.
“Iso é, amosar as nosas carencias e a precariedade que nos acompaña en multitud de ocasións. Pero tamén aquelas manifestacións que nos fan máis grandes, e que dan valor a unha profesión, a de comunicar, que seguirá sendo de futuro. Os rumbos para acadalo xa están definidos. Manter os dous premios consolidados, un dos cales, o Diego Bernal, xa superó o cuarto de século. E tamén o José Luis Alvite, cuxo primeiro traballo temos que preparar co ánimo de celebralo na data prevista, o 25 de setembro na Coruña.
Pero tamén debemos ser quen de xerar iniciativas que nos permitan profundizar na nosa realidade profesional. Individual e colectiva. Actividades que servirán de escaparate para a autoanálise, e para amosar as nosas fortalezas e o noso protagonismo no devir da sociedade.
Por iso, permitideme que insista na necesidade de aunar esforzos co resto das entidades asociativas e colexiadas da profesión, na procura de que xuntándonos, as nosas proclamas terán maior resonancia e con iso, un maior retorno das nosas demandas.Todo iso, sen esquecer o gran reto de ampliar a nosa base asociativa. Sendo máis, e máis plurais, as nosas voces faranse oír en todas aquelas instancias que planexan, e queran achrgarse á nosa realidade. Con este equipo renovado, pero que garda a presenza de moitos dos históricos da Asociación, a os que agradezo enormemente non se baixaran do barco; e cos novos talentos que non dubidaron en ceder parte da súa enerxía, así como os colegas xa consagrados na profesión que aceptaron compartir o seu tempo cunha xenerosidade digna de aprecio, e as mulleres que se integran en maior número por non falar da súa incontestable calidade humana e profesional, así como os membros do Consello Asesor, que aspiramos poidan iluminarnos no noso quefacer… a APG ten a mellor das bazadas para enfilar o futuro: o seu gran equipo humano.
E en nome de tódolos asociados, debo agradecer a titánica vontade exhibida polo expresidente Arturo Maneiro á hora de facer avanzar este carro, como el mesmo calificou, creado en 1995. Sen a súa constancia por empurrar a APG contra vento e marea, non poderiamos agora forxar o seu futuro. Gracias Arturo, e tamén por acompañarnos nesta nova etapa.

CHegados ata aquí, debo lembrarvos o dito mariñeiro enviado por Martin ao whatsapp do grupo aspirante que di: “calquera vento é favorable para o mariñeiro se hai rumbo certo…” Xa temos o rumbo. Que a vosa complicidade acompañe sempre a esta Directiva da APG.

Consello Asesor, un novo órgano da APG
A nova presidenta propuxo á Asemblea introducir un punto na orde do día para aprobar un novo órgano de apoio á Xunta Directiva, un Consello Asesor que aglutine a veteranos profesionais e exdirectivos, sen un número limitado de membros, polo que poden integrarse novos profesionais sen máis trámites estatutarios. A proposta foi aprobada e intégrase este novo Consello nos Estatutos da APG. Compoñentes do Consello Asesor

  • Arturo Maneiro.
  • Ángel Botana.
  • María Xosé Porteiro.
  • Alfonso Cabaleiro.
  • Ana Peón Piñeiro.
  • Javier García Sánchez.
  • Lois Caeiro.
  • Fernando Salgado.