Francisco Campos, Bernal 2020, pide reforzar “a confianza social” como “vitamina” para o xornalismo ozonoadmin Xaneiro 24, 2020

Francisco Campos, Bernal 2020, pide reforzar “a confianza social” como “vitamina” para o xornalismo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou a “gran virtude da prensa galega”, na que “o local adquire dimensión global e o global trátase coas pautas do local”

O xornalista lugués e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Francisco Campos recibiu este xoves o Premio Diego Bernal 2020, un galardón que recolleu nun acto no que reivindicou a necesidade de reforzar “a confianza social” como unha “vitamina” para o xornalismo actual.
Rodeado por centos de compañeiros de profesión, amigos e políticos -como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que lle entregou o Bernal xunto co presidente da APG, Arturo Maneiro-, Paco Campos non puido agachar a “sorpresa” que supuxo para el este premio que cada ano recoñece o labor e a traxectoria de profesionais da información.
No seu discurso fixo un repaso pola transición do século XX ao XXI no mundo do xornalismo e reflexionou sobre a necesidade para a profesión de reforzar “a confianza social”, unha “vitamina” -dixo- precisa para “conformar unha esfera pública plural e diversa”.
Ao seu xuízo, calquera outro escenario deixa unha sociedade “orfa” fronte á “contaminación das fakenews e as tentacións populistas”. Nembargantes, segundo el, para poder recuperar ese papel do xornalismo no espectro democrático, é preciso “o apoio das institucións”, que “doten de recursos” aos profesionais.
Na mesma liña, quixo subliñar a situación dos medios públicos, que “sofren as consecuencias da crise de gobernanza”, e de Galicia, que é “referente” no sector audiovisual, xunto co País Vasco, despois de Madrid e Cataluña; malia que non esquece que “existen problemas” relacionados coa sostibilidade dos medios, a precariedade ou a transición ao multimedia.
Ao seu xuízo, Galicia “precisa de medios propios e estables” para facer fronte ao proceso de transición tecnolóxica, e afirmou que o xornalismo -unha profesión que “volvería a escoller de novo”-, segue sendo “necesario para garantir a calidade democrática e a cohesión da cultura e a lingua”.

Xosé López: “Os de Andrés son boa xente”
Para presentar ao premiado, o tamén profesor da USC na Facultade de Ciencias da Comunicación Xosé López dedicou unhas palabras ao seu “amigo” e “veciño”, facendo un repaso por toda a súa traxectoria, dende a temperá xuventude na parroquia de Ribeiras de Lea (Castro de Rei, Lugo), ata o día de hoxe.
Os camiños de López e Campos foron paralelos en moitas ocasións. O primeiro describiu ao premiado nesta edición do Bernal como “un mozo curioso e inquedo”, que se convertiu nun home caracterizado pola “curiosidade, o esforzo, a constancia, o talento, a honestidade, a lealdade, o coñecemento, a visión, a paixón e o diálogo”.
López afirmou que as moitas diferenzas que os separan ideolóxicamente non son máis que as que os unen como persoas. E volveu as “súas raíces” en Ribeiras de Lea, onde se coñeceron e onde asegura que empeza a procura de Campos “por un mundo mellor”. Unha conclusión á que o profesor engadiu as palabras que lle trasladou a súa nai antes de vir ao acto e que el “so ratifica”: “Os de Andrés son boa xente”.

Núñez Feijóo: “contemplar España, Europa ou o mundo con óptica galega”
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, recorreu a “Apocalípticos e integrados”, do escritor italiano Umberto Eco, para explicar que Francisco Campos “non é nin apocalíptico (daqueles que atisban cada transformación como un desastre inminente), nin integrado (dos que cren que o cambio en si mesmo é saudable)”. Con todo, definiuno como “galego”, unha persona na que “se aúna o teórico da comunicación, o docente e o máis complicado, o xestor que, sen abandonar nada diso, mantén a alma de xornalista”.
A continuación, Feijóo resaltou a “gran virtude da prensa galega”, que sigue a caracterizarse “pola proximidade”, xa que nela “o local adquire dimensión global e o global trátase coas pautas do local”.
“Contemplar España, Europa ou o mundo con óptica galega”, explicou, “non é un xornalismo miope”. “De feito”, concluiu, “Galicia e o mundo terían unha liberdade máis pobre se algún día estas ópticas deixasen de ser as que exerce o xornalismo autonómico”.
Para concluír, o presidente da Xunta recuperou as palabras de Xosé López, apuntando que “Os de Andrés son discretos, agudos e neoliberais”, cuestións que segundo Feijóo “non son menores”; tanto, “como ser un bó galego”.