José de Cora recibiu en Lugo o Premio Alvite 2018 ozonoadmin Maio 3, 2018

José de Cora recibiu en Lugo o Premio Alvite 2018

O galardoado fixo unha defensa da ironía: “prefiro tender unha ponte ao sorriso, antes que apertar o gatillo”

O xornalista lugués José de Cora realizou unha defensa e eloxio da ironía no acto de entrega do Premio José Luis Alvite 2018 de columnismo, que lle outorgou a Asociación de Periodistas de Galicia (APG), nun acto celebrado na cidade de Lugo, con asistencia de autoridades locais, colegas, amigos e familiares.

De Cora agradeu a concesión do premio co que lle distinguiu a APG polo seu “labor de columnista”. “Fun, son e serei columnista de El Progreso”, remarcou ao destacar un labor ao que leva dedicado dende hai corenta anos. Comparou o seu modo de enfocar os artigos co que tiña José Luis Alvite, a quen situou como modelo: “as súas columnas, sendo moito máis ácedas que as miñas, comparten o mesmo principio humorístico, o de Gila, malia que eu lle engada a Kafka, senón unhas pingas de Camba”. E engadiu que se decanta pola ironía, porque “Alvite era máis tremendista, máis canalla, desesperado, pesimista e chabolista; a el dalle polas almas do nove longo e eu prefiro tender unha ponte ao sorriso antes que apertar o gatillo”.

A batalla da calidade

O acto comezou coa intervención do presidente da Asociación de Periodistas de Galicia, Arturo Maneiro, que asegurou que “en España cúmprense as recomendacións da Unesco” no que se refire á liberdade de prensa, ao lembrar o motivo polo que o Alvite se entrega o Día da Liberdade de Prensa, o 3 de maio. Tamén afirmou que “nesta contorna cultural cada vez é máis necesario definir o verdadeiro perfil do xornalista”. “Hoxe calquera pode publicar noticias e comentarios”, engadiu, “sen garantía ningunha de calidade, e acadar grandes audiencias, creando climas de opinión sobre supostos falsos”. Segundo Maneiro, estamos polo tanto “na batalla da calidade da información, que so a poden ofrecer medios de comunicación solventes… creo que aquí está a forza da permanencia dos editores e dos xornalistas; é a batalla da calidade”.

“Profesional polifacético e de fonda sabedoría”
Pastor Lorenzo, membro da APG, foi o encargado de realizar a laudatio do premiado, asegurando que, “certamente, José de Cora merece este premio, polo seu traballo atento e curioso do noso contorno cotiá, e pola súa variedade e diferentes olladas da súa obra”. “Se un repasa a súa ampla biografia de mestre, ao marxe do estritamente xornalístico, ten dabondo para facer unha inmersión nun profesional polifacético e de fonda sabedoría nos temas que trata e documenta”, concluiu.