Xosé Luis Vilela xa ten o seu Diego Bernal (2019) ozonoadmin Xaneiro 24, 2019

Xosé Luis Vilela xa ten o seu Diego Bernal (2019)

O galardoado este ano pola Asociación de Periodistas de Galicia foi cualificado durante o acto de entrega como o “paradigma do xornalista total”

O director do xornal La Voz de Galicia, Xosé Luis Vilela (Muxía, A Coruña, 1957), recolleu o Premio Diego Bernal, outorgado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG) pola “traxectoria como xornalista multidisciplinar” deste profesional, cualificado durante o acto como o “paradigma do xornalista total”.

Na laudatio do galardoado, o xornalista Fernando Salgado alabou o seu perfil humano e o seu historial profesional, “un xornalista de raza e unha boa persoa”, “un facho de dignidade e de bonhomía», subliñou. Vilela asinou a súa primeira información en La Voz aos 18 anos de idade e desenvolveu toda a súa vida profesional de máis de corenta anos neste rotativo. El é “un paradigma galego do xornalista total” e segue sendo “aquel humilde rapaz de Muxía”, afirmou Salgado, quen se remontou aos inicios da democracia para lembrar o momento cando se incorporaron Xosé Luís Vilela e outros profesionais, no que o editor de La Voz, Santiago Rey Fernández-Latorre, propúxose renovar “a tripulación do navío, para convertelo no buque insignia da armada mediática galega”.

Vilela: “mentres haxa sociedade, haberá necesidade de comunicación”

Emocionado, Xosé Luis Vilela agradeceu o premio e a “riqueza enorme que é ter tantos amigos na profesión”. O director de La Voz aludiu ao momento de “encrucillada” que vive o xornalismo, pero dixo que “non hai que alarmarse, porque tódalas etapas son difíciles”. Deixou unha mensaxe de optimismo porque, “mentres haxa sociedade, haberá necesidade de comunicación”. “Sen comunicación non hai democracia, nin pensamento libre, nin posibilidade de coñecer ao outro, nin a nós mesmos”, enfatizou Vilela, antes de asegurar que “o que temos que facer é afianzar as boas formas de comunicación”, ás que contrapuxo as “lerias” tra-las que se encontran os “peores sentimentos que pode agochar o ser humano: o rancor, o odio, o desprezo”, que non están nos medios de comunicación. Citou a intelixencia, a apertura, a empatía, a liberdade sen prexuízos e o servizo aos demais como cualidades de éxito para os medios: “Se o conseguimos estará gañado o futuro da profesión”.

“Que La Voz de Galicia nunca deixe de ser a voz da maioría dos galegos”

O director de La Voz de Galicia recibiu o premio Diego Bernal 2019 de mans do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen dixo de Xosé Luís Vilela que “sempre se preocupou de que a súa casa, La Voz de Galicia, nunca perda a vocación coa que naceu: ser a voz da maioría dos galegos”.
“Xose Luis Vilela”, asegurou, “dirixe un medio no que o lector vai pasando da conformidade á discrepancia, do acordo ao desacordo, e onde encontra xente amiga e non tan amiga. Non hai mellor pedagoxía para vivir nunha sociedade na que hai que convivir coa discrepancia”.

Citou igualmente ao propio Vilela, cando escribía que todo o que conte un xornalista supón unha toma de posición, e revindicou a importancia da honestidade. Nesta liña, defendeu a importancia do xornalismo e animou aos medios de comunicación a seguir sendo os ollos e os oídos da cidadanía, narrando e analizando con claridade e rigor as cuestións que afectan aos cidadáns. Tamén lamentou que “as forzas que cuestionan por elitista ao xornalismo tradicional, son as mesmas que poñen en solfa a democracia representativa”.

Premio a toda unha traxectoria vital e profesional

A Xunta Directiva da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), acordou por unanimidade outorgar o Premio Diego Bernal -na súa edición de 2019- ao xornalista Xosé Luis Vilela Conde, considerando que, “ao longo da súa carreira, Vilela superou sobradamente o cumprimento de tódolos requisitos, de historial profesional e perfil humano, que se consideran necesarios para merecer este recoñecemento”. O premio valora de xeito especial “a súa traxectoria vital e profesional, dedicada ao exercicio do xornalismo dende unha idade temperá, tanto en cargos con responsabilidade de xestión, como de edición e de contidos”.