I Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero da APG apgadmin Novembro 28, 2019

I Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero da APG

Anabel Díaz, Esther Esteban e Esther Jaén: “Estamos nun proceso de involución cos mozos”

Tres importantes analistas políticas, Anabel Díaz, Esther Esteban e Esther Jaén, fixeron autocrítica sobre o exercicio do xornalismo canto á igualdade e violencia machista, no I Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero, organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia, coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Na súa presentación, Fernando González Macías, directivo da APG, definiu ás tres expertas como “plurixenéricas”, polo dominio que teñen dos distintos xéneros xornalísticos.
Anabel Díaz observa certo “retroceso en todo o entramado” do combate contra o machismo. A analista atribuíuno a que “actuamos con compartimentos estancos” nas institucións. Para Díaz, hai que realizar unha tarefa “transversal e integral”. Descargou de culpa aos xornalistas e as atribuíu en cambio “aos que rexen a información, as empresas xornalísticas”.

Pola súa banda, a xornalista Esther Esteban apuntou a Vox porque, segundo ela, “quere rachalo contexto”, cando xa calara na sociedade iso de “nin unha máis”. Algo ademais que, subliñou, creouse gracias á unanimidade de tódolos partidos políticos.
Esther Jaén ofreceu datos acerca de como a muller, no global, aparece tan só nun 28%, deixando o resto para os varóns. E criticou, como índice desa discriminación, a escasa aparición da muller (9%) como expertas en noticias, fronte ao 51% de aparicións de mulleres en sucesos e actos de violencia. Ademais, afirmou que a Xustiza ten que ser o último recurso.
As tres xornalistas coinciden en que hai un certo retroceso entre a xente nova canto a igualdade. “Estamos nun proceso de involución cos mozos”. Por iso, defenden que os medios de comunicación revisen a programación, como no seu día se fixo cos horarios nos que os nenos ven a televisión, a programación infantil.

A visibilidade mediática da violencia de xénero, alivia ou fomenta o maltrato?

Antes desas intervencións, o maxistrado da Audiencia Provincial e ex titular do Xulgado de Violencia sobre a Muller da Coruña, Miguel Filgueira Bouza, reflexionou -presentado polo directivo da APG Alfonso Riveiro-, sobre se a visibilidade mediática da violencia de xénero alivia ou fomenta o maltrato. Expuxo varias opinións a favor e en contra e sentenciou que “non é responsabilidade dos medios de comunicación, pero os medios non están libres de responsabilidade”.
Filgueira mostrouse partidario de aumentar as dotacións dos xulgados de primeira instancia e axilizar o trámite a 2 ou 3 días de intervención. Ademais, recomendou aos profesionais acudir aos protocolos para ter claro o tratamento das noticias. Para el, é necesario “non fiar todo ao Dereito Penal, que debe ser o último recurso”. E sobre a presunción de inocencia, o maxistrado afirmou que é “un mal necesario que hai que asumir”. Observou como unha muller “perde as súas cualidades” no tempo que dura un proceso, propuxo poñer en marcha outras medidas ata que se chegue finalmente ao proceso penal e puxo de relevo a “inadecuación” da resposta penal, que castiga o delito, pero non o soluciona. No coloquio posterior á intervención de Filgueira abordouse tamén o tema das denuncias falsas.

“Os medios inducen hábitos, silencian voces e propician unha representación falseada da realidade”

O terceiro gran debate centrouse na construción dunha comunicación non sexista ou o papel das universidades. Rita Radl Philipp, coordinadora do Máster-doutorado da USC Igualdade, Xénero e Educación, cre que os medios “inducen hábitos, silencian voces e propician unha representación falseada da realidade”. Culpou especialmente ás televisións, ás redes sociais e aos medios tecnolóxicos. En varias ocasións, cualificou como “comportamento androcéntrico” o tratamento da muller nos medios de comunicación.
Xunto a Radl Philipp interviron Teresa Piñeiro, directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXeF) da Universidade da Coruña, e Águeda Gómez, responsable da Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade de Vigo. O debate foi moderado por Octavio Rodríguez, directivo da APG.
Ao remate, a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, expuxo as medidas que están a adoptar dende o Goberno galego para fomentala igualdade e combater a violencia de xénero.
O Congreso finalizou coa lectura de conclusións a cargo da súa coordinadora, María Méndez, directiva da Asociación de Periodistas de Galicia, tra-lo que o seu presidente, Arturo Maneiro, procedeu á clausura.